Páxinas

01/12/2012

FILLA OBEDIENTE DE NAI AVARICIOSA


Monólogo
Non nai, non! Non me demorei porque invitase alguén a un café.

E moito menos a merendar.
E moito menos a comer.
Como se lle ocorre. Ben di vostede que:
" -Non é certo que o aforro rompa o saco". "Ao Saco que moito acumula Deus axuda. "
Tampouco me demorei, nai, auxiliando alguén na rúa.
E moito menos no traballo.
E moito menos no edificio.
Como se lle ocorre. Ben di vostede que:
" -O tempo dunha é ouro e diamante, prata e platino. E o tempo é para unha e para a súa nai." 
Non só non puiden regresar antes á casa, senón que, ademais, estou moi cansa porque estiven moito tempiño de pé.
Non poña esa cara, nai, ninguén me detivo polo camiño. Non o tería logrado. 
Nin me pediron no traballo que quede máis tempo. Non tería quedado sen que me pagasen. Nin a porteira logrou cazarme para que lle saque os cubos do lixo. Pola portaría paso como unha luminaria.
O que me aconteceu é que á veciña lle caeu unha moeda de ouro na rúa. Á veciña de en fronte, si. A esa, a que axudou no meu parto.
Non poña esa cara, nai, non me atrasei por axudar á veciña a buscar a moeda. Nin lle dei unha das nosas moitas moedas. Non,non tal, diso nada.
Demoreime, e estou moi cansa, por non me poder mover durante media hora. Porque o malo de todo foi non poder dar nin un paso ata que a veciña non deixou de buscar e marchou.
E é que me cravei no sitio, tal e como algunha vez o vin facer a vostede, nai.
Cravada no sitio pisando, baixo o meu zapato, a moeda da veciña.

Autor: Francisco Garzón Céspedes.
Tradución e adaptación: Belén I.G.

0 comentarios:

Enviar um comentário