05/02/2013

UN POEMA DO PRERREXURDIMENTO

ACTIVIDADE PARA A VOLTA DO ENTROIDO ( debedes facela no caderno)

No século XIX vencellado á defensa de Galicia, o idioma galego volveu ao ámbito escrito do que fora privado no período dos Séculos Escuros. Imos ler e analizar o contido deste poema para entender mellor este período que estamos a explicar nas aulas.

 Ou Galicia, Galicia, boi de palla,
canta lástima ten de ti ten o gaiteiro!
o aguillón que che meten é de aceiro
e con el moita forza te asoballa.

No lombo teu zorrega, bate e malla
fasta o máis monicreque ferrancheiro,
e calesquer podenco forasteiro
te abafa, de vergonza sin migalla! 
                                            
Agarima alleeira eses ingratos
ou víboras que postas o teu peito
co  ferrete che rompen mil buratos!

Se o sangue teu refugas do teu leito
malas novas, madrasta de insensatos,
dos fillos teus ao amor non tes dereito.
                                                        Xoán Manuel Pintos en A Gaita Gallega

1. Busca información sobre a obra da que procede este poema e resume as súas características  (título, ano de publicación, autor , contido…)
2. Averigua que tipo de poema é este tendo en conta que consta de dous cuartetos( estrofas de catro versos) e dous tercetos(  estrofas de tres versos)
3. O texto presenta  determinados vocábulos hoxe en desuso . Le o poema con moita atención observando   o seu significado coa axuda das informacións que se che dan a seguir :
Ø  Alleeira ( ten en conta que é unha palabra que deriva de alleo. Se a palabra “doceiro” pode significar “persoa á que lle gostan os doces”, deduce que significará alleeira.
Ø  Agarima: é un verbo derivado de agarimo , que significa cariño , afecto .
Ø  Bafa: abafa, cobre de bafo, amola.
Ø  Fasta: ata (preposición).
Ø  Ferrancheiro: persoa que comercia con ferros vellos.
Ø  Ferrete: aguillón dos insectos e serpes.
Ø  Podenco: podengo, can pequeno, ideal para a caza do coello.
Ø  Monicreque: insignificante, en sentido figurado.
Ø  Aguillón: punta de ferro do extremo da aguillada.
Ø  Zorrega: golpea cunha vara.
4. Que figura literaria é a  expresión “ boi de palla?” Escolle unha das tres opcións e xustifica a resposta.            Simil                Metáfora             Personificación
5. A quen está dirixido o poema? Xustifica a túa resposta.
6. Con que calidades se asocia o “ boi” na sociedade tradicional ( pensa que é un animal de traballo ) fai o mesmo coa palabra “palla” .
-   Indica catro calidades que se lle poden atribuír a un boi :
- Indica catro calidades que se lle poden atribuír á palla:
- Trata de explicar que significado adquiren estes dous termos xuntos na expresión “boi de palla"
7. Sinala os verbos que no texto indiquen algún tipo de agresión .
8. No última estrofa do poema hai unha orde exposta en ton irónico. Explica en que consiste a ironía.
9. No texto hai dúas partes bastante claras. A primeira desenvólvese nos dous cuartetos e a segunda nos dous tercetos. Trata de explicar o contido de cada unha destas partes.
10.Cal cres que é a intencionalidade deste poema? Tendo en conta a resposta que deas xustifica se este poema é costumista, intimista, social patriótico…

0 comentarios:

Enviar um comentário