09/01/2017

OS DEMOSTRATIVOS


OS DEMOSTRATIVOS

Os pronomes ou determinantes demostrativos empréganse para sinalarmos unha entidade e, asemade, achegarmos unha idea de distancia que pode referirse tanto ao espazo coma ao tempo ou a partes anteriores ou posteriores do noso discurso.

PROXIMIDADE
NÚMERO
MASCULINO
FEMININO
NEUTRO/ INVARIABLE
AQUÍ
SINGULAR
este
esta
isto
PLURAL
estes
estas
SINGULAR
ese
esa
iso
PLURAL
eses
esas
ALÍ
SINGULAR
aquel
aquela
aquilo
PLURAL
aqueles
aquelas

denominadas formas neutras dos demostrativos (isto, iso, aquilo) son pronomes e, polo tanto, non poden funcionar como determinantes.
Non se aceptan na escrita as formas esto*, eso*, aquello* nin a forma elo*

CONTRACCIÓNS DE PREPOSICIÓNS CON DEMOSTRATIVO:

este, -s
esta, -s
ese, -s
esa, -s
aquel,-es
aquela, -s
de
deste, -s
desta, -s
dese, -s
desa, -s
daquel, -es
daquela, -s
en
neste, -s
nesta, -s
nese, -s
nesa, -s
naquel, -es
naquela, -

Os demostrativos  poden combinarse cos indefinidos outro(s), outra(s) e dar lugar a novas formas demostrativas que se empregan para manifestarmos a escolla entre dous elementos que non teñen por que aparecer expresos.

masc.
fem.
masc.
fem.
masc.
fem.
sing.
estoutro
estoutra
esoutro
esoutra
aqueloutro
aqueloutra
pl.
estoutros
estoutras
esoutros
esoutras
aqueloutros
aqueloutras

Entre esta e estoutra programación penso que debemos escoller a segunda
As máis sinxelas non son estas probas, senón aqueloutras que deseñaramos

Malia estas seren as formas habituais, existen tamén as formas plenas, que son as únicas posibles para o neutro:
isto outro, iso  outro, aquilo outro.

Iso outro non se menciona na lexislación vixente

USOS E VALORES ESPECIAIS DOS DEMOSTRATIVOS

·         O demostrativo aquel(a) pode usarse con valor substantivo como palabra “comodín”  con distintos significados segundo o contexto.
Co aquel (= motivo, pretexto) da folga suspendéronse as clases
Ten moita aquela (= arte, habilidade, astucia) para a investigación
Desta maneira chegan a empregarse formas verbais derivadas como aquelar, aqueloutrar, desaquelar ou desaqueloutrar.  Agora mesmo aquelas (= ordenas, arranxas) estes expedientes
Tamén se usan como adxectivo: Non sei por que anda tan desaquelado (= preocupado, pensativo, tristeiro)

       A contracción daquela, por unha banda, pode ter valor adverbial e equivaler a  ‘naquel momento’:
Daquela o departamento contaba con menos medios
Pola outra, pode ter valor de conxunción consecutiva e equivaler a ‘por tanto’, ‘xa que logo’.
Se é así como ti dis, daquela non hai perigo de exclusión para os discapacitados.

       As contraccións nisto, niso, naquilo, nestas e nesas, e a locución con estas empréganse con valor adverbial co significado de ‘entón’, ‘nese momento’, ‘nese mesmo momento’, ‘no mesmo instante’, ‘de repente’ etc.

Nisto foise a luz e quedamos sen acabar o experimento
Nestas que vou por unha auga á máquina e chámame por teléfono
E con estas colleu e enviou os seus datos por fax

ACTIVIDADES:
Indica o valor dos demostrativos nas seguintes oracións :
  1. Ten un aquel que namora.
  2. Co aquel da festa non foi á clase.
  3. A túa compañeira si que ten aquel.
  4. Esa saída graciosa si que ten aquel.
  5. Ese filme non ten aquela ningunha.
  6. É bo rapaz, mais ten unha aquela que o fai moi feo.
  7. O individuo ese non me engana a min.
  8. Iso non é un mozo, é un farrapo.
  9. Daquela aínda ti eras pequena.
  10. Cando veu daquela, estábache mellor conservado.
  11. Daquela déixocho na conserxería.
  12. E con estas, esfumouse en cuestión de segundos.
  13. Nisto deixou de chover e saíu o “Lourenzo” todo esplendoroso.
  14. Nestas entra a directora de moi mal xenio.
  15. Conta o que che pasou daquela.
  16. Daquela imos hoxe ao teatro, ver unha versión de O lapis do carpinteiro.
  17. Co aquel do partido do Celta saíron antes da hora.
  18. Véxolle pouca aquela a esta programación.
  19. Con que aquel me contaba as súas aventuras en África!
  20. Non o vas conseguir nin por esas!
  21. Esa si que che foi boa, cóntalla a outro!
  22. E ti agora vésme con estas, anda, vai rañar a barriga por aí!




0 comentarios:

Enviar um comentário