01/01/2013

O RAPOSO E A ÁGUIA

O raposo estaba a porta dun galiñeiro, sentado co seu caxato zarandeando, esperando a que saíran as galiñas para collelas. Entón veu a aguia e sentou ao lado do raposo e este díxolle:
-Ai señora aguia, que milagre andar vostede por aquí! Eu estou esperando a que saían esas da capoeira para enganchalas.
E a aguia díxolle :
-Eu ben che sei onde hai unhas vodas de galiñas, haiche  doce canastras de galiñas convidadas ao festín.
-Oe, pero onde son esas vodas?
-Esas vodas son no ceo.
-Quen che me dera ir alá....
-Pois sin dubida se queres lévote eu, eh?  Ti sabes montar ao carrelo?
-Monto aínda que sexa no cabalo do demo.
Montou, andaron e andaron unha chea de tempo.E a aguia díxolle:
-Que tal vas ho?
-Eu ben, pero o peor es ti.
- Pois eu cando canse xa te pouso.
-Ti, tira para diante e que non te tente o demo, non vaias dar unha volta e me tires ao chan.
Andaron máis un pouco e cando lle deu a gana a aguia deu un pinchacarneiro  e aí vén o raposo desde alá riba a rolos.Mirou unha cancela e dixo:
-Fuxe cancela que te fendo.
Nisto mirou un palleiro e dixo:
-Escapa palleiro que non quedas enteiro.
Grazas ao palleiro foi rodando polas pallas abaixo, ata o chan. Levantou un ollo para arriba e dixo falando en castelán moi amolado pola experiencia :
“Si desta salgo y no muero no quiero más bodas al cielo.”

0 comentarios:

Enviar um comentário