30/11/2015

POEMAS NEOTROBADORESCOS DE ÁLVARO CUNQUEIRO


No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quen poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten aers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quen poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quen poidera namorala,
meu amigo!


CUNQUEIRO, Álvaro, Cantiga nova que se chama Riveira, en Obra en galego completa, Vigo, Ed. Galaxia, 1980.




Polos teus ollos quen pasou, amiga,
deixou unha ollada de amor perdida.
Nos ollos teus.

Deixou de amor perdida unha ollada
polos teus ollos quen pasou, amada.
Nos ollos teus.

Cinza levas nos ollos, amiga,
daquela ollada de amor perdida.
Nos ollos teus.

Borrallo nos ollos levás, amada,
que non miraches a quen te ollaba.
Nos ollos teus.


Cunqueiro, Álvaro (1980) Cantiga nova que se chama riveira in Obra en Galego Completa I(Vigo: Ed. Galaxia)




A canción de Miguel Alonso, "Nos teus ollos", complétase cos versos do poema que ocupa o número 18 en Cantiga nova que se chama riveira:

Adolescencia de aramios
quixo ter.

Mollou os ollos na risa
pra ben ver.

Adolescente de aramios
foi ruar.

Volveu co sono perdido
e un mirar.

Mirar de luar.
Por el chorar!

0 comentarios:

Enviar um comentário