12/04/2013

OS TEXTOS ARGUMENTATIVOS

Que é a argumentación?
A argumentación utilízase normalmente para desenvolver temas que se prestan a certa controversia. A argumentación identifícase co enunciado dun problema ou situación que admite posicións a favor ou en contra dunha tese (opinión que se defende). Argumentar é, polo tanto, achegar razóns para defender unha opinión e transformar a do lector. De aquí dedúcese a necesidade de ter en conta o destinatario (identificalo, coñecer os seus gustos e valores, prever a súa opinión...) para seleccionar os argumentos ou premisas máis axeitados e eficaces, e para contraargumentar (expoñer razóns que contrarresten ou invaliden os razoamentos alleos).
Dende un punto de vista pragmático, a argumentación é un acto de fala complexo que ten como propósito contribuír á resolución dunha diferenza de opinión.Por outro lado, a argumentación, por importante que sexa nun texto, adoita combinarse con outros modos de organizar o discurso, como a explicación ou a descrición, para conseguir un texto máis eficaz e dinámico. Así acontece no ensaio, no que predomina o procedemento argumentativo en combinación coa exposición.

Ámbitos dos textos argumentativos.
As situacións máis comúns en que se emprega a argumentación son as seguintes:
a)Situacións de carácter interpersoal: vida cotiá (discusión entre dúas persoas con diferente punto de vista), entrevista laboral, etc. Caracterízanse pola utilización dun discurso pouco planificado.
b) Situacións de carácter social: cartas ao director, artigos de opinión, manifestos, anuncios publicitarios, debates, mesas redondas... Empregan un discurso máis planificado e estruturado, cunha gramática máis elaborada e precisa.
c) Situacións técnicas: ámbito científico, xurídico e administrativo... (artigos de investigación, tratados, instancias, alegacións, sentenzas, demandas...). Usan estruturas moi formalizadas, nun discurso técnico.
d) Situacións académicas: os exames, informes, traballos académicos
No ámbito académico (exames, informes, traballos académicos) saber argumentar ben é imprescindible para defender con éxito a posición que se sostén. Para iso, é importante examinar os posibles argumentos dos contrincantes e buscar argumentos sólidos que defendan as nosas conclusións.

Estrutura dos textos argumentativos
As estruturas máis usadas nas argumentacións escritas (textos científicos e técnicos, humanísticos, ensaios...), son:
a) Argumentación dedutiva. Presenta unha orientación demostrativa: pártese dunha ou varias ideas xerais (tese) para chegar a unha conclusión (que reafirma a tese de partida ou propón novas teses) mediante a presentación de feitos, probas e argumentos.                                                                             
b) Argumentación indutiva. Pártese da presentación dunha serie de argumentos e, tras análise e razoamentos variados, chégase, a xeito de conclusión, a unha tese que se infire dos devanditos argumentos.
c) Argumentación mixta. Contén á vez elementos do esquema dedutivo e do indutivo. Formúlase ao principio a tese, móstranse feitos, casos ou razoamentos que a confirmen e, ao final, repítese a tese, case sempre con algunha variante.

Partes do texto
1. Presentación ou introdución
Ten como finalidade presentar o tema sobre o que se argumenta, captar a atención do destinatario e espertar nel o interese e unha actitude favorable.

2. Exposición da tese
A tese é a postura que se mantén ante o tema. Pode aparecer ao principio ou ao final do texto e é o núcleo da argumentación. Unha tese que non se apoie en argumentos racionais non constitúe unha boa argumentación. Soamente os datos obxectivos ou as afirmacións demostrables cientificamente constitúen argumentos válidos nun texto científico-técnico.Ao defender unha opinión adoita adoptarse unha destas tres posturas argumentativas:
a) Postura positiva: o emisor-argumentador achega argumentos que apoian a súa tese (argumentación positiva ou de proba).
b) Postura negativa: ofrécense razóns que refutan ou rexeitan argumentos contrarios ao propio punto de vista (argumentación negativa ou de refutación).
c) Postura ecléctica: acéptanse algunhas razóns alleas (concesións) e achéganse argumentos propios.

3. Corpo argumentativo
Unha vez exposta a tese, empeza a argumentación propiamente dita. Trátase ben de xustificar a tese coa presentación de probas e argumentos variados (argumentación positiva), refutar a tese contraria, ou admitir algún argumento contrario (concesión) para contraargumentar
Algúns tipos de argumentos:
a)   De competencia.
O autor preséntase así mesmo ou a outra persoa ou grupo, como competente para realizar actividades  relacionadas coa tese que se defende.
Exemplo: "Levo traballando de mecánico vinte anos, sei perfectamente os problemas que che pode causar unha avaría na correa de distribución ”
b)De analoxía
Inclúese un exemplo que apoia a tese dalgún modo. En ocasións é unha analoxía entendida como unha idea ou situación que de modo paralelo reforzan a idea principal do autor. Poden ser relatos, lendas...
Exemplo: "Podo engadir como argumento a historia doutra empresa na que elixiron un empregado con características parecidas ás súas e todo funcionou magnificamente.”
c)De datos. Cando se recorre a datos estatísticos para apoiar a tese.
Exemplo:” Está demostrado que o 60 por cento dos accidentes de tráfico son producidos por exceso de velocidade.”
d) Argumentos baseados en leis ou regras de carácter xeral:
Exemplo:  “Máis vale malo coñecido que bo por coñecer, así que é mellor non cambiar este empregado”
e) Argumentos de autoridade:  Baseados no prestixio dunha persoa ou institución  que é recoñecida pola súa competencia no tema tratado.
Exemplo:”Segundo a OMS o tabaco prexudica ás persoas non fumadoras que viven con fumadores.”

4. Conclusión
Recórdase ao receptor/interlocutor a tese, as partes máis relevantes do exposto e insístese na posición argumentativa adoptada.


PASOS PARA ESCRIBIR UNHA ARGUMENTACIÓN

A. Explorar a cuestión
O primeiro paso é a indagación; antes de empezar a escribir un texto argumentativo hai que explorar a cuestión, é dicir, o problema ou situación que admite posicións a favor ou en contra dunha tese, e considerar as diversas posicións. Para iso requírese:
a) Explorar os argumentos sobre todos os aspectos da cuestión
A nosa tarefa consiste en dar unha opinión ben informada que poida ser defendida con argumentos sólidos. Informarémonos sobre a cuestión, leremos artigos e falaremos con persoas con diferentes puntos de vista. Así empezaremos tamén a formular argumentos propios.
b) Cuestionar e defender a tese
Teremos que examinar tamén os argumentos a favor e en contra da tese. Hai que convencer o receptor de que os argumentos son certos, e de que a tese deriva coherentemente deles.
c) Revisar e reconsiderar os argumentos
Despois de decidir a conclusión que queremos defender e de explorar os argumentos, temos que pensar na forma máis axeitada de organizalos: é eficaz discriminar os argumentos fortes fronte aos débiles.

B. Ordenar os puntos principais
Supoñamos que chegamos a unha tese que pensamos que podemos defender axeitadamente. Agora fai falta organizar o texto de maneira que trate todo o necesario; prepararemos o esquema.
a) Explicar o problema
b) Formular unha proposta ou tese definitiva
c) Desenvolver os argumentos dun modo completo
d) Examinar as obxeccións (contraargumentos) Hai que anticiparse a preguntas escépticas. Deste modo, podemos matizar a tese de partida.

C. Escribir o texto argumentativo


Para ir familiarizándonos cunha estrutura doada  podemos seguir estes tres pasos  na nosa redacción:
1)
 Formular unha introdución breve e enunciar a tese que imos defender.A introdución debe ser breve e precisa; non pode ser unha introdución demasiado xeral.
2) Expoñer os argumentos con claridade.
  • Como regra xeral, expoñeremos un argumento por parágrafo. Incluír moitos puntos diversos no mesmo parágrafo só confunde ao lector e fai perder aspectos importantes. Usaremos o argumento principal para formular os parágrafos con claridade. Ademais de desenvolver os nosos propios argumentos dun xeito coidadoso e completo, tamén desenvolveremos en detalle os posibles contraargumentos, se ben dun modo non tan completo como os argumentos a favor da postura defendida.
  •  Non afirmaremos máis do que probamos evitando as falacias.                         Unha falacia é un argumentación aparentemente lóxica e verdadeira que logo resulta ser falsa. As falacias lóxicas son utilizadas comunmente para xustificar argumentos ou posturas que non son xustificables utilizando a razón. Adoitan enmascarar enganos, falsidades, ou estafas.
Unha falacia ad hominem consiste en afirmar que un argumento de alguén é erróneo só por algo acerca da persoa, non por problemas no argumento en si.
Exemplo:"Vostede non pode afirmar que a miña acción é inmoral porque estivo no cárcere".
- Argumento ad ignorantiam. Esta falacia dáse especialmente cando un afirma que algo é verdade só porque non se probou como falso, ou que algo é falso só porque non se probou como verdadeiro.
 Por exemplo:“ Existen extraterrestres , ninguén puido demostrar que non sexa así”
- Un argumento ad baculum (en latín, significa "argumento que apela ao bastón"), é unha falacia que implica soster a validez dun argumento baseándose na forza ou na ameaza do uso da fuerza.
Exemplo:"Se cres que non debes pagar impostos entón o teu soldo e propiedades seranche embargados; polo tanto, se non queres verte convertido nun indixente debes crer que pagar os teus impostos é a túa obriga. "

  • Usaremos coidadosamente os conectores                                                                           A función básica dos textos argumentativos é presentar unha serie de informacións de xeito convincente para guiar o lector cara ás conclusións que nos interesan. É imprescindible por iso relacionar as secuencias textuais entre si.
De acordo coas funcións que realizan os conectores argumentativos, distinguiremos tres grupos distintos:
I. Conectores contraargumentativosa) Expresións conectivas como aínda que, a pesar de (que), malia (que) e se ben (das que aínda que é o conector prototípico).
b) Conectores como peronon obstante, non obstante, agora ben, con todo, aínda así ou de todos os xeitos (pero é o representante paradigmático deste grupo).
c) Grupo formado por conectores tales como mentres que, en cambio e polo contrario (basicamente modifican no segundo membro algún aspecto do formulado no primeiro)
II. Conectores consecutivos
a) Conectores integrados na oración (que presentan a conxunción que): así que, de modo que, de maneira que, polo que, de aí que, etc.
b) Conectores de tipo parentético: por iso, por ese/ tal/ dito motivo/ razón/ causa, por tanto, en consecuencia, por conseguinte, pois, así pois.
III. Conectores aditivos
a) Conectores que introducen un novo aspecto ou punto de vista do tema que se está a tratar sen valoralo dende o punto de vista argumentativo: así mesmo, igualmente, de igual/ mesmo modo, por outra parte, por outro lado, pola súa banda, á súa vez.
b) Conectores que introducen un novo aspecto informativo do tema, presentándoo como máis forte dende o punto de vista argumentativo que os aspectos anteriores: ademais, enriba, por engadido, por demais, mesmo, inclusive.


3)      Redactar un parágrafo de conclusión.
Nel podemos reafirmar  a tese exposta inicialmente rematando o noso texto .

PROPOSTAS PARA ELABORAR  TEXTOS ARGUMENTATIVOS:

  • Os programas chamados “do corazón” teñen algo positivo?
  • A televisión  é un medio de comunicación útil e educativo ?
  • O fútbol  e os equipos de 1ª división . Son máis negocio que deporte?
  • É importante o xeito de vestir e o aspecto das persoas?
  • Acordo ou desacordo coa  seguinte afirmación: os rapaces e rapazas menores de 18 anos non deberían chegar máis tarde das 10.30 ás súas casas. 
  • A educación sexual dirixida aos adolescentes é imprescindible na súa formación. Acordo ou desacordo.
  • A  maioría das materias que se estudan na ESO non son útiles para a formación das persoas. Acordo ou desacordo.
  • O espectáculo dos touros. A favor ou en contra.
  • O botellón. É comprensible e debe permitirse ou pola contra debe prohibirse?
  • A clonación humana. Debería estar permitida?
  • A eutanasia . Debe legalizarse?
  • O aborto nas primeiras semanas de xestación. Debe legalizarse ou  non?
  • O tabaco nos bares. Debe estar permitido ou non?

1 comentário:

  1. Ángel Rodríguez Gómez 3ºB

    As miñas proposta para a argumentación dos meus compañeiros é a seguinte:

    Deberíase reducir a idade para sacar o carné de conducir ¿En acordo ou en desacordo?

    O alcohol e o tabaco deberían ser legais tendo en conta que son perxudiciais para o ser humano ¿si ou non?

    ResponderEliminar