30/01/2017

TOPÓNIMOS E XENTILICIOS


A toponimia é a parte da lingua que se encarga de recoller e interpretar os nomes dos lugares, que se denominan topónimos
Galicia é un país especialmente rico en toponimia: nomes de bisbarras, de concellos, de vilas, de parroquias, de aldeas, de lugares, de barrios, de montes, de leiras, de estradas, de corredoiras...,  de feito, segundo se di  vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España. Cada un deses nomes fálanos da historia dese lugar: a que se dedican as súas xentes, como é a súa xeografía, que animais ou que especies vexetais abundan (abundaban) nunha determinada zona... Por iso é tan importante o estudo e a preservación dos topónimos.
Mais neste momento a toponimia galega ten dous problemas:
  • Un dos problemas é que moitos dos microtopónimos están desaparecendo. A razón radica en que as formas de vida están cambiando e con elas algúns lugares quedan deshabitados, déixanse de traballar as fincas... e os topónimos que nomeaban eses lugares tamén desaparecen.
  • O outro problema é que, sobre todo durante o século XX, a algunhas persoas de moi pouquiña cultura déuselles por castelanizar os nosos nomes de lugar creando aberracións como * Villagarcía, *Viana del Bollo, *Sanjenjo... que algunha xente segue a empregar.
Lei de Normalización Linguística (Lei 3/1983, do 15 de xuño) di: “ Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Por iso cando algunhas persoas (e tamén algunhas institucións que non teñen reparo en colocar carteis que incumpren a Lei) escriben ou din mal reiteradamente os nomes dos nosos lugares están cometendo unha ilegalidade.
Os xentilicios son os adxectivos que nos serven para indicar a procedencia xeográfica de alguén.
Para formarmos os xentilicios galegos os sufixos máis usados son:
  • –án/-a. Úsase en nomes situados no bloque occidental: compostelán, compostelá.
  •  -ao/a. Úsase aplicado a lugares do bloque central ou oriental: melidao/melidá.
  •  -és/esa : pontevedrés, pontevedresa.
  •  -eiro/-eirarianxeiro, rianxeira.
  • ense: lucense.
  • -ega/-ego (galego),  -eña/-eño (cesureño) e  –ino/-ina (monfortino). Teñen menos uso ca as formas anteriores.
Nalgúns casos algúns topónimos aceptan dous xentilicios diferentes: viveiresa/viveirense, carballinés/carballinense,alaricana/alaricense... e no caso de que o topónimo estea formado por un nome composto pódese facer o xentilicio sobre os dous lexemas (santiaguesa/compostelá, baldeorrés/barquense...).
No que respecta aos xentilicios foráneos a lista de sufixos é moitísimo máis extensa:
  • Tamén se usan algúns dos sufixos que utilizamos nos xentilicios galegos: -ense (canadense), -és/-esa (chinés, chinesa), -án/-a (alemán, alemá), -ino/-ina (arxentino, arxentina).
  • E, xunta  estes, bastantes outros como: -ano/-ana (alentexano, alentexana) , -eno/-ena (chileno, chilena), eño/-eña (madrileño, madrileña), -iano/-iana (iraniano/iraniana), ático/-ática (asiático, asiática), -o/-oa (suízo/suíza) e algúns outros con menor incidencia: -al, -ón, -ita, -ol...
Non existe ningunha regra que explique cando debemos escoller un ou outro sufixo, por iso  resulta difícil saber cal é a forma correcta. O único xeito de aprendelos é practicando e é ben seguro que, no caso daqueles topónimos que non usemos habitualmente, habemos ter que consultar para escoller a forma adecuada.

Exercicios sobre xentilicios AQUÍ  :
Exercicios sobre topónimos : AQUí  E AQUÍ
PARA CONSULTAR A TOPONIMIA DO CONCELLO DE SADA   AQUÍ

0 comentarios:

Enviar um comentário