Mostrar mensagens com a etiqueta 4ºESO. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta 4ºESO. Mostrar todas as mensagens

15/11/2017

O TOLLEITO DE INISHMANN




Desta vez tocoulle ao alumnado de 3º e 4º de ESO asistir ao teatro. A obra escollida,  O tolleito de Inishmaan,  recibiu varios galardóns nos Premios María Casares. Trátase  dunha comedia de Martin McDonagh,  dirixida por Cándido Pazó e representada por oito fantásticos actores e actrices galegos( Santi Romay, Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, María Roja, Marcos Pereiro, Ricardo de Barreiro y Luis Iglesia.) Os habitantes dunha pequena illa irlandesa viven as súas sinxelas vidas, e entre eles está o tolleito, que persegue o soño de ser amado e valorado como calquera outro. Este é o inicio da obra que baixo a forma da comedia agocha o sufrimento dun ser marxinado polas súas eivas físicas.

21/02/2017

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

       Hoxe tivemos no instituto a gratísima visita de Andrea Maceiras, que mantivo un encontro  cos alumnos/as de cuarto de ESO , despois deles teren lido o libro Europa Express.
       Judit e Nadia fixeron  a presentación diante dos seus compañeiros  e a continuación foi a intervención de Andrea. A escritora comezou léndonos un fermoso   spin-off  con base en  Europa Express, para dar paso logo a un coloquio coa rapazada que resultou fenomenal. Falaron dos personaxes, do longo proceso de creación o libro, das viaxes por Europa que lle inspiraron a historia. Tod@s  quedaron moi  contentos e a maioría coa intención de facer o interraíl nun futuro próximo.Non se pode ter máis conexión cos rapaces , Andrea, estamos desexando que volvas!

       

11/01/2017

AS VANGARDAS

Imos empregar esta  presentación procedente  do  blogue TRAFEGANDO RONSEIS  para  ir vendo as características das vangardas:


É moi recomendable "pasear" pola fantástica UNIDADE DIDÁCTICA elaborada pola profesora Pilar Ponte; nela dáse unha visión global e moi completa da vangarda en Galicia, achegándonos numerosos enlaces para ampliar as informacións.
Deste traballo extraemos algúns apartados con especial interese:

 O NEOTROBADORISMO é unha vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galaico-portuguesa, a través da edición comentada de J. Joaquin Nunes (1928), o que fixo posíbel a aparición dun novo discurso poético. Nesta nova vangarda recréanse temas amorosos similares ás cantigas de amigo e de amor, con recursos formais (paralelismorefránleixaprén...), e ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...). Sobre todo inflúe a cantiga de amigo.No contexto renovador das vangardas históricas  algúns autores  como  é o caso de Álvaro Cunqueiro, incorporaron elementos do lirismo medieval co afán de construír textos vangardistas
O HILOZOÍSMO   foi un movemento poético propio da vangarda galega, cuxo pai foi Luís Amado Carballo. Nos poemas hilozoístas préstaselle unha grande atención á natureza, a cal aparecece en constante movemento, grazas moitas veces ao uso de imaxes autónomas.
Emprego abondoso e atrevido de imaxes.
- Ampla utilización das cores. A presenza do elemento plástico e cromático é abondosa e evidente. Predomina o uso do AMARELO, o cal simboliza o desacougo enmascarado pola euforia.
- Uso do verso octosílabo, co que se diferencia dos movementos de vangarda europea, onde se prescribía o versolibrismo.
- Ambientación rural, aparecendo con frecuencia elementos folclóricos, relixiosidade popular e bucolismo.
- Presenza de estranxeirismos, sobre todo empréstimos do francés e inglés. Isto conecta o hilozoísmo co multilingüísmo das vangardas europeas, o cal lle outorga un certo cosmopolitismo.

  • UN POEMA HILOZOÍSTA : O GALO  DE AMADO CARBALLO
O MAIOR REPRESENTANTE DA VANGARDA GALEGA  :   MANUEL ANTONIO

- O manifesto Máis Alá, 1921. Escrito por el e asinado tamén polo debuxante Álvaro Cebreiro.
-  A obra  De catro a catro      aínda que editada en 1928, foi escrita durante a súa navegación co "Constantino Candeira", como o manifesta o autor no manuscrito (1926-27). Foi o único libro publicado en vida do autor. A obra reflicte o proceso da viaxe marítima, seguindo unha liña temporal. Comeza con "Intencións" onde o poeta anuncia que vai comezar a singradura, e amósase ilusionado ante unha nova experiencia. Continuan 17 poemas nos que se manifesta unha vivencia interna do mar, e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación hai unha escala en terra, os poemas 8 e 9, "Recalada" e "Navy bar". Remata a viaxe cunha volta á terra, o poema "Adeus" é a súa despedida saudosa que significa o regreso á vila natal, que será o seguinte poemario: Viladomar.

Este proceso axústase a unha estrutura mítica, o suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar -ao que volve rematada a navegación- pero a travesía ofrécelle un conxunto de vivencias que debe descifrar. O poeta, co-mo Ulises, realiza unha navegación iniciática, percorrendo o mesmo itinerario: Abandono do coñecido. Aventura, abrirse ao novo. Regreso renovado pola experiencia. O universo simbólico da aventura interior do suxeito vén manifestada por varios símbolos: o mar (simboliza a vida), o barco (representa o poeta, o eu lírico que comeza a viaxe), a proa (significa o futuro), o ronsel (simboliza o pasado), o mastro (dálle ánimos para continuar a travesía), o leme (representa o rumbo definido, o vento (simboliza o dinamismo), etc.
Este libro presenta unha tripla orixinalidade:
Lingüística ao introducir cultismos inéditos na nosa literatura e introducir o léxico da navegación.
Temática en canto que presenta o mar desde o propio mar conformando unha paisaxe ata daquela descoñecida.
Formal no tratamento rupturista e nas imaxes vangardistas.
A pegada creacionista neste libro é grande pero existen algunhas características que afastan o libro do vangardismo, como o carácter unitario do poema e a anulación da distancia entre o obxecto poético e o suxeito lírico. 
Algúns dos seus principais trazos son:
- Utilización  do versolibrismo, ausencia de rima e dos signos de puntuación.
- Disposición libre da tipografía.
- Emprego de tecnicismos, neoloxismos e estranxeirismos.
- Ausencia de fío argumental.
- Sucesión de imaxes de carácter creacionista nas que o termo real non garda relación co termo imaxinario.
- Presenza recorrente de motivos como: o mar no que proxecta o seu ánimo o poeta; o paso do tempo; e unha vivencia da condición humana en clave existencial.
 - Tematicamente, a natureza é a grande protagonista, mediante o uso e abuso de prosopopeas. O elemento humano apenas aparece e, cando o fai, fúndese coa paisaxe.


POEMA DE MANUEL ANTONIO INTENCIÓNS ( DE CATRO A CATRO)
POEMA DE MANUEL ANTONIO  SÓS  ( DE CATRO A CATRO)

09/01/2017

OS DEMOSTRATIVOS


OS DEMOSTRATIVOS

Os pronomes ou determinantes demostrativos empréganse para sinalarmos unha entidade e, asemade, achegarmos unha idea de distancia que pode referirse tanto ao espazo coma ao tempo ou a partes anteriores ou posteriores do noso discurso.

PROXIMIDADE
NÚMERO
MASCULINO
FEMININO
NEUTRO/ INVARIABLE
AQUÍ
SINGULAR
este
esta
isto
PLURAL
estes
estas
SINGULAR
ese
esa
iso
PLURAL
eses
esas
ALÍ
SINGULAR
aquel
aquela
aquilo
PLURAL
aqueles
aquelas

denominadas formas neutras dos demostrativos (isto, iso, aquilo) son pronomes e, polo tanto, non poden funcionar como determinantes.
Non se aceptan na escrita as formas esto*, eso*, aquello* nin a forma elo*

CONTRACCIÓNS DE PREPOSICIÓNS CON DEMOSTRATIVO:

este, -s
esta, -s
ese, -s
esa, -s
aquel,-es
aquela, -s
de
deste, -s
desta, -s
dese, -s
desa, -s
daquel, -es
daquela, -s
en
neste, -s
nesta, -s
nese, -s
nesa, -s
naquel, -es
naquela, -

Os demostrativos  poden combinarse cos indefinidos outro(s), outra(s) e dar lugar a novas formas demostrativas que se empregan para manifestarmos a escolla entre dous elementos que non teñen por que aparecer expresos.

masc.
fem.
masc.
fem.
masc.
fem.
sing.
estoutro
estoutra
esoutro
esoutra
aqueloutro
aqueloutra
pl.
estoutros
estoutras
esoutros
esoutras
aqueloutros
aqueloutras

Entre esta e estoutra programación penso que debemos escoller a segunda
As máis sinxelas non son estas probas, senón aqueloutras que deseñaramos

Malia estas seren as formas habituais, existen tamén as formas plenas, que son as únicas posibles para o neutro:
isto outro, iso  outro, aquilo outro.

Iso outro non se menciona na lexislación vixente

USOS E VALORES ESPECIAIS DOS DEMOSTRATIVOS

·         O demostrativo aquel(a) pode usarse con valor substantivo como palabra “comodín”  con distintos significados segundo o contexto.
Co aquel (= motivo, pretexto) da folga suspendéronse as clases
Ten moita aquela (= arte, habilidade, astucia) para a investigación
Desta maneira chegan a empregarse formas verbais derivadas como aquelar, aqueloutrar, desaquelar ou desaqueloutrar.  Agora mesmo aquelas (= ordenas, arranxas) estes expedientes
Tamén se usan como adxectivo: Non sei por que anda tan desaquelado (= preocupado, pensativo, tristeiro)

       A contracción daquela, por unha banda, pode ter valor adverbial e equivaler a  ‘naquel momento’:
Daquela o departamento contaba con menos medios
Pola outra, pode ter valor de conxunción consecutiva e equivaler a ‘por tanto’, ‘xa que logo’.
Se é así como ti dis, daquela non hai perigo de exclusión para os discapacitados.

       As contraccións nisto, niso, naquilo, nestas e nesas, e a locución con estas empréganse con valor adverbial co significado de ‘entón’, ‘nese momento’, ‘nese mesmo momento’, ‘no mesmo instante’, ‘de repente’ etc.

Nisto foise a luz e quedamos sen acabar o experimento
Nestas que vou por unha auga á máquina e chámame por teléfono
E con estas colleu e enviou os seus datos por fax

ACTIVIDADES:
Indica o valor dos demostrativos nas seguintes oracións :
  1. Ten un aquel que namora.
  2. Co aquel da festa non foi á clase.
  3. A túa compañeira si que ten aquel.
  4. Esa saída graciosa si que ten aquel.
  5. Ese filme non ten aquela ningunha.
  6. É bo rapaz, mais ten unha aquela que o fai moi feo.
  7. O individuo ese non me engana a min.
  8. Iso non é un mozo, é un farrapo.
  9. Daquela aínda ti eras pequena.
  10. Cando veu daquela, estábache mellor conservado.
  11. Daquela déixocho na conserxería.
  12. E con estas, esfumouse en cuestión de segundos.
  13. Nisto deixou de chover e saíu o “Lourenzo” todo esplendoroso.
  14. Nestas entra a directora de moi mal xenio.
  15. Conta o que che pasou daquela.
  16. Daquela imos hoxe ao teatro, ver unha versión de O lapis do carpinteiro.
  17. Co aquel do partido do Celta saíron antes da hora.
  18. Véxolle pouca aquela a esta programación.
  19. Con que aquel me contaba as súas aventuras en África!
  20. Non o vas conseguir nin por esas!
  21. Esa si que che foi boa, cóntalla a outro!
  22. E ti agora vésme con estas, anda, vai rañar a barriga por aí!




16/11/2016

"AS DO PEIXE"

Hoxe , o alumnado de 3º e 4º de ESO, asistiu á representación da obra teatral de Cándido Pazó, titulada As do peixe  . Nela , catro mulleres, extraballadoras dunha fábrica conserveira, rememoran a súa vida laboral e persoal , mostrando asemade, as súas ilusións e  a súa realidade cotiá.  O texto de Cándido Pazó, que demostra  unha vez máis a  súa grande valía como autor teatral, e o extraordinario traballo das actrices, fixéronnos vivir a historia desas mulleres como propia. Agora tócanos a reflexión nas aulas sobre tantos temas tocados na obra: a situación laboral da muller, o acoso sexual no traballo, a lingua como marca de clase, o matrimonio como aspiración feminina , os riscos nos postos de traballo , o dereito das mulleres a ter o seu propio tempo,a deslocalización da produción, a vida das avoas  condenadas ao coidado dos netos...

Unha frase, mencionada por unha das traballadoras ao lembrar o peche da fábrica ,vai ser o punto de partida para a nosa reflexión , así que preparádevos para analizala polo miúdo:

"Que a culpa non sexa nosa non significa que non teñamos a nosa culpa"




27/09/2016

GALICIA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX

   Non hai moito tempo, a Televisión de Galicia emitiu unha serie chamada HISTORIAS DE GALICIA, que recollía e divulgaba de xeito moi didáctico diversos aspectos da nosa historia. Varios capítulos son  moi interesantes para contextualizar a literatura do primeiro terzo do século XX. Quedan aquí varios fragmentos que debedes ver:
  O primeiro centrado no movemento agrarista, fundamental como falamos na clase, na abolición dos foros.
  O segundo é parte dun capítulo máis longo que  explica a construción da conciencia galeguista. Fixádevos ben sobre todo nos minutos finais , onde a figura de Castelao é protagonista:
 Por último o terceiro vídeo recolle a situación dos mestres durante a segunda república facendo un repaso por algúns dos aspectos aos que as leis republicanas atenderon especialmente : a igualdade da muller , o seu dereito ao voto, a coeducación...


  .
 

10/01/2016

COMO FACER UNHA RECENSIÓN SOBRE UNHA PELÍCULA

COMENTARIO DA PELÍCULA O LAPIS DO CARPINTEIRO

Logo de ver a película na aula, imos facer un traballo de expresión escrita consistente na realización dunha crítica da mesma.  O teu traballo debe incluír a ficha técnica da película e a continuación a redacción da crítica.

Mentres miras a película, anota os factores importantes e momentos clave. Isto inclúe os actores principais e os que teñen papeis significativos, o director e o produtor. Tamén deberías sinalar tres puntos na historia, o comezo, o clímax e o final. Todo isto debería estar incluído dalgún modo na túa recensión.

Identifica para quen vas escribir. Escribir para unha revista  de cine  ou escolar require un estilo máis informal, mentres que facelo para un xornal esixe un ton máis formal. Basea o teu ton en quen lerá a túa crítica.
  •  Elabora a ficha técnica   buscando os datos fundamentais sobre a película:
Exemplo de ficha técnica de película:
Título: O lapis do carpinteiro
Ano: 2003
Xénero: Drama, Romance, Guerra
Duración: 102 minutos
Idioma(s): galego.
País: Galicia,España
Dirección: Antón Reixa.
Produción: Juan Gordon, Antón Reixa.
Guión: Manuel Rivas.
Intérpretes principais : Luís Tosar,Tristán Ulloa, María Adánez, Carlos Blanco,Miguel de Lira.

  • Redacta a túa crítica

·         Comeza por unha introdución que atraia os lectores. Podes por exemplo citar unha liña memorable da película ou referirte a un momento clave. Esta é unha das partes máis importantes da túa recensión, porque se non seduces os lectores, a túa recensión pasará desapercibida.
Dentro da introdución, cita algúns protagonistas clave da película, xa sexa os actores, o produtor ou o director. Se o lector recoñece un nome, é máis posible que continúe lendo. Tamén quererás resaltar o título completo da película. Aquí rematarás xa o teu parágrafo de introdución.

·       Escribe os  parágrafos centrais (xeralmente de 1 a 3 parágrafos de longo) sinalando a liña argumental básica da historia. Remarca as escenas e o desenvolvemento dos personaxes. Aquí é onde deberás dicirlle ao lector que é o que encontras espectacular ou mediocre na película.Menciona o clímax da película dentro destes parágrafos centrais. Non deberás contar de que se trata, por suposto, pero dar unhas pistas crea interese. Moitos lectores enfádanse cun crítico que conta o mellor momento da película, de modo que non esquezas de ocultalo habilmente na túa redacción.Tamén podes comentar os elementos técnicos que che parezan de interese( vestiario, banda sonora, fotografía…)
·         Fai despois unha valoración máis persoal que profunde no tema ( A pelicula reflexiona sobre un problema actual ? relaciónase co mundo real?  Parece ter unha mensaxe ou intenta provocar en nós unha resposta? Logra os seus obxectivos? Conecta contigo a nivel persoal? Pensa que os  lectores queren oír non só o que pensas, senón porqué, de modo que recorda dar as razóns )

·         Deixa o lector amando ou aborrecendo a película cunha oración clave. O teu peche é tan importante como a túa introdución, así que, asegúrate de que sexa interesante!

13/12/2015

Galego , lingua minoritaria?


            Un dos malentendidos que cómpre desfacer ao nos referir ás linguas que non están socialmente normalizadas é o que se esconde detrás das denominacións de lingua minoritaria e lingua minorizada

      A primeira denominación ten un valor  unicamente cuantitativo, e non implica ningunha anormalidade no seu uso social; é a que se lles pode aplicar a linguas que aínda que dispoñan dunha comunidade de falantes reducida teñen un estatuto de oficialidade no seu territorio e plena funcionalidade .
      Coa segunda denominación  estámonos a referir a aquelas linguas que independentemente do número de falantes que teñan, non son empregadas con normalidade en todas  as situacións ou en todos os ámbitos comunicativos dentro da propia comunidade ou ás que non teñen recoñecemento oficial. É dicir son aquelas que, sendo historicamente as propias dunha comunidade, son desprazadas por unha lingua allea , que conta con maior prestixio , e vai restrinxindo o seu uso.
            Ás veces unha lingua pode ser minoritaria e minorizada ao mesmo tempo, pero pode suceder que unha lingua sexa maioritaria ( teña moitos falantes) e estea minorizada no seu uso social. Máis aínda, pode haber linguas que estean normalizadas nun determinado territorio e que mesmo teñan un carácter maioritario e que porén vivan nunha situación de minorización noutro.

22/10/2015

AFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO

       
    As seguintes presentacións son un apoio ás explicacións de clase sobre  Castelao, unha das figuras máis relevantes na historia de Galicia,tanto desde o punto de vista literario e artístico como  desde a perspectiva humana. Mirádeas con moito interese e admiración. Castelao deuno todo por Galicia e os galegos.
    Na primeira presentación faise un resumo da vida e da obra Castelao.Nela recóllense os aspectos máis relevantes sobre este autor .


Fonte: Castelao from Marlou

       
           Para os que queiran gozar da súa obra gráfica, queda a continuación  unha presentación na que se recolle unha selección de debuxos e pinturas.

Castelao from Pepacerua



ACTIVIDADES INTERACTIVAS SOBRE A OBRA " COUSAS": 

  

ENLACES DE INTERESE SOBRE CASTELAO:



  • Cousas ( textos e debuxos da obra)


 
Castelao na rede