01/01/2013

OS LOBOS E A MÚSICA


Era unha vez un gaiteiro que viña xa de tarde pola fraga despois dunha troula, e como tiña moito sono deitouse nunha pila de folla. Durmiuse, e estando durmido veu o lobo, uliscouno, e tapouno un pouco coas follas pensando quizais en voltar algo máis tarde  cos compañeiros.
O noso homiño, que espertara ao sentir vir os lobos, subiu a un carballo.
Viñeron os lobos e empezaron a fozar na folla, pero como non o atoparon, empezaron a pelexar co lobo que os chamara. Nisto que o noso gaiteiriño vendo a pelexa que tiña os seus pés, empezou a encirrar para que lle seguiran zoupando ao lobo que o descubriu, pero velaí que cando se decataron os lobos que a súa cea estaba no carballo, deixaron a pelexa e empezaron a rillar no carballo. Mais cando o carballo xa ía caer, o gaiteiriño pasou polas gallas ata outro carballo.
Empezaron os lobos con máis fame aínda a roer tamén o outro carballo. Pero agora xa non había máis árbores facer o mesmo de antes. Ao darse conta, o homiño dixo.
- “Me cago no mundo, se hei de morrer... que sexa tocando”.
E empezou a tocar na gaita. Non se sabe como, pero en canto a gaita empezou a berrar, fuxiron os lobos coma se oísen as galochas do demo. O noso gaiteiro baixouse do carballo sen deixar de tocar a gaita, e tocando sen parar nin un momento chegou á aldea.
Dende entón os desta parroquia cando teñen que ir polo monte e non teñen armas levan a gaita.

Conto extraído de http://www.galiciaencantada.com

0 comentarios:

Enviar um comentário