06/11/2014

SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO


PARA SABERMOS SOBRE O TEMA LEMOS AS SEGUINTES INFORMACIÓNS:
( tomadas da unidade didáctica "Violencia de xénero e cartelismo" da profesora Pilar Ponte)

 Asemblea Xeral das Nacións Unidas definiu a violencia contra a muller como
"Todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as amenazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada."

Este tipo de violencia presenta dúas características que a diferencian doutros tipos de violencia:
- É unha violencia de carácter universal, porque se produce en todas as culturas, non entende de fronteiras, de idades nin de razas.
- É unha violencia de carácter transversal, porque se produce en todas as clases sociais sen distinción de nivel cultural nin posición económica.

O Consello de Europa definiu 5 tipos de violencia de xénero e as súas manifestacións.
Violencia física: As agresións producen na vítima dano corporal, ou lesións de diversa intensidade que acotío non son visibles. Algunhas destas condutas son: empuxóns, abalóns, tiróns do pelo, labazadas, golpes, patadas, queimaduras, mordedelas, estrangulamentos, puñaladas, mutilación xenital, tortura e asasinato.
Violencia económica: consiste na desigualdade no acceso aos recursos compartidos, por exemplo, negar e/ou controlar o aceso aos cartos, impedir o aceso a un posto de traballo ou á educación, tamén está incluído aquí negarlle o dereito á propiedade de obxectos e bens.
Violencia sexual: É calquera actividade sexual non consentida -chistes e bromas sexuais, miradas fixas irascibles, comentarios desagradables, exhibicionismo, chamadas telefónicas ofensivas, propostas sexuais indesexadas, visionado ou participación forzada en pornografía, tocamentos indesexados, relación sexual obrigada, violación, incesto. Todo isto está dirixido á execución de actos sexuais que a muller considera dolorosos ou humillantes. Forman parte deste tipo de violencia o embarazo forzado e mais o tráfico e explotación na industria do sexo.
Violencia espiritual: consiste en erosionar ou destruír as crenzas culturais e/ou relixiosas dunha muller a través do ridículo e o castigo, ou obrigar a alguén a que acepte un sistema de crenzas determinado.
Violencia psicolóxica: Consiste en causarlle dor e sufrimento emocional á muller mediante accións que a controlan ou lle producen desvalorización. Abrangue chistes, bromas, comentarios, ameazas, illamento, desprezo, intimidación e insultos en público ou en privado. Presenta unha variante social cando se instiga a muller ao autoillamento ou se dificultan as súas relacións con persoas alleas ao seu núcleo familiar; a través de condutas que a intimiden, ridiculicen e controlen as súas relacións sociais: coa súa familia, as súas amizades ou outras persoas diferentes do agresor.
O CICLO DA VIOLENCIA
A maioría de casos de violencia contra as mulleres prodúcese dentro da parella. É por isto que debemos ter en conta que a violencia non xorde de súpeto na relación dunha parella, senón que vai aparecendo de forma progresiva describindo o que se denomina “ciclo da violencia”, que é un comportamento que se repite unha e outra vez.


As agresións constan dun ciclo de tres fases: tensión, agresión e reconciliación.

Fase de tensión: caracterízase por unha escalada gradual de tensión na relación, que se manifesta en insultos, abuso físico... O agresor expresa hostilidade e a muller intenta calmar a situación pensando que ela pode CONTROLAR a situación de agresión.

Fase de agresión: a tensión comezada na fase anterior, aumenta ata que se producen, os primeiros comportamentos violentos na forma de abusos físicos, psíquicos, sexuais... O agresor expresa a súa hostilidade de modo explosivo. Moitas mulleres non buscan axuda externa denunciando a agresión ata chegar a esta fase.
Fase de conciliación ou lúa de mel: o maltratador amósase arrepentido, pídelle perdón á súa compañeira fomentando nela a esperanza e o desexo de que todo poida chegar a cambiar. Neste momento muller fíxase nos aspectos positivos da súa parella e só quere esquecer o sucedido. É por esta altura que a muller intenta modificar condutas que ela cre que puideron conducir á agresión para que non se volva a producir, mais está enganada porque que a agresión se repita non depende do seu comportamento. A existencia desta fase é o que explica que moitas mulleres decidan retirar as denuncias presentadas na fase de agresión.

Cando se produce por primeira vez o ciclo da violencia a muller tende a pensar que se tratou dun feito illado que non se vai repetir, pero está nun erro. O ciclo da violencia ao principio dura moito tempo, pero cada vez se vai ir repetindo con máis frecuencia ata que chega un momento en que en vez de existir tres fases o ciclo se reduce só á fase de agresión.


No seguinte vídeo escoitamos a voz dun maltratador. Logo de velo  imos escribir un monólogo , pero agora desde a perspectiva da muller maltratada.



AQUÍ PODES VER UNHA REPORTAXE SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO. 

 photo VIOLENCIADEXEacuteNERO_zps07fae51a.jpg




0 comentarios:

Enviar um comentário