01/12/2012

MEDO


MONÓLOGO DUNHA MULLER MALTRATADA

Ola. Eu... é que... non sei como dicilo... Vale, como queira. Estiven a buscar e este foi o único número de teléfono que atopei. Non sei se vostede me pode axudar. É que non sei que facer. (Pausa)  Ameazoume. Se cadra  non é aí onde teño que chamar. (Silencio) Si. Vale. (Pausa) É que, perdoe, (pausa) non tiña que atreverme a chamar, supoño. (Pausa) Non sei que facer. (Pausa.) Oia, pero isto é anónimo, non? (Pausa) Seguro? (Levantando a voz) Está vostede segura? (Pausa) Mire, el vaise enfadar aínda máis e agora ameazoume.(Berrando) Estou encerrada na miña casa porque el me ameazou. Enténdeo? (Silencio) Sinto terlle berrado. Síntoo moito. (Silencio) (Anda dun lado a outro, sen cesar) Non. Non llo contei a ninguén. Non pensaba que fose a chegar a... onde chegou. Que fago? Eu teño unha carreira, cría que a min non me podería pasar. Sempre lle acontece a outras... que estou a dicir? (Pausa) Asegúrolle que antes... (Pausa) Hai tres ou catro meses todo era distinto. Ata nos fomos unha semana, ao apartamento dos seus pais. (Pausa) Como ía pensar eu que este fillo de...! Grazas por escoitarme. (Respira profundamente). Empezamos a saír moi rápido. Coñecémonos nun chat. Xa coñecera outros homes así. (Pausa) . Non moi alto, delgado, así, fibroso pero con algo de tripiña. Está moi coitado co da súa altura. (Pausa) Na súa aldea puxen tacóns porque fomos ás festas e cabreouse  moito. (POUCO A POUCO SOLTA O TELÉFONO NO CHAN E SEGUE FALANDO) Díxome que o fixera a propósito para deixalo en ridículo, que o único que quería era resaltar que el era máis baixo, que se esa era forma de querer un noivo. Eu díxenlle “non o fixen por iso. Prométocho. Só quería estar máis guapa. Non o entendes? (Pausa longa) Medimos o mesmo. Non es máis baixo. A min gústasme así. Non te anoxes. “ (Silencio) Non me deixa falar por teléfono cos meus amigos. Borroume os números de teléfono. "Eses non son amigos, só queren volver divertirse contigo”. (Pausa) "Os corenta ladróns". Así os chama para "non" me faltar "ao respecto". Nunca me sentín tan humillada. Trátame como se fose unha lurpia : “Quen te chamou? " " De quen é esa mensaxe? " " Que casualidade que recibas as mensaxes cando eu non estou!"… Todos os días, todos... Esta é a cuarta vez que o deixo. Vai ser a última, xa non me dá pena. (Pausa) Agora algo cambiou. Antes contestáballe e iso, pero agora, agora,… antonte cando lle dixen que o deixaba fumaba compulsivamente, non deixaba de mirarme e agarrar o meu can. (Pausa) Íame pegar. Nunca me pegara . Pero íame pegar, seino. Non berrou. Acariciába o can e mirábame. O meu pobre canciño. (Silencio)Tiña  os seus ollos cravados nos meus. "Ninguén te vai querer como te quero eu". De súpeto, cambiou. Soltou bruscamente o can e eu collino no meu colo. Ergueuse. Acendeu un cigarro e dixo: " Quen vai aguantar unha gorda enferma? Ninguén vai te querer. Non sabes canto te equivocas ao deixarme “
Teño a súa mirada incrustada na miña mente. (Berrando e chorando) Que non me volva suxeitar máis! Que non se achegue a min! (Pausa) Levo dous días sen saír de casa, o meu can mexa  e caga aquí, dáme igual, limpo  con lixivia. Eu non vou saír de casa. Sabe onde vivo. Non podo encontralo na rúa. Aquí teño as miñas cousas e comida. E cando quede sen comida? Que podo facer? (Longo silencio) O día que quedamos por primeira vez, baixou do autobús na Coruña. Axiña nos recoñecemos. Achegámonos e deume un bico. Colleume da man e díxome "nena, ti e eu imos estar xuntos toda a vida. Presíntoo".

Autora: Laura Crespillo
Adaptación e tradución: Belén I.G.

1 comentário:

  1. sara casero07/02/13, 20:14

    Belén vou facer esta obra para o da proba oral !

    ResponderEliminar