01/04/2013

ACUARIO. MARÍA CANOSA

 

TÍTULO:  Acuario
AUTORA: María Canosa
EDITORIAL:  Edicións Embora
 CONGRO

Vive nas entrañas
das profundidades
por iso non fai
grandes amizades.

É moi escuro,
negro ou mouro
o peixe sen cores
chámase congro.

De corpo redondo
e de carne branca
con tantas espiñas
a moitos espanta.

Vive nas furnas
busca acubillos
por iso é feliz
no barco afundido.

En calquera fenda
atopa pousada,
pero o mellor sitio
é nunha empanada!
 ARROAZ

Quen trae as novas
ao fondo do mar
son o golfiño
e mais o arroaz.

Contentos e ledos
sempre camiñan
ao lado dos barcos
que serven de guía.

Van escoitando
os sabios mariños
e sucan os mares
co longo fociño.

Gústanlle os nenos,
correr e brincar
é inconfundible
a aleta dorsal.

O lombo escuro
o ventre claro,
con só dúas cores
están decorados.

0 comentarios:

Enviar um comentário