Páxinas

01/02/2013

San Antonio bendito

Temas  en Cantares gallegos.
Un dos núcleos temáticos que podemos atopar nesta obra  é o reflexo da vida popular que adquire relevancia a través de retratos de tipos ( fundamentalmente femininos dignificados : a muller do rural, a nai e labrega , a casadeira, a mendiga...) e das estampas populares  ( as romarías, a relixión na que predomina a superstición e mesmo o trato coloquial cos santos, as festas ...)
Propoño a análise  do seguinte poema para ver estes aspectos :

San Antonio bendito
dádeme un home
anque me mate,
anque me esfole.

Meu santo San Antonio,
daime un homiño,
anque o tamaño teña 
dun gran de millo.
Daimo, meu santo,
anque os pés teña coxos,
mancos os brazos.

Unha muller sen home...,
¡santo bendito!,
é corpiño sin alma,
festa sin trigo,
pau viradoiro,
que onda queira que vaia,
troncho que troncho.

Mais en tendo un homiño,
¡Virxe do Carme!,
non hai mundo que chegue
para un folgarse.
Que zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.


Eu sei dun que cobisa
causa miralo
lanzaliño de corpo,
roxo e encarnado,
carniñas de manteiga,
e palabras tan doces
cal mentireiras.

Por el peno de día,
de noite peno,
pensando nos seus ollos
color de ceo;
mais el xa doito,
de amoriños entende,
de casar pouco.

Facé, meu San Antonio,
que onda min veña
para casar comigo,
nena solteira
que levo en dote
unha culler de ferro,
catro de boxe.,

un irmanciño novo
que xa ten dentes, 
unha vaquiña vella
que non dá leite...
¡Ai, meu santiño!:
facé que tal suceda
cal volo pido.

San  Antonio bendito
dádeme un home
anque me mate,
anque me esfole,
que, zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.

 SUXESTIÓNS PARA UNHA LECTURA MÁIS FONDA
  • O poema segue o método de composición presente na totalidade da obra á que pertence (a glosa de cantares populares).Fíxate onde aparece situado o cantar popular neste poema. Que significación lle engade Rosalía cos tres últimos versos da composición?

  • Quen é que fala no poema? Podemos identificar este emisor coa voz lírica do primeiro e do último poemas da obra Cantares Gallegos ? Xustifica a túa resposta. 

  • Como aparece caracterizada a rapaza que fala no poema? Cales son os desexos que expresa? Por que é tan importante para ela conseguir o que pide? Que situación socioeconómica ten e onde se manifesta no poema? Xustifica as respostas exemplificando co poema.

  • Quen é o destinatario da petición da moza? Paréceche que se reflicte no poema unha concepción da relixión ortodoxa?

  • Como é o home co que desexaría casar a moza que fala? Recolle todos os trazos físicos e morais que o caracterizan . Recolle tamén os recusros estilísticos dos que se vale a autora para a caracterización.

  • Paréceche coherente que a moza  queira o mozo tendo en conta o seu comportamento ? Como explicas o desexo da rapaza? A que é debido? Ten relación co que se expresa no cantar popular do que se parte?

  • Que visión do matrimonio se desprende do poema? Solución económica para a muller? / Satisfacción do amor? / Compromiso social? ...

  • Relaciona o contido deste poema cos textos de Rosalía lidos na aula en relación coa muller.

0 comentarios:

Enviar um comentário