25/01/2013

COPLAS PARA TERCEIRO

    Nas clases de 3º de ESO estamos estudando as características da literatura de  carácter  oral producida  en Galicia no  período dos Séculos Escuros. Entre outros xéneros falouse das  versificacións populares , que serviron para acompañar moitas das actividades da vida cotiá das xentes (cantos de  labor, coplas , cantigas infantís, parrafeos, etc. ) e en moitas ocasións acompañaron celebracións como a do Entroido.
      Xa sabedes , rapaces e rapazas, que o luns imos analizar os recursos empregados nestas composicións populares e lanzarnos a crealas nós mesmos.

      Como anticipo hoxe van estas copliñas dirixidas ao alumnado de 3º de ESO B, que son só unha brincadeira , para que vaian preparándose  para as festas de Entroido que se achegan. 

Relatarvos vou a  historia
dun grupo de alumnos raro,
e xúrovos que é verdade,
tal e como  aquí declaro.

Cursan  terceiro da ESO,
como antes vos dicía
e creo que hai que amañalos
dunhas cantas avarías.

Por empezar por algún,
mencionarei  a maneira
de “tocar pelos” que ten
un  ao que lle chaman Neira .
Este Neira que vos digo
que contesta por Andrés,
fala máis nunha semana,
do que falo eu nun mes.

A continuación menciono,
a Claudia , vaia cativa!
non para de remexer
na cadeira cada día.
Tanto e tanto se abanea
a rapaza antes citada
que nalgunhas ocasións
acabou no chan deitada.

Hai outra nena  morena,
que de nome ten Yael
á que xa teño pillado
debuxando  nun papel.

Outro que senta detrás
Tati lle din como alcume,
non esperta do seu sono,
aínda que lle prendan lume.

E analizando tamén
o que me queda máis cerca,
hei de dicir que Daniel,
fai caso cando lle peta.

Unha cousa moi curiosa,
con Cristóbal me pasou,
acerteille co exercicio
que sen facer lle quedou .

A Carla por outra parte,
nunca lle dou  acertado,
caladiña no seu sitio,
sempre fai o que hai marcado.

Rebeca Carballo Mata
ten un nome que dá medo,
aínda que eu penso que Mata
é  unha planta, non é un verbo.

E non digamos de Iván,
que  di que non é “pra” tanto,
anda sempre a barullar,
e ponche cara de santo.

Évos Salorio outro caso
que imos considerar,
sempre venres lle parece
e non quere  traballar.

De Anxos andamos ben
nesta clase que vos digo
apelidados Rodríguez,
hai un Gómez e un Lapido.

Os exercicios corrixe
e na clase nunca  falta,
mais tampouco está calado
o noso amigo Peralta.

De Rita quero contarvos
que agora está mellorada,
ata que comprou as gafas,
parecía despistada.

Disque Pablo necesita
tomar un medicamento,
que lle calme un pouco riso
polo menos un momento.
De tanto que ri este neno,
vai sufrir de  incontinencia,
vai ter que saír ao baño
nalgunha clase de ciencias.

De Cataluña chegou
con cara de despistado,
Nicolás , Nicolasiño,
non andarás namorado?

Esquecíame de Carlos,
que é  un rapaz algo calado,
trátao ben se es compañeiro,
non o poñas enfadado.

E de Alberto, que contarvos?
se case non o distingo,
vén á clase poucas veces,
¿para el sempre  é domingo?

2 comentários:

  1. Jajajajajaja!
    Pero Belén, quen as fixo? Ti ou os nenos? Son divertidísimas e moi atinadas.
    Agora temos que poñerlles música e cantalas na festa do Entroido!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Fun eu, creo que terei vinganza en breve.Tratábase de encirrar un pouco os ánimos creativos!

      Eliminar