01/02/2013

Pra A Habana! de Rosalía de Castro

Neste vídeo podedes escoitar a última parte do poema ¡Pra Habana!, incluído en Follas novas,   no que Rosalía fala dun xeito desgarrado do drama da emigración.   Esta versión musicada está incluída no disco de Fuxan os ventos titulado Noutrora.


No seguinte vídeo aparece a versión de Amancio Prada do poema completo.


¡Pra a Habana!

I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adios, adios, prendas
do meu corazón!»

II
Cando ninguén os mira,
vense rostros nubrados e sombrisos,
homes que erran cal sombras voltexantes
por veigas e campíos.
Un, enriba dun cómaro
séntase caviloso e pensativo;
outro, ó pé dun carballo, queda inmóbil,
coa vista levantada hacia o infinito.
Algún, cabo da fonte recrinado,
parés que escoita atento o murmurío
da augua que cai, e eisala xordamente
tristísimos sospiros.
¡Van a deixa-la patria!...
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡i adiante está o abismo!...

III
O mar castiga bravamente as penas,
e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe!... ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta linea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as brasfemias se axuntan cos sospiros...
¿Onde van eses homes?
Dentro dun mes, no simiterio imenso
da Habana, ou nos seus bosques,
ide a ver que foi deles...
¡No eterno olvido para sempre dormen!...
¡Probes nais que os criaron,
i as que os agardan amorosas, probes!

IV
«¡Ánimo, compañeiros!
Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propria,
a iñorancia o consome.
¡Ánimo! ¡A quen se muda Dios o axuda!
¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,
verés des que tornemos
o que medrano os robres!
Mañán é o día grande, ¡á mar amigos!
i Mañán, Dios nos acoche!»
¡No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana harmoniosa da esperanza,
lonxe, tocando a morto!

V
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
  Rosalía de Castro     Follas Novas


ACTIVIDADES PARA ACHEGARNOS AO TEXTO:


1. Comenta o título do poema e contextualízao na obra de Follas Novas (parte á que pertence)

2. Parte I
- Fai unha división deste fragmento en dúas partes tendo en conta a voz lírica.Distingue as seguintes partes:
a) Parte narrativa (xustifica a narratividade, sinala o tema tratado, sinala os males aos que se alude ,   ...son de carácter social?
b) Parte na que fala o protagonista da narración: 
A quen se dirixe ? Sinala as marcas coas que se fai referencia ao destinatario.
Como se autocaracteriza a persoa que fala?
Fala só de si mesmo ou alude a un mal colectivo? Como?

3. Parte II
Que persoa se utiliza nesta parte do poema? De que se fala? 
En que momento son contemplados os individuos aos que se fai referencia?
Que actitudes se reflicten neles?Que estado de ánimo? Fai referencia á adxectivación usada , ás comparacións...)
Cal é o motivo dese estado anímico? Sinálanse causas para a marcha?
Que significado ten o verso "Adiante está o abismo"?

4. Parte III
Neste fragmento recréase a escena do momento da marcha dos emigrantes. En que lugar son contemplados? Recolle algunha das características deste espazo.
Por que se fai referencia á Habana como cemiterio inmenso?
A quen se alude nos últimos versos? 
Ten relación coa parte da obra na que se inclúe este poema?

5. Parte IV
- Quen fala? A quen? Como pretende dar ánimo ?
- Que se di sobre o regreso á Terra? Vese como algo próximo?
- Pese a ese intento de ánimo Como se expresa a anguria e o temor á marcha?

6.Parte V
Nesta última parte do poema sintetízase o exposto nas anteriores, pero xa non centrándose en situacións concretas, senón facendo referencia a un mal colectivo.
Quen é o destinatario desta parte?
Que é o que ten Galicia e que é o que non ten?
Como se fai referencia á dor humana ?
Como se fai referencia aos males económicos sufridos por causa da emigración?
Que expresións paradóxicas aparecen neste fragmento e que significan?
Recolle a significación dos versos finais

0 comentarios:

Enviar um comentário