Mostrar mensagens com a etiqueta NOVAS DE INTERESE. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta NOVAS DE INTERESE. Mostrar todas as mensagens

13/06/2013

O " PORTAL DAS PALABRAS"

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié crearon o PORTAL DAS PALABRAS  un novo espazo de difusión do léxico e a lexicografía do galego, activo dende hoxe.

Os presidentes da Fundación Barrié e da Real Academia Galega, José María Arias Mosquera e Xesús Alonso Montero, respectivamente, presentaron, na sede da Fundación, esta nova iniciativa, conxuntamente coas versións para móbiles e tablets do dicionario electrónico da RAG. Ambas as dúas actuacións son o resultado da colaboración que manteñen ambas as dúas institucións, dentro dun proceso de modernización da Real Academia Galega a cargo de técnicos do Seminario de Lexicografía da RAG, situado na sede da Fundación Barrié dende mediados de 2012, e a Biblioteca da institución.


11/12/2012

Recitando a Celso Emilio a 30.000 voces

"Deitado frente ao mar " é un dos poemas máis emblemáticos de Celso Emilio Ferreiro. Converteuse nun símbolo de defensa do noso idioma que ningún galego debería descoñecer. 
 Ás  12 da mañá do día 12 de decembro, nos centros escolares de Galicia, haberá un acto de homenaxe a este autor , promovido pola Coordinadora de Equipos de normalización e dinamización lingüística e  consistente nun recitado colectivo deste poema.  
                                   .





 Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

En Longa noite de pedra

19/11/2012

CARLOS GENDE EN MOSTEIRÓN

         Carlos Gende é un dos poucos galegos que domina o beatbox, unha disciplina derivada do hip-hop consistente en facer música sen usar instrumentos. Os que o practican son algo parecido aos chamados homes orquestra, pero todos os sons os conseguen controlando o aire que sae polo nariz e a boca. De feito, Carlos ten claro que aínda que sexa un fenómeno recente, a esencia do beatbox non é novidosa e pon como exemplo a capacidade de John Balan para simular o son dunha trompeta.
- «Non creo que ou beatbox consista só en imitar os instrumentos musicais» di Carlos, e por iso,  adoita introducir todo tipo de efectos e sons nas súas improvisacións. 
 As súas primeiras actuacións fíxoas acompañando aos grupos Presenza Zero e Machina participando en obradoiros en varios institutos galegos para ensinar as bases do beatbox e do rap e xa conseguiu varios premios en recoñecemento ao seu bo facer. Aínda que Carlos Gende rematou hai pouco tempo os estudos de Telecomunicacións continúa a dar concertos e explicar as súas técnicas polos institutos e hoxe tivemos a fortuna de telo connosco . Deunos unha auténtica clase de música e de fonética, explicounos as orixes do xénero, sinalou as vinculacións que el establece entre o idioma galego e a súa música … foi un verdadeiro pracer telo connosco porque é un tipo estupendo, que conectou con alumnos e profesorado.


Para os que queiran buscalo na rede: gendebeat ou xenderal

08/11/2012

ESTREA DE "TODO É SILENCIO"

          Mañá estréase nos cines a película " Todo é silencio", baseada na obra  co mesmo título do escritor galego Manuel Rivas .
Dirixida por José Luis Cuerda, está ambientada en Galicia  e no narcotráfico dos  anos oitenta, ademais de narrar a historia dun complexo triángulo amoroso. A rodaxe contou cun importante reparto de actores entre os que están Quim Gutiérrez,Miguel Ángel Silvestre, Celia Freijeiro e Juan Diego.
          Moitos elementos nos fan compartir  a ilusión por esta película: está baseada nun estupendo libro da nosa literatura ; foi  rodada nas terras da Costa da Morte e;  o que máis nos emociona, conta coa participación, entre outros, dun compañeiro voso , Juan García - Insua.
MOITA, MOITA SORTE (  ou "moita merda" que dirían os actores)
Aquí podedes ver o MAKING OF