Páxinas

01/01/2013

O PASTOR E O RAPOSO

Unha vez era un pastor, e o raposo comíalle as ovellas todas. O pastor xa non sabía como había de facer, así que chamou polo raposo e díxolle:
—Mira, raposo, ti e mais eu non podemos seguir así. Propóñoche un trato.
—¿Que trato é? — preguntou o raposo.
—A ver logo. Eu sei que a ti che gustan máis as galiñas que as ovellas, ¿non sí?
—Home, para que o vou negar... Pero as galiñas telas gardadiñas na casa, e as ovellas téñoas máis á man no monte.
—Pois mira. Se ti non me comes máis ovellas, eu tráioche da casa un saco cheo de galiñas das máis gordas que teño.
O raposo lambía o fociño moi contento, pensando nas galiñas, e dixo:
—¡Trato feito! Pero mira ben que mas vaias traer, porque se non mas traes...
—Non te preocupes, ho, que mañá á primeira hora xa as tes aquí.
O pastor marchou para a casa. Á mañá seguinte encheu un saco de cans e volveu ao monte. O raposo xa o estaba agardando, e preguntoulle ó pastor:
—¿Que? ¿Traes aí o que me prometiches?
—¡Traio, ho! Aquí tes  as  galiñas que che prometín.
E puxo no chan o saco cheo de cans. O raposo achegou o fociño ó saco para ver se lle ulía ben. E dixo:
—Ai, galiñas serán, 
pero a min cheirar... 
¡chéiranme a can!
Pero o raposo tiña gana de ver as galiñas, e abriu o saco. Entón os cans botaron a correr atrás del... ¡e disque o raposo aínda está correndo hoxe!

0 comentarios:

Enviar um comentário