01/01/2013

OS CATRO MOZOS

Había unha vez catro mozos que vivían nunha aldea. Para pasar o tempo, andaban sempre a inventar historias e contos estraños.
Un día viron no camiño a un viaxeiro, un home ben vestido que viña de fóra, e entre os catro argallaron para roubarlle a roupa.
Os mozos achegáronse ó home e puxéronse a falar con el. De alí a un pouco, un dos mozos propuxo facer un concurso:
—Que cada un de nós conte a súa aventura máis marabillosa. Se alguén non a cre, convertirase en escravo de quen a contou.
Ó viaxeiro pareceulle ben a idea, e os catro mozos rían entre eles, pensando que aquel home era un parvo. Os mozos pensaban que non podían perder, porque eles nunca dirían que non crían as historias do viaxeiro. E ademais tiñan pensado contar historias imposibles de crer... Así, cando o home perdese o concurso, sería o seu escravo e tería que darlles a súa roupa.
Chamaron ao alcalde para que fixese de árbitro e quedaron en que o viaxeiro falaría de último. Comezou a falar o primeiro concursante:

—Antes de que eu nacese, miña nai pediulle a meu pai unhas cereixas da cerdeira que hai á beira da casa, pero meu pai díxolle que estaban moi altas. Entón fun eu, cando ninguén me vía, agatuñei pola cerdeira arriba, collín as cereixas e pouseillas na mesa á miña nai.
O viaxeiro non dixo nada, así que comezou a falar o segundo mozo:
—Cando eu tiña unha semana, fun ao monte a dar un paseo e subín a un eucalipto onde había unha colmea. Convencín ás abellas para que non me picasen e enchinme de mel. Despois doíame o bandullo e non podía baixar do eucalipto, así que fun á casa por unha escaleira e cando trouxen a escaleira xa puiden baixar.
O viaxeiro non abriu a boca, así que comezou a falar o terceiro concursante:
—Cando tiña un ano vin un coello liscando polo souto arriba e púxenme a seguilo. Cando o pillei polo rabo, descubrín que era un tigre. O tigre abriu a boca para me papar, pero eu díxenlle que iso non estaba ben. Como o tigre non me facía caso, sopreille e partino en dous.
Tampouco aquí dixo nada o home, así que tivo que falar o cuarto mozo:
—O ano pasado fun pescar, pero non collín troita ningunha. Pregunteilles aos outros pescadores se eles pillaran algo, pero eles estaban igual. Entón, para averiguar o que pasaba, boteime ao río. Tardei tres días en chegar ao fondo, e alí vin un peixe grande como unha montaña que estaba a comer todos os peixes pequenos. Matei o peixe grande dunha labazada e, como tiña algo de fame, decidín xantar alí mesmo. Fixen lume, aseino e papeino dunha sentada.
Os mozos esperaban que o viaxeiro dixese algo como "iso non pode ser" ou que rise polo menos. Pero o viaxeiro non dixo nada desta historia e comezou a contar a súa, porque xa lle tocaba:
—Hai algúns anos eu tiña unha granxa. No medio había unha árbore de froita, moi distinta ás demais, con catro pólas e ningunha folla. Co tempo, de cada unha das pólas saíu un mozo. Como a árbore era miña, os mozos eran os meus escravos, e púxenos a traballar na granxa. Pero eran moi preguiceiros, e sentaban a contar contos en vez de baixar o lombo. Hai dúas semanas que escaparon os catro da granxa e alégrome de que por fin os teña atopado. Os catro mozos sodes vós, así que, por favor, volvede á granxa.
Os mozos non sabían que dicir. Se dicían que a historia era falsa, perderían o concurso e convertiríanse en escravos do home. Pero se dicían que a historia era verdadeira, tamén se estaban facendo escravos do viaxeiro.
O alcalde preguntoulles se crían a historia ou non, e como os mozos non contestaron, decidiu que os mozos eran escravos daquel home.O home pediulles ós mozos as súas roupas e deixounos en coiros para vergonza deles e exemplo de todos os  mentireiros do mundo.
( Conto de Birmania)

0 comentarios:

Enviar um comentário