Páxinas

31/03/2013

UN NIÑO NO XARDÍN. XOÁN NEIRA






TÍTULO: Un niño no xardín
AUTOR: Xoán Neira
EDITORIAL: Edicións Xerais ,2012
COLECCIÓN: Sopa de libros.

A TREBOADA

No corazón do verán
a calor rompe a tarde
e descarga a treboada
no xardín onde arde o aire.

E cando o ceo escampa
na luz da raiola branca
volve o paxaro que canta
encher o papo de auga.

Daquela todo revive
e ten recendo a frescura
e así toda a bichería
acalma a súa secura.

A herba esmorecida
volve reverdecer
e a última flor do estío
resiste outro amencer.


 O     VAGALUME

Unha noite no xardín
paseando ás escuras
un carreiriño de luz
chamou a miña atención.
Vexo catro vagalumes
que os meus pasos aluman,
achégome con sixilo
contendo a respiración.
Que non se apague o prodixio!
Un carreiriño de luces,
tan só catro vagalumes,
catro estreliñas no chan
a un palmo da miña man.

ROSA DE LUME

Unha rosa de lume
naceu no meu xardín,
cal chama acesa do sol,
perfume de primavera
que rube ao corazón.

Lapa de cacharela
vermella e amarela
vertida no solpor
para incendiarme as pupilas
e facerme soñador.


0 comentarios:

Enviar um comentário