01/01/2013

O TOLO E AS MOSCAS

Unha vez era un tolo que nunca se lavaba e no verán as moscas comiano a feito pois non lle saían da cara. O home desesperábase, pero non lle valía. Un día oíulle dicir a un veciño que ía dar parte doutro porque se metera con el e estivo pensando que ta¬mén podía dar parte das moscas posto que sempre se estaban metendo con el. Así é   que foi onde ao xuíz e díxolle:
- Eu veño aquí dar parte das moscas, que sempre se andan metendo comigo.
O xuíz, que o coñecía ben, respondeulle:
- ¡Non lles fagas caso, ho, non lles fagas caso!
- ¡Non, eu quéroas castigar!
- Pois mira -dixolle o xuíz-, o mellor é que collas a xustiza pola túa man; agarras un pao e, onde vexas unha mosca, ¡pumba!, zorrégaslle ata que non quede unha viva.
Naquel intre había dúas ou tres moscas pousadas na calva do xuiz. Viunas o tolo e foi e colleu unha cachapica que había colgada nunha trabe e empezou a pegar nas moscas que estaban na calva do outro e non parou ata que tirou con el no chan deixándoo por morto.

0 comentarios:

Enviar um comentário