08/10/2013

OS TITULARES DAS NOTICIAS

Poñerlle o titular a unha noticia non é nada doado. As redaccións dos grandes xornais adoitan ter especialistas na redacción de titulares xa que teñen grande importancia xornalística. Os titulos das noticias teñen que chamar a atención do lector e proporcionar a información básica,pensa que moitos lectores non len máis que os títulos  para facerse unha idea global da actualidade. 
Dominar as técnicas dos titulares é moi importante tamén para converternos en lectores críticos xa que, en moitas ocasións , os titulares son valorativos e pouco obxectivos ( é dicir tenden a expresar unha opinión) . Un bo titular debe procurar ser só informativo, sen incluír valoracións sobre o que se está contando.
Polo tanto para redactar un bo títular debemos procurar:
- Ser breves ( non máis de dez palabras)
- Evitar facer valoracións .
- Procurar usar oracións afirmativas (non negativas nin interrogativas)
- Non escribir máis dunha oración.

Exercicios:

  • Indica cales dos seguintes titulares son valorativos e cales son informativos :
FANTÁSTICO PARTIDO XOGADO POLO DEPORTIVO DA CORUÑA
A CASA DAS CIENCIAS  HOMENAXEA AOS CIENTÍFICOS GALEGOS
MAÑA CELÉBRASE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS
TERRIBLE ACCIDENTE PROVOCADO POR UN CICLISTA
LUÍS TOSAR MANIFÉSTASE CONTRA O MACHISMO NUN PROGRAMA DE TELEVISIÓN.

  • Escribe un título para as seguintes noticias:

Dúas persoas foron detidas como presuntos autores de incendios forestais acontecidos nas localidades de Lalín (Pontevedra) e Castrelo de Miño (Ourense), nas que tiveron lugar dous e cinco lumes respectivamente.

Nun comunicado, a Xunta apunta que o equipo de investigación de incendios da Policía Autonómica informou destas detencións que elevan a cifra de persoas arrestadas por este motivo a un total de 96.
.................................................................................................

A banda galega de rock Siniestro Total lanzará a partir de agora as súas cancións "na rede unha por unha". "O ritmo de publicación será o que marquen as circunstancias e/ou os acontecementos", engaden os seus integrantes nun comunicado.

Nesta liña, engaden que a edición "en formato físico será opcional, tanto en formato single como de LP recopilatorio", ao tempo que avanzan que só volverán á fórmula do álbum no caso de proxectos que "requiran unha continuidade narrativa ou estilística".
..............................................................................................

O Goberno aprobou unha reforma legal que permitirá a inscrición dos nacementos directamente desde o hospital sen necesidade de que os pais teñan que desprazarse ao Rexistro Civil.

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, destacou que serán os centros sanitarios os que actúen «a modo de portelo único» para que desde a maternidade se poidan cumprimentar todos os datos dos recentemente nados, que se enviarán ao rexistro.

0 comentarios:

Enviar um comentário