28/09/2013

TRABALLAMOS CON TEXTOS II

Continuamos con cancións que convidan a reflexionar,neste caso a historia de Manolo Pescadilla, un curioso personaxe.

Manolo Pescadilla
trabállache no mar
ten case... trinta anos,                      
e non pasou de cabo no servizo militar.
Manolo xa está arriba
ás catro da mañá
saíndo coa chalana,
peinando coa mediana sobre a corrente do mar.
Manolo Pescadilla traballa como un can.
Un día de xornada,
Manolo foi pescar,
flotando sobre a auga un fardo de marihuana
bailando polo mar.
Manolo Pescadilla todo foi empezar,
e xa trafica coa heroína, non para de traficar,
Manolo ten un Porsche con teléfono e fax
e xa nunca se levanta ás catro da mañá.
Manolo Pescadilla xa pasa de traballar.

E don Manuel é un home moi honrado
porque sabe  adaptarse as esixencias do mercado,
e todo o mundo fala ben de don Manoel,
e todos os rapaces soñan en ser como el.

Manolo fai escuelas,
Manolo fai o ben
nombrado home do ano
e sexyboy temén
e todas as mulleres desean a don Manuel
De noite está en Belgrado,
de día en Budapest
e ten vinte sirventes
querida na Lanzada
maiordomo portugués,
Manolo Pescadilla xa se chama D. Manoel,
( )
Manolo é detenido
metido en Alcatraz
fai encaixes de bolillos,
dirixe o mercadillo
co teléfono na man.
Manolo Pescadilla xa non volverá pescar.

O CAIMÁN DO RÍO TEA: Feito na casa


1)   Averigua algunha información básica sobre o grupo O caimán do río Tea  ( compoñentes , concertos, traballos editados...)
2)   Esta canción cóntanos unha historia, é pois un tema que garda características dos textos narrativos. Contesta as seguintes cuestións:
a)   Que feitos se contan? Escribe un resumo da historia “relatada”
b)   Que personaxes protagonizan o que se conta? Trata de explicar as características sociais que o definen e os cambios que se dan.Explica que valor ten o alcume do personaxe e observa como se cambia a forma de chamarlle.
c)   Onde suceden os feitos? Cando?

3)   Trata agora de diferenciar de que temas se fala na canción , pero agora non te centres na anécdota concreta ( no que lle sucedeu a Manolo Pescadilla) se non nos asuntos sobre os  que se trata de facernos reflexionar.
    Trata de enuncialos empregando unha oración para cada un deles. Se che serve de axuda podes intentar argumentar se aparecen ou non os seguintes e seleccionar o que che pareza o principal :
-       O tráfico de drogas
-       A hipocrisía social.
-       A bondade dalgunhas persoas ricas.
-       A dura vida dos mariñeiros.

4)   Analiza a lingua da canción.
a)   Que  rexistro lingüístico se emprega e cales son as súas características .Busca exemplos.
b)   Busca varios castelanismos e corríxeos.
c)   Localiza un pronome de solidariedade no texto e trata de explicar para que é usado.

5)   Busca no texto os seguintes recursos empregados para caracterizar o personaxe:
-         A comparación
-        A ironía.
-        A caricaturización.


6)   Escribe un comentario persoal sobre o tema desta canción  ( 15 liñas mínimo)
     Podes comezar indicando cal é ao teu xuízo o tema central desta canción e facer unha breve introdución sobre o mesmo.Explica se o tema che parece interesante ou non, se ten actualidade, se podes velo na vida actual, se poderiamos exemplificar o mesmo tema con outros exemplos. En definitiva, achega a túa opinión argumentada sobre o asunto tratado .





0 comentarios:

Enviar um comentário