01/04/2013

ONDAS DE VERDE E AZUL. ANA MARÍA FERNÁNDEZ






TÍTULO: Ondas de verde e azul
AUTORA: Ana María Fernández
EDITORIAL: Xerais
COLECCIÓN: Merlín






ONDAS DO MAR

Ondas do mar,
verdes ondas,
altas, baixas,
longas,
fondas;
ondas cun facho de escuma,
ondas que buscan fortuna,
ondas que son latriqueiras
e de ribeira en ribeira
saltan en máxicas dunas;
ondas que bican os fondos
e remontan altos tombos,
ondas que estralan,
que brúan;
ondas con dedos de chamas,
ondas que abraian e aclaman,
ondas que xuntan areas,
ondas que contan fazañas,
ondas que erguen montañas,
ondas do Sur e do Norte,
ondas que esconden a Vida,
ondas que tecen a Morte,
ondas pequenas, mainiñas,
ondas que cobren o mundo.
Moradoras da mariña,
mensaxeiras do profundo.


..................

SAÍA A SEREA

Saía a serea
con saia de mar.
Saía a serea,
cantando un cantar.

Saía a serea
con saia salgada,
cabelos de noite
e escama dourada.

Saía a serea
no mar do coído,
con tres margaridas
nun peto escondido.

Saía a serea
dun fondo castelo,
levaba unha cuncha
prendida no pelo.

Saía a serea
con moito esplendor,
saía soíña
buscando un amor.

E andaba ós menceres
cantando baixiño,
montada no lombo
dun mouro golfiño.

Que nade, que nade
a linda serea,
que teza mil ondas
en cada marea.


Que teza mil ondas,
que enfeixe cantares
para os mariñeiros
que sucan os mares.

0 comentarios:

Enviar um comentário