Mostrar mensagens com a etiqueta O DIÁLOGO. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta O DIÁLOGO. Mostrar todas as mensagens

22/11/2016

A ENTREVISTA. OUTRO TIPO DE DIÁLOGO PLANIFICADO.

Neste trimestre estamos a  traballar os textos dialogados ,  unha das  variedades deste tipo de texto é a entrevista. Antes de nada convén que vexamos  as características das entrevistas desde un punto de vista teórico.

A ENTREVISTA
A Entrevista é un tipo de diálogo planificado que se
establece entre dous interlocutores:                                                                           
-   O ENTREVISTADOR  que é a persoa que propón unha serie de preguntas.
-    O ENTREVISTADO  , a persoa que responde.
                                                                                                          
TIPOS DE ENTREVISTA
PSICOLÓXICA
Ten como obxectivo dar a coñecer  a personalidade  (gustos, sentimentos, manías)  e  algúns aspectos da vida privada e do ambiente que rodea  o personaxe  entrevistado.
Exemplo:
- Por que non lle gusta a vostede a popularidade, é  vostede unha persoa tímida?
Unha variante deste tipo de entrevista é o chamado cuestionario Proust.
INFORMATIVA
Pretende  ofrecer información  , transmitindo as ideas e opinións do entrevistado ,sobre un tema ou asunto de interese.
Exemplo:
- Opina vostede que a música en galego ten futuro ?

ESTRUTURA  DA ENTREVISTA
TÍTULO
INTRODUCIÓN
Nesta parte normalmente faise unha presentación do entrevistado e indícase o  motivo da entrevista.
CONXUNTO DE PREGUNTAS coas que se obtén a información. Poden ser de diferente tipo.
Tipos de preguntas
Definición
Exemplo
Preguntas cerradas
Son aquelas das que esperamos unha resposta concreta
É vostede galego?
Gústanlle os deportes?
Preguntas abertas
Son as que teñen respostas longas, nas que o entrevistado pode expresarse libremente.
Cal é a súa opinión sobre a nova lei educativa?
Preguntas hipotéticas
Son aquelas nas que o entrevistador presenta situacións supostas
Que faría vostede se gañase as eleccións ?
Preguntas de sondaxe
Son as que permiten afondar na información que se deu na pregunta anterior
E por que ?
Que decidiu despois diso?
Preguntas comentario
Son preguntas expostas como frases inacabadas e que o entrevistado contesta como se fosen preguntas normais.
E… despois vostede ingresa no Deportivo da Coruña…
CONCLUSIÓN ou parágrafo final co que  normalmente se indica  que a entrevista está rematada.
 Nesta parte faise case sempre un breve resumo , unha frase de agradecemento e unha despedida.

A ORTOGRAFÍA DA ENTREVISTA

Cando poñemos unha entrevista por escrito, temos que gardar unha serie de normas. Cada vez que intervén un personaxe, hai que escribir diante das súas palabras un guión (-).

Exemplo:
-Que pensa vostede sobre  a vida extraterrestre ?
-Creo que non hai que negar a posibilidade de que haxa vida fóra do noso planeta.


Tamén se pode escribir as palabras "pregunta" ou "resposta" (ou ben as súas iniciais P ou R) diante destas. 
Exemplo:
P -Que pensa vostede sobre  a vida extraterrestre ?
R -Creo que non hai que negar a posibilidade de que haxa vida fóra do noso planeta.


Cómpre empregar os signos de interrogación ( Xa sabes que en galego poden poñerse só ao final de cada pregunta )
Recorda que os pronomes interrogativos, en galego, non levan acento gráfico:
Que?, Cando?, Como? Por que?

COMO PREPARAR UNHA ENTREVISTA
A realización dunha entrevista esixe unha serie de pasos, que podemos agrupar nestas tres fases:

a) Preparación
Sempre que sexa posible, débese facer un traballo de documentación sobre a persoa que se vai entrevistar: datos biográficos e profesionais, opinións ou ideas que expresou con anterioridade etc.
Do mesmo xeito, tamén se debe obter documentación previa sobre os temas que se vaian tratar no diálogo co personaxe.

b) Realización 
Aínda que se grave todo, é interesante facer anotacións escritas sobre as reaccións e respostas do entrevistado.
É conveniente ter un guión previo que nos sirva de axuda para conducir o diálogo, pero tendo en conta que pode ser necesario alterar a orde dalgunhas das preguntas ou modificalas debido ás respostas que non vaian dando.

c) Redacción
Debemos ter en conta que un texto escrito non é o mesmo que un texto oral. Así, ao escribir as respostas da persoa, debemos darlles nós a forma axeitada, aínda que respectando en todo momento o esencial. É importante respectar a estrutura indicada anteriormente facendo unha presentación e ao final unha conclusión a xeito de despedida.

24/01/2013

O diálogo dramático

                     O texto dramático ou teatral escríbese para ser representado nun escenario. Non hai un narrador e por iso a historia é mostrada directamente por medio das accións e as palabras dos personaxes.
Nas obras podemos distinguir dous tipos de textos:
  •       O texto principal constituído polos diálogos dos personaxes e   que pronunciarán os actores ao representar a obra
  •           As indicacións escénicas que explican como debe ser o decorado, o vestiario, a entoación, os xestos e movementos dos actores. Estas partes do texto non son pronunciadas por ningún personaxe e case sempre aparecen cun tipo de letra diferente á do texto principal e entre parénteses.Nas indicacións escénicas podemos incluír desde o ton que debe empregar un personaxe até calquera detalle do vestiario que nos axude a caracterizar o personaxe.
           Cando un actor ou actriz pronuncia algunhas palabras para que as escoite o público pero non o resto dos personaxes da escena, estamos ante un aparte.

Como falan os personaxes?
Cando escribimos un diálogo para unha obra teatral, temos a tendencia a intentar que os personaxes  falen coma nós; pero temos que ter en conta  que as persoas non nos expresamos  todas da mesma maneira, por iso debemos facer que cada quen  fale de acordo coa súa personalidade. É conveniente pensar antes moi ben que tipo de personaxe é o que intervén (que idade ten, que profesión , que emocións está a trasmitir,que forma de falar emprega habitualmente)
É importante ver tamén cal é o rexistro que empregará , é dicir se fala cun rexistro coloquial ou cun rexistro formal. Non nos expresamos da mesma maneira en todas as situacións nin con todas as persoas(non falariamos  da mesma maneira cos nosos compañeiros de clase no recreo, que  coa Xefa de estudos no seu despacho para explicarlle unha incidencia )
O rexistro coloquial emprégase na comunicación familiar e entre os amigos. Está pouco planificado e por iso ten estruturas sinxelas, vocabulario de uso común , expresividade marcada e tratamento de familiaridade co receptor atuándoo ( tratándoo de ti).
O rexistro formal emprégase coas persoas coas que temos pouco grao de confianza, nel utilizamos expresións máis coidadas, vocabulario máis preciso, tratamento de cortesía ( vostede) co receptor…

ACTIVIDADES:
  • Le o seguinte fragmento dun texto teatral:
(Un comedor coa mesa servida. MAURO e UXÍA aparecen sentados e mirando para os pratos. Aos pés dela hai un balde. No medio da mesa temos un atril cun libro aberto na páxina 165 ou en calquera outra. O SEMIDEUS, algo ladeado para non facer sombra á parella, senta na súa cadeira plegábel de pequenas dimensións. )

UXÍA.- Queres máis parrochas?
MAURO.- Non.
UXÍA.- Quedan dúas.
MAURO.- Non.
UXÍA.- Fíxenas para ti e son pisciformes.
MAURO.- Vaia!
UXÍA.- Necesitas o fósforo que ten o escabeche.
MAURO.- (Mirando para o libro aberto.) Non teño fame.
UXÍA.- Vas facerme ese feo? 
MAURO.- Que?
UXÍA.- Non teñen espiñas.
MAURO.- Ah!
UXÍA.- Deixa de ler e préstame atención. Eu tamén son como un libro aberto! Teño o meu propio alfabeto Braile. Por que nunca me les?
MAURO.- (Ignora a última pregunta.) Que non teño fame, de verdade.
UXÍA.- Para iso me paso todo o día cociñando? (Levántase e tira os pratos ao chan.) Ingrato!
MAURO.- (Con pachorra.) Sabes de sobra que as parrochas eran de lata.
UXÍA.- Non, se vou ter que ir pescarllas ao señor! (Colle o balde, pois sabe que dun momento a outro vai chorar.) Ti odias o meu peixe e empezo a escamarme!
MAURO.- Non o odio, simplemente non conxeniamos.
                                            ( Xosé Luís Martínez Pereiro  Aproximación á muller nociva)
  • Identifica no texto todos os elementos da acción teatral.
  • Explica como é cada un dos personaxes da escena
  • En que  rexistro se expresan os personaxes? Xustifica a túa resposta.
  • En parellas escribide un breve diálogo teatral de dous personaxes . Imaxina unha situación (por exemplo un paciente falando co seu médico, un pai rifándolle á súa filla, un tendeiro vendendo froita a un señor, dúas amigas pola rúa ) e a partir da mesma elabora o texto coas anotacións escénicas e o diálogo . ( Extensión aproximada dun folio por unha cara)

20/01/2013

A TIRA CÓMICA E O DIÁLOGO.


O personaxe das seguintes viñetas , creado polo debuxante Kiko da Silva, chámase Fiz .Ten tres anos, tres pelos e tres debilidades:as cacas , os mocos e o pis. Tamén ten moita imaxinación aínda que é algo porco. 
Le con atención as viñetas fixándote na conversa entre os personaxes.


ACTIVIDADE .
Tes que escribir no teu caderno esta historieta gráfica de Kiko da Silva transformándoa nun diálogo escrito.
·         Inventa un título para a historieta.
·         Escribe un breve texto introdutorio no que o narrador indique a situación na que se atopan os personaxes e o que van facer.
·    Os  personaxes deste cómic chámanse Fiz,  Cano e Puri . Tes que indicar quen intervén de cada vez. Fíxate que cada intervención nas viñetas, se escribe dentro dun globo ou bocadillo.No  diálogo é necesario cambiar de liña cada vez que fale un personaxe e comezar cun guión. Debes indicar quen está falando , senón o lector non saberá quen fala de cada vez.
·         Podes usar verbos como dicir,contestar, preguntar, berrar,ordenar etc.

18/01/2013

CUESTIONARIO PROUST


           Este cuestionario é unha  variante da entrevista psicolóxica , que popularizou o escritor Marcel Proust, xa que ao parecer ,cando llo fixeron , contestou dun xeito moi inxenioso e orixinal.  Trátase dun conxunto de preguntas fixas, previamente establecidas, que esixen unha resposta breve. Ás veces o cuestionario Proust é utilizado como  complemento dunha entrevista longa.
 Exemplo:

  1. Con que adxectivo definiría o seu carácter?
  2. Que  calidade que prefire nas persoas?
  3. Diga cal é o feito histórico máis deplorable?
  4. Que aprecia máis nos seus amigos?
  5. Cal é o seu principal defecto?
  6. A súa ocupación favorita?
  7. A súa idea da felicidade completa?
  8. Cal é o seu maior temor?
  9. Se non fose vostede mesmo quen lle gustaría ser?
  10. Onde lle gustaría vivir?
  11. Unha comida:
  12. A súa cor preferida?
  13. Un canción que lle guste moito:
  14. Un título de libro:
  15. Un título de película:
  16. Os seus nomes favoritos?
  17. O que máis detesta é…?
  18. Que don da natureza querería  posuír?
  19. Cal é o defecto  que mellor perdoa?
  20. Cal é o  seu lema?
ACTIVIDADE
Failles un cuestionario deste tipo a dous  compañeiros /as que consideres totalmente diferentes. Compara  as súas respostas e comproba se estabas no certo ao valoralos deste xeito.

28/12/2012

O DIÁLOGO


Chamamos  diálogo ao intercambio verbal que se produce entre dúas ou máis persoas, xeralmente presentes, que de forma alternada, expresan as súas ideas, opinións sentimentos, etc.O diálogo fundaméntase na  interacción comunicativa directa e continua, de xeito que se intercambian constantemente os papeis de emisor e receptor.

  • CARACTERÍSTICAS XERAIS DO DIÁLOGO.
Existen dous tipos de textos dialogados: o espontáneo ou conversa cotiá, e o non espontáneo ou diálogo planificado. Un e outro comparten as seguintes características:

a)    Carácter oral. Os diálogos , agás no caso dos textos literarios e da trancrición escrita de mensaxes verbais, transmítese oralmente, de aí a relevancia que adquiren os elementos prosódicos ( voz, intensidade, entoación) e os elementos NON VERBAIS  ( acenos, miradas, posturas corporais, movementos de mans, indumentaria etc.)

b)    O contexto extralingüístico actúa como factor decisivo na comunicación verbal xa que por unha parte podemos facer referencia a elementos da situación sen nomealos ( ti designa o receptor, agora designa o tempo, aquí o lugar , etc) e por outra  omitimos  información que xa está presente no contexto.

c)    Necesidade de acordo mutuo entre as persoas que dialogan sobre aspectos como a aceptación da conversa, o papel de cada quen ou o nivel de formalidade do discurso.
d)    Predominio da 1ª e 2ª persoas gramaticais ( emisor e receptor) tanto nos pronomes persoais como nos verbos.

e)    Emprego de estruturas oracionais específicas para formular preguntas ( interrogativas) e expresar os sentimentos( exclamativas). Así mesmo utilízanse procedementos específicos para  expresar afirmación , negación ou dúbida.

f)    Malia a  súa diversidade os textos dialogados axústanse a unha estrutura fixa que se pode resumir en tres momentos: apertura-desenvolvemento-clausura. Cada unha destas partes caracterízase por empregar fórmulas lingüísticas específicas.

  • CLASIFICACIÓN DOS TEXTOS DIALOGADOS:

DIÁLOGO ESPONTÁNEO
DIÁLOGO NON ESPONTÁNEO OU PLANIFICADO
-Obedece a un encontro fortuíto ou escasamente planificado
-Prodúcese como consecuencia dun encontro planificado.
-Non hai roles diferentes entre os falantes.
-Hai roles diferenciados e cada persoa asume un papel.
-Os temas tratados xorden no momento e son variados.
-Preestablécese o tema a tratar.
-As quendas de palabra son flexibles.
- As quendas de palabras son  ríxidas.
-Non se pretende  un obxectivo claro agás os xerais das relacións sociais, familiares ou laborais.
- Obedece a obxectivos previos: dar a coñecer certas informacións ou opinións.
-Prefire os rexistros informais da lingua.
-Prefire os rexistros formais da lingua.
- Prodúcese en contextos moi variados.
EXEMPLO: CONVERSA ORAL COTIÁ,CONVERSA TELEFÓNICA …
- Prodúcese en contextos fixos e localizados.
EXEMPLOS: DEBATE, ENTREVISTA, MESA REDONDA, DIÁLOGO DRAMÁTICO



  • CARACTERÍSTICAS DALGÚNS TEXTOS DIALOGADOS:

COLOQUIO
O coloquio é un intercambio verbal formalizado no que interveñen un número reducido de persoas, que expresan as súas opinións sobre un tema acordado previamente. Este intercambio de puntos de vista está conducido por un/ unha moderador/a que presenta os participantes e distribúe o uso da palabra . Relacionados co coloquio están a tertulia ( na que os participantes interveñen sen unha orde ríxida) o fórum ( reunión dun grupo de persoas que intercambian opinión sobre un libro – libroforum-,  unha obra cinematográfica –cinefórum- etc) e o debate que se caracteriza por confrontar varias posturas sobre o mesmo tema e que require a observación de normas básicas como o respecto da quenda de palabra e a opinión dos demais.

ENTREVISTA
É o diálogo entre unha persoa que pregunta e outra que resposta, o contido e a forma teñen que ter en conta o destinatario e o medio de transmisión. A entrevista pode ser só informativa (cando as preguntas pretenden transmitir as ideas e opiniñons de alguén en relación a un tema de interese) ou psicolóxica ( cando pretende amosar a personalidade de alguén).O proceso de realización dunha entrevista esixe varias fases ( preparación previa- realización – emisión ou redacción).

DIÁLOGO DRAMÁTICO
O teatro é un espectáculo fundamentado na combinación dunha parte verbal dialogada e outra non verbal ( acenos , vestiario, escenografía, música, luz etc). No texto teatral , o diálogo cese complementado polas indicacións do autor/a sobre os elementos non verbais – anotacións escénicas-
Baseados no diálogo están multitude de xéneros como moitos anuncios publicitarios, a banda deseñada, o cine …