31/03/2013

LECTURAS PARA 1º ESO. TERCEIRO TRIMESTRE

LECTURAS OBRIGATORIAS PARA PRIMEIRO DE ESO. TERCEIRO TRIMESTRE

No mes de maio, a  escritora e membro da Real Acedemia Galega,Fina Casalderrey visitará o noso instituto para ofrecernos dúas charlas ( para 1º e 2º ciclo da ESO respectivamente) sobre as súas obras.
No terceiro trimestre o alumnado de 1º de ESO deberá  escoller unha entre as seguintes obras de Fina Casalderrey

TÍTULO: A lagoa das nenas mudas.
AUTORA: Fina Casalderrey

Editorial: Xerais
Colección: Sopa de libros
Sinopse:
Amina é unha nena nixeriana que, tras obter o permiso de residencia, comeza a ir á escola. Esta é a historia do que sucede neses primeiros tempos, da relación cos profesores, cos compañeiros e especialmente con Ío, unha pequena que ten problemas para comunicarse pero non para sentir e ser quen de acollela. O continente africano e a inmigración aparecen reflectidos grazas á protagonista. Espertan os medos ao diferente e os prexuízos, pero tamén os sentimentos de solidariedade e a amizade entre as dúas rapazas.
As cartas que esta nena dirixe ao seu curmán e que forman parte do relato amósannos esta realidade, a nosa, vista por alguén que chega de lonxe, as súas percepcións e sentimentos, o que bota de menos e como se vai afacendo a estar entre nós.


SOBRE ESTE LIBRO  DEBERÁS REALIZAR AS SEGUINTES CUESTIÓNS, CON REDACCIÓN PROPIA E BOA PRESENTACIÓN. DEBERÁS ENTREGAR O TRABALLO ANTES DO 10 DE MAIO.

O BÁSICO SOBRE O LIBRO:
  1. Busca información  sobre a autora do libro . Non se trata de copiar unha biografía extensa senón de dar os datos básicos ( data e lugar de nacemento, profesión, obras publicadas, premios recibidos, actividades que desenvolve…)
  2. Fai un resumo do libro, que non che ocupe máis de dúas páxinas, contando o principal do seu argumento ( non uses o procedemento de cortar e pegar. É fundamental que haxa redacción propia)
  3. Identifica quen conta a historia e comenta se hai algún caso no que haxa cambios de narrador.
  4. Recolle información sobre os personaxes do libro explicando brevemente como son.
  5. Elabora un vocabulario  de dúbidas persoais . Escribe o significado de dez palabras que non coñeceses ou que che fosen pouco familiares.Trata de aprendelas.   
 ALGUNHAS CUESTIÓNS PARA REFLEXIONAR UN POUCO MÁIS:
                                                              
     6. Cando Amina escribe ao seu amigo Edu, fálalle de cousas que entre nós son comúns coma se se tratase de algo extraordinario. Isto é o que acontece cando lle fala da calefacción ou da sensación de frío, de poder saír á rúa sen medo a ser repatriada, etc. Busca ti outras cousas do mesmo tipo.
  1. Le detidamente a discusión sobre as linguas que se establece na clase de Sara. Explica en que consiste e que argumentos se empregan para defender  cada postura.
  2. Cando Amina escribe, despídese dunha maneira especial. Revisa como é e escribe ti  varias despedidas do mesmo tipo tal e como as fariamos nós  en Galicia.
  3. Ás veces somos tan crueis como Severo ou Valentín. Outras, somos valentes coma todas esas rapazas que deciden manifestarse e solidarizarse con Amina.Escribe algunha situación na que vises comportamentos semellantes. «As palabras tamén poden ser pedras que feren profundamente», Explica porque o titor do curso di esta frase . Logo trata de  lembrar algunha experiencia ou imaxinar situacións nas que isto sexa así.
  4.  Identifica algún feito narrado no libro que denote racismo ou discriminación dalgún tipo.
  5. Escribe en poucas liñas a historia que se agacha detrás do trauma de Ío ( tes que imaxinala ti co que deduzas da lectura do libro)
  6. Escríbelle unha nota a escritora expresándolle a túa opinión sobre a obra.
  7. Pensa nalgunha pregunta que che gustaría facerlle a Fina Casalderrey e escríbea. 


TÍTULO: O misterio do faro vello
AUTORA: Fina Casalderrey
Editorial: Xerais
Colección: Sopa de libros.
Sinopse:

Lorena e os seus amigos queren descubrir a orixe das misteriosas bólas de luz que, como pompas de xabón xigantes, flotan sobre o Faro Vello de cando en vez, sen que ningunha persoa maior semelle reparar nelas. O que non imaxinan é que hai un rapaz na vila disposto a evitar que desvelen o enigma, aínda que teña que empregar os medios máis perversos para conseguilo.




SOBRE ESTE LIBRO  DEBERÁS REALIZAR AS SEGUINTES CUESTIÓNS, CON REDACCIÓN PROPIA E BOA PRESENTACIÓN. DEBERÁS ENTREGAR O TRABALLO ANTES DO 10 DE MAIO.

O BÁSICO SOBRE O LIBRO:
  1. Busca información básica sobre a autora do libro . Non se trata de copiar unha biografía extensa senón de dar os datos básicos ( data e lugar de nacemento, profesión, obras publicadas, premios recibidos, actividades que desenvolve…)
  2. Fai un resumo do libro que non che ocupe máis de dúas páxinas contando o principal do seu argumento ( non uses o procedemento de cortar e pegar. É fundamental que haxa redacción propia)
  3. Identifica quen conta a historia e comenta se hai algún caso no que haxa cambios de narrador.
  4. Recolle información de cada un dos personaxes do libro explicando brevemente como son.Céntrate especialmente no personaxe de Belial Viario.
  5. Describe o lugar no que acontece a historia. As zonas de Beiramar.
  6. Elabora un vocabulario  de dúbidas persoais . Escribe o significado de dez palabras que non coñeceses ou que che fosen pouco familiares. Trata de aprendelas. 
ALGUNHAS CUESTIÓNS PARA REFLEXIONAR UN POUCO MÁIS:
  1. Fai unha recopilación das normas de educación viaria que aparecen neste libro .
  2. No libro faise alusión ao paso do tempo por medio da idade da protagonista e tamén con expresións como as seguintes: “pasa o tempo das cereixas, remata a época das claudias, xa celebraron en Beiramar a festa da Virxe do Carme.. Xa pintan de vermello as primeiras mazás do outono”   Indica canto tempo transcorreu desde o comezo ao final da historia e escribe ti outras expresións semellantes que puidesen indicar o paso do tempo.
  3. Pensas que Belial Viario pode considerarse un personaxe sobrenatural? Pensa nas súas características físicas , nas súas aparicións, nas súas accións…  Recolle as características que precises para xustificar a túa resposta.
  4. Ás veces somos insensibles perante as dificultades de persoas con discapacidades. Busca no libro un exemplo dun comportamento deste tipo . Pon outros exemplos que puedeses advertir na vida real .
  5. No libro aparece a realización dun rito máxico , menciónao. Coñeces ti algún rito ou superstición?
  6. Escribe en poucas liñas como será un día na vida de David  ( tes que imaxinala ti co que deduzas da lectura do libro)
  7. Escríbelle unha nota a escritora expresándolle a túa opinión sobre a obra.
  8. Pensa nalgunha pregunta que che gustaría facerlle a Fina Casalderrey e escríbea. 



0 comentarios:

Enviar um comentário