Páxinas

01/01/2013

NOS TEMPOS DE MARÍA CASTAÑA

Un día, estando na casa da aldea a familia toda, o avó e mais a netiña foron dar un paseo. Era xa a tardiña, pero aínda ía calor, polo que de alí a un pedazo, sentaron os dous á sombra dun gran castiñeiro. Era este un castiñeiro moi fermoso, verde, de follas grandes que só deixaba pasar unhas pequenas raiolas de sol.
O avó dixo que aquel castiñeiro levaba alí desde que a familia fora vivir para aquelas terras, por aló polos tempos de Maricastaña.
- Avó,… ¿por que dis que foi nos tempos de Maricastaña? ¿Que queres dicir? ¿Cando foi iso?
- Hai moito, moito tempo, Sabeliña.
Cando eu falo dos tempos de Maricastaña quero dicir que xa hai moito tempo que os pais dos meus pais viñeron vivir para estas terras; que xa pasou moito, moito tempo desde entón.
- Pero ¿Quen era esa señora? ¿Quen esa Maricastaña?¿Por que falas dela?.
- Mira, Sabeliña, Maricastaña foi unha muller que existiu de verdade, e que viviu hai máis de seiscentos anos nun sitio da Provincia de Lugo, alá por Terras de Lemos.
Foi unha señora moi coñecida porque, unha vez, protestou polos impostos que lle mandaban pagar os recadadores do Bispado de Lugo. A ela parecéronlle moitos cartos e sendo como era unha muller moi decidida, xuntouse con outras persoas que estaban na mesma situación e todos xuntos decidiron protestar, primeiro de palabra e despois pola forza.
As palabras non foron escoitadas e entón Maricastaña encheu o mandil de pedras na Praza Maior de Lugo e berrou: ¡A eles que son poucos!. As pedras caían coma un trebón nas cabezas dos recadadores de impostos. Os compañeiros de Maricastaña non o pensaron dúas veces e tamén agarraron pedras e coios contra os cobradores que non tiveron máis remedio que escapar ás carreiras cara á Catedral. Pero alí mesmo foron apedreados. Un deles quedou ferido de morte.
O suceso correuse entre as xentes como a pólvora. Todos falaban da revolta de Maricastaña e os seus compañeiros. Pero a cousa non quedou así, porque diante dun delicto coma aquel, no que tomaron a xustiza pola man, tivo que se presentar a Xustiza e detivéronos. Maricastaña chegou a ser condenada a morte, da que librou grazas ao favor do Rei e a pagar unha forte multa. Así puido seguir con vida e volver ás Terras de Lemos. O que ninguén puido evitar foi que, desde aquelas, a xente empregara esa expresión que eu che dixen: … foi nos tempos de Maricastaña… para indicar que aquilo foi xa hai moito tempo.

0 comentarios:

Enviar um comentário