01/12/2012

Perante o xuíz


PERANTE O XUÍZ                               Fragmento da obra A esmorga de Eduardo Blanco Amor

—Como, señor? Non me aparto do conto nin un instante... Estou a dicir as cousas polo seu comenzo,que unhas viñeron detrás das outras e se unhas non pasaran as outras tampouco.
— ...
—¡Que han ser desculpas! Eu non teño  de que me desculpar que eu nada fixen, pois ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer.
— ...
—Feitos? Feitos sonlle todos, tanto os que pasan fóra dun coma os que pasan dentro dun. O que pasou, pasou. E arestora xa ren queda do que pasou fóra dun, senón dentro dun. Agora todo está dentro de min, e se non me peta de me baleirar do que teño dentro, pois o que pasou queda coma se non tivera pasado.
— ...
—Deus lle me libre! Téñolle todo o respeto que vostede merezce. Pro tamén teño que dicir as cousas como sei decilas e non podo decilas doutro xeito, por máis voltas que lle dea. A máis diso, os feitos, coma vostede me ensina, por máis que faga non me veñen á memoría uns detrás dos outros, todos en ringleira, senón todos xuntos e mesturados, coma se o tempo se mesturase tamén e todas as horas se tivesen mesturado sen se querer  separar unhas das outras. Ao que foi de día, se me poño a matinar, aínda podo conquerirlle certa disposición. Pero ao que pasou á noite... A noite está ateigada de cousas, todas tan xuntas que mesmo me semella que non puido haber tempo para tanto, coma se fosen moitas noites xuntas,
unhas a cabo de outras, ou unha noite moi longa, sen día no medio; ou coma cousas desaxeitadas, sen antes nin despois, que nin eu mesmo me entendo... A máis diso, tiven moitas veces o «pensamento», que me veu moi seguido, e daquela é coma se me ceibasen do tempo e de todo, coma se estivese non estivese...

 A LIORTA NO MESÓN DO ROXO   Fragmento da obra A esmorga de Eduardo Blanco Amor

—Non señor, non; cando se armou a zarrazina no mesón do Roxo, nós xa sairamos. Quedámonos por alí cerca sen nos deixar ver, para albiscar o que pasaba.
— ...
—Si, señor; vimos que sacaban o Zamorano, ferido, que se lle vía a cara ensanguentada. Despois saíron outros, todos embrullados nunha grande liorta de paus e navallazos.
— ...
—Non señor, non; dígollo outra vez... Bastante temos co noso sen que teñamos que carregar con cousas que non fixemos...
Perdemos os cartos nunha partida de sete e media que tiñan armada uns xamoeiros masiados, que son xente moi caloteira e andan a la santa buena polos feirales, con barallas “amaestradas”. Díxenllo ao Bocas pero non me fixo caso...
— ...
—¿Que hei de saber o nome? Digo isto porque mo dixeron uns do Ribeiriño que atopei aló.
— ...
—Non, señor; tampouco sei como se chaman... Sei que son do Ribeiriño porque os teño ollado aló, na taberna do Sancristán.
— ...
—... pois voltamos para a cidade. Subimos pola estrada de Trives e metémonos pola Travesía sen atopar a ninguén... O Bocas seguía coa súa teima, e agora estaba aínda máis acirrado nela porque quedaramos sen cartos.
— ...
—Coido que non, agora que xurar non o podería xurar. Quen sabe o que pasa nos adentros de cada un! A teima semellaba ser, de comenzo, para vere de novo á belida señora. Quizais  despois xa  a ocasión...
— ...
—Señor, prégolle que me non faga dicire o que non dixen... Dixen que se tiña quedado sen cartos e máis nada, e que quizais por iso voltara á teima de irmos de novo á casa dos Andrada. Ao mellor se sairamos da timba con cartos dabondo, daríalle a vértola por facer outras cousas, digo eu... que eu non estaba dentro del pra sabelo...

0 comentarios:

Enviar um comentário