Páxinas

01/12/2012

DOUS CÉNTIMOS


MONÓLOGO DUN SEN TEITO

(Cunha moeda na man.) Espere! Acaba de tirarme unha moeda de dous céntimos! Vostede, si, espere! (Pausa.) Que quixo dicirme? Ou que se dixo a si mesmo? Ah, non me viu a min senón a miña  pantasma, e para unha pantasma dous céntimos son moito. (Pausa.) Está abraiado? Polo menos escoita... e máis lle vale. (Pausa.) Tome conciencia: Deume unha moeda de dous céntimos! Non é dun céntimo... tampouco é de cinco ou de dez. Se ma dese un neno... Se un neno me tirase dous céntimos eu estaría agradecido. É máis: Estaría conmovido. (Pausa.) Pero os dous céntimos deumos vostede con chaqueta, lentes ao aire, reloxo de ouro con cronómetro... (Pausa.) Ah, non me viu a min senón á miña sombra, e para unha sombra dous céntimos son moito. Que sabe vostede de min para desprezarme? Para insultarme! Dous céntimos! Póñase no meu lugar. Que fago? Cúspoos, mastígoos? Písoos, tíroos á súa cara? Que tería feito vostede? (Pausa.) Ah, non me viu a min senón ao meu fulgor e para un fulgor dous céntimos son moito. Non me diga algo! Non rematei! Vaia, está asombrado... Que o abraia máis? O meu vocabulario ou a miña dignidade? Que sabe vostede de min! Que sabe de quen era, de por que rematei aquí ou elixín rematar aquí... Non llo direi! Non o merece. As accións non se borran con palabras. (Pausa.) Ah, non me viu a min senón a un sen fogar máis, e para un sen fogar dous céntimos son moito. Non viu o ser humano. Siga calado! E saque a man do peto! Non se lle ocorra darme máis diñeiro! Só son unha pantasma, sombra, fulgor... sen fogar. Quedo os seus dous céntimos! Vostede non os merece! E de todos os xeitos vostede léveos na súa conciencia. Ou non os leva? Si! A súa conciencia gañou dous céntimos! Que se lle reproduzan! (Xira e afástase mentres garda a moeda.)                         
Autor:Francisco Garzón Céspedes
Tradución e adaptación Belén I.G.

0 comentarios:

Enviar um comentário