06/12/2013

OS TEXTOS DESCRITIVOS III.

No libro de lectura obrigatoria para o alumnado de 1º de ESO, Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo,  podemos encontrar a seguinte descrición do personaxe de Luciana ( no conto titulado " A loba"). Le con atención:

"Chamábase Luciana e era de cara angulosa, como unha peza de madeira antes de lixala.Os  pómulos lixeiramente avultados sobre dos que brillaban dous ollos negros como as doas dun rosario de acibeche e cunhas perfebas como fíos de seda, longas e finiñas; o nariz cumprido, pero non grande; a boca, de beizos moi marcados, faríase grande se tivese só un chisco máis. Soamente o queixelo era algo pequeno de máis para aquela cara. Todo o rostro abeirado dun cabelo preto como a noite caéndolle polos lados como unha fervenza de ondas do mar. Pouco máis pequena ca el , tiña un corpo rexo, forte , pero moi de muller. Eu vina unha vez na Coruña, leváranme ao médico do pulmón cando era moi pequeno e cruzamos con ela no Cantón."


Logo de escribila ao ditado no teu caderno, revisa os erros que atopes e fai as seguintes actividades  no teu caderno de Lingua galega.
  1. Valora se se trata dunha descrición obxectiva ou subxectiva. Razoa a resposta e busca algún exemplo para demostrala.
  2. Atendendo aos datos que se inclúen na descrición indica se se trata dunha prosopografía, unha etopea ou un retrato.
  3. Indica a orde que seguiu o escritor Xabier P. Docampo para facer a descrición desta personaxe.
  4. Recolle todos os substantivos referidos ás partes do corpo e pon ao seu carón os adxectivos que son usados para caracterizalos.
  5. No texto fanse varias comparacións , recólleas e indica se se trata de comparacións de igualdade, de superioridade ou de inferioridade.
  6. Explica o uso dos nexos comparativos que e ca baseándote nos exemplos que aparecen subliñados e consultando, se o precisas, polo libro.
  7. Recolle algún adxectivo empregado no grao superlativo.
  8. Inventa ti algunha característica máis para Luciana, pero debes indicala empregando algunha metáfora e algunha sinestesia. Se non recordas en que consisten estes recursos revisa o explicado na clase  AQUÍ


0 comentarios:

Enviar um comentário