20/09/2013

TRABALLAMOS CON TEXTOS I

MILONGA DE AQUÍ
Para iniciar o traballo con textos imos empregar unha canción que leva por título Milonga de aquí. Trátase dun tema de María Xosé Silvar que toma un xénero musical de Arxentina e da cultura gauchesca en xeral, para darlle forma "galega".



MILONGA DE AQUÍ

Con aire fresco de mar 
curo feridas e loitos 
que sexan poucas ou moitos 
é necesario sanar .
E vendo o mundo rodar 
dando tumbos de vencido,
dou por perdido o perdido 
e recollo o que quedou 
e co que me queda vou 
seguindo o meu percorrido .

Para seguir camiñando 
fago noite na esperanza ,
apóiome nas lembranzas 
e aliméntome de sons ,
e nútrome das cancións ,
que dan cor a esta existencia 
evitando a disidencia 
dun obrigado vivir ;
que me fan chorar e rir 
que me instalan na insurxencia .

E quero bailar ao ritmo 
do que vive ilusionado, 
e coa voz do silenciado 
cantar quero con paixón, 
coa querenza e coa emoción 
da que non pretende nada 
máis que seguir namorada 
mentres quede corazón. 

Aspiro a soñar esperta 
para facer máis levadeiro 
este treito traizoeiro 
que garda unha fin incerta ,
e cantar a gorxa aberta 
e deseñar utopías 
para encher de luz os días 
en que o sol non me sorrí ,
en que non te teño a ti 
para inspirarme melodías .


E así seguirei rimando 
no medio do bombardeo ,
emulando o canso reo 
reconvertido en poeta, 
que ten o fóra por meta 
e ten o dentro baleiro ,
un ollar sempre tristeiro 
e o pensamento no ar ,
onde voa o meu cantar 
onde non hai carcereiro. 


E quero bailar ao ritmo 
do que vive ilusionado, 
e coa voz do silenciado 
cantar quero con paixón, 
coa querenza e coa emoción 
da que non pretende nada 
máis que seguir namorada 
mentres quede corazón. 

Invocando a redención 
neste recuncho do mundo 
faise o meu cantar profundo 
como a terra en ultramar .
Coro faise o meu cantar 
ao saberme secundada 
aínda sendo abandeirada 
dos que as levan de perder ;
É por eles que hei morrer 
Sentíndome acompañada .

E na liberdade áurea 
do melódico elemento, 
baila a risa co lamento 
e o cego co soñador ;
o paria co gañador ,
e o rebelde co castrado 
que, co sentir mutilado, 
ignora aquilo que eu sei ;
por el é que eu berrarei 
para velo liberado.

 PARA FALAR                                                                          Reflexiona sobre o título:  
  • Que é a milonga? Cal é a súa procedencia? Que valor lle dá o modificador "de aquí"?
  • Despois dunha primeira lectura saberías indicar cal é o tema desta milonga? Se non sabes facelo , non te preocupes, iremos paso a paso lendo cada estrofa.
Estrofa  1ª. 
  • Escribe o esquema métrico e a rima. Indica de que tipo de estrofa se trata. Quen é o emisor? Cando se fala de percorrido, a que se está a referir o emisor?
Estrofa 2ª 
  • Neste fragmento a emisora indica que para seguir camiñando ( recorda que se fala de percorrido) se vale dunhas "ferramentas" . Indica cales son? Que calidades se lles atribúen ás cancións e aos sons? Como interpretas que a emisora diga que as cancións a instalan na insurxencia?
Retrouso 
  • Escribe o esquema métrico e a rima. Indica de que tipo de estrofa se trata. Que intencións se enuncian nestes versos.
Estrofa 3ª
  • Despois de reflexionar sobre o seu contido, reescribe coa túa propia expresión o contido destes versos: " Aspiro a soñar esperta/para facer máis levadeiro/ este treito traizoeiro/ que agarda unha fin incerta"
  • Que é unha utopía? Por que é a emisora di que precisa deseñar utopías os días en que o sol non lle sorrí?
 Estrofa 4ª
  • A quen " emula" a emisora cando canta? Por que se establecerá esta comparación?
 Estrofas 5ª e 6ª
  • A emisora di que "neste recuncho do mundo" o seu cantar "faise profundo" e convértese en "coro". A que recuncho do mundo se referirá?( recorda o título) . Que cres que significa que unha canción se coree? Que significa a expresión "abandeirada dos que levan as de perder"?
  • Trata de explicar a intención declarada nas dúas últimas estrofas.
  
PARA ESCRIBIR: 

- Redacta un resumo explicando o tema desta canción.
- Escribe as características dunha décima e dunha octaviña.
- Copia e aprende o significado das seguintes palabras: disidencia, insurxencia, utopía, milonga, secundar.
- Recolle algunha metáfora do texto e indica o seu significado.
- Indica a diferenza entre as palabras percorrer e recorrer e escribe unha oración con cada unha delas.
- Recolle unha perífrase verbal e indica o seu valor.                         

1 comentário: