01/01/2013

A PEGA E O RAPOSO

                  Hai moitos anos nunha carballeira moi preto de aquí houbo unha pega que fixo o niño nun carballo bastante torto e moi alto.Despois de chocar os ovos, nacéronlle cinco peguiños. A pega estaba moi contenta e orgullosa da súa niñada. Buscaba comida para as súas crías non moi lonxe do niño, para así telo controlado e que ninguén se aproximara a molestar os seus fillos.
Certo día que estaba dándolles a bicada ás súas crías apareceu un astuto e famento raposo. Ao pasar por debaixo do carballo sentiu un pouco de barullo e mirou para arriba.
—Mira onde teño comida— dixo para el—. Pero o carballo é bastante alto, ¿Como podo facer para matar a fame? ¡Xa sei!
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son. —dixo a pega, toda chea de razón.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! —dixo o raposo ameazando con cortar o carballo.
Diante de tal ameaza, a pega púxose a cavilar: se non lle dou un fillo é capaz de tronzar o carballo e... así vai comer a todos os  meus fillos. Así que chea de medo e dor botoulle un pego abaixo. O raposo coa fame que tiña a penas o remoeu, case que o tragou enteiro e coas plumas. Mentres a pega quedou chorando a súa perda, o raposo foise todo contento e coa barriga chea.
Para o día seguinte, case que á mesma hora o raposo achegouse á carballeira para volver a comer.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
Chea de medo a pega botoulle outro pego. O raposo que hoxe non traía tanta fame doulle tempo a saborear aquel exquisito bocado e foise todo contento pensando que ao día seguinte xa sabía a onde tiña que acudir para calmar a súa fame.
E así fixo. Chegada a hora de comer o raposo foi cara á carballeira. Chegou ao pé do carballo e...
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
A pega toda atemorizada botoulle outro peguiño. Así ata que certo día, cando xa só lle quedaban dous filliños, veu a conversa entre o raposo e a pega un carrizo que pasaba por alí.
—Oe, non é por nada, pero coido que estás facendo mal. 
—¿Como que estou facendo mal? Se non lle boto un fillo corta o carballo e vai comer todos. —Dixo a pega toda apesarada.
—¡Que va, muller! O que lle tes que dicir e que sen serras nin machado non se tronzan os carballos. Xa verás como non é capaz de facelo.
—¿Ti cres? ¿Non me enganarás? 
—Non muller, ¿como te vou  enganar? ¿Que gaño eu con enganarte?
—Ben, pois así farei. Agardo non arrepentirme.
Ao outro día a iso da hora de comer o raposo acudiu á cita todo confiado con apagar a fame con outro dos fillos da pega.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
—Sen serras nin machados non se tronzan os carballos.
O raposo diante de tal ousadía enroscou o rabo ao carballo e empezou a facer forza, pero claro, o carballo non caeu. Ameazou e berrou contra a pega, pero non lle serviu de nada e tivo que marchar de alí amolado e cheo de fame.
A pega quedou toda contenta cos poucos fillos que lle quedaban, pero aprendeu a lección para non deixarse enganar tan facilmente e quedou eternamente agradecida ao carrizo que tan ben a aconsellara.
                                                                                                             

0 comentarios:

Enviar um comentário