16/11/2014

CONSTRUÍR MICRORRELATOS

O microrrelato é unha construción literaria narrativa distinta da novela ou do conto. É a denominación máis usada para un conxunto de obras diversas cuxa principal característica é a brevidade  do seu contido. O microrrelato tamén é chamado microconto, conto brevísimo ou miniconto.
                                
Aquí podes atopar algún dos trucos para construír historias pequenas , pero cheas de contido:

1.Revertir ou parodiar fórmulas coñecidas

DECLARACIÓN:

“Solicito algo máis que un borrador, unha cita previa. Insisto por internet, por teléfono e ata na túa oficina. Síntome obrigada a declarar: ingreso alterada, reteño o medo, gasto saliva e deduzo desprezo. Só desexo IRPF, unha Íntima Relación, Por Favor!

Marca cun X o resultado:

A ingresar  [  ]    A devolver  [  ]”

2. Apelar aos coñecementos do lector, para facer alusións , invertir o sentido inicial ou establecer variacións sobre o que se coñece:

Cincenta que non era rancorosa perdoou a madrasta e as súas dúas fillas e comezou a recibilas en Palacio. As rapazas non eran demasiado agraciadas pero comezaron a ter moita familiaridade co príncipe e axiña…

3. Facer uso dun final ambivalente ou sorpresivo:

Cando escribiu a palabra “fin” decatouse de que o seu personaxe aínda  respiraba, pero xa era tarde para axudalo, así que cerrou a pluma e deixouno morrer.
…………..
Un día escuro de outono dun escuro ano, chegou a escura estación dun tren dunha escura vila de provincia, un escuro personaxe que levaba escuras intencións. Xusto apareceu un lucecú e arruinoulle os plans.
………………………
Of course, QUÉROA
A miña muller fugouse co instrutor de golf.. Patético. Pero en todo caso, no pode negarme que a coñezo ben... para San Valentín encargueille un xogo de paus  con mango de caoba.

4. O contraste entre dous planos: antes/despois; mundo real /mundo soñado; a historia/ o revés de la historia, etc.
O meu irmán Alberte caeu ao pozo cando tiña cinco anos. Foi unha desas traxedias familiares que só alivian o tempo e a circunstancia da familia numerosa.
Vinte anos despois, o meu irmán Eloi sacaba auga un día daquel pozo ao que ningúen se asomara nunca máis.No caldeiro descubriu unha pequena botella cun papel dentro.
“Este é un novo mundo como outro calquera”, dicía a mensaxe.

5. Dislocacións do sentido:
Baséanse en perplexidades, paradoxos e cambios de perspectivas que nos obrigan o unha nova interpretación:
A billa
O plicplic impedíalle durmir. Pero non se levantou a pechar a billa culpable por dous motivos: a preguiza de abandonar o cálido leito e que, por algún motivo , notaba o seu corpo paralizado. Se cadra quedara durmido nunha mala posición. “Esperarei un pouco máis, vai frío fóra” dixo para si.
Cando o sol comezou a estender a súa pálida luz a través das fendas da persiana , escoitou como o pingar se espaciaba no tempo máis e máis. “ Están cortando a auga e agora poderei durmir de novo. Vai frío fóra”. Relaxouse , esqueceu a extraña mobilidade do seu corpo e pechou os ollos.
O mediodía entrou polas fendas da persiana e iluminou o home que xacía con expresión de apacible felicidade. Un dos seus brazos sobresaía da cama . Plic. Unha derradeira pinga caeu das súas veas abertas

6. Crear unha realidade nova..  

“Ebrias”.
As bolboretas ao voaren fano moi erraticamente debido ao néctar que beben das flores. O néctar mantenas embriagadas de xeito permanente. As persoas de aguda capacidade auditiva refiren que en silencio é posible  o leve son do seu impo en cada desvío na traxectoria do seu vo.

7. Facer xogos coa linguaxe :
           
Amoreando amores

  “Amor sabor amorodo
amoricoque amoreído
amorío amortecedor
será amoral, amorfo ou amortizable tanto amor?”
……………………………………
De Gullermo Cabrera Infante, que no seguinte xogo perde unha palabra en cada liña :
           
¡Ay, José, así no se puede!
            ¡Ay, José, así no sé!
            ¡Ay, José, así no!
            ¡Ay, José, así!
            ¡Ay, José!
            ¡Ay!
……………………………………………………………………….
                 Abelardo, Arsaín, astuto avogado arxentino, asasino agudo, aposto, áxil aerobista acicalado. Atento. Amable. Amigo asiduo, afectuoso, asexante. Ambicioso. Amante ardente. Autoritario. Abrazos asfixiantes, ansiosos, asustados. Aluvión apagado, artefacto ablandado, apocado. Agravado. Altamente agresivo, al acecho. Abelardo Arsaín. Arma ao alcance, arremete arteiro, ataca arraibado, asqsina. Atrapado. Absolto: autodefensa. ¡Ai!

…………………………..

QUERER CON PRONOME
Cheísta de corazón, nunca sei se "che quero" ou "te quero".
Eu, para asegurarme,
quéroche e quérote.
En tódalas variedades dialectais posibles, meu sol.”



………………………………………………………………………………………………………………….

0 comentarios:

Enviar um comentário