Mostrar mensagens com a etiqueta LITERATURA ORAL. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta LITERATURA ORAL. Mostrar todas as mensagens

02/03/2015

Adiós ríos, adiós fontes.

Temas  en Cantares gallegos.
Un dos núcleos temáticos que podemos atopar nesta obra  é o intimismo e a expresión dos sentimentos , mais non en poucas ocasións a dor persoal amosa unha causa de carácter social . Lede con atención este coñecido poema  de Rosalía e reflexionade se se pode considerar dalgún xeito un poema social.


Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos;
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu crei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

¡Adiós, groria!¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar...

Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

Téñovos, pois, que deixar
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do  cabañar.

Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do campo santo
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que vos criou.

Adiós, Virxe da Asunción,
branca como un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.

Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca mais han de tocar.

Xa se oien lonxe, máis lonxe...
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

¡Adiós tamén, queridiña...!
¡Adiós, por sempre quizais...!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
Tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña, meu lar!



Suxestións para unha lectura máis fonda


  • Fai unha breve contextualización do poema indicando a autoría, a obra á que pertence e a data de publicación. Valora o significado desta obra na evolución da Literatura galega.

  • Recorda as características xerais da obra á que pertence o poema o método de composición utilizado,a estrutura, e os temas máis recorrentes...

  • Cal é o tema do poema? Inclúeo nun dos núcleos temáticos da obra .Trátase dun poema intimista, social , costumista…? Xustifica a túa resposta

  • Que significan no contexto da emigración os versos "para min ¡ai! coitadiño/nunca máis han de tocar"

  • Quen é o emisor ( voz lírica ) do poema? Que rasgos o caracterizan? Como se manifesta formalmente no poema a súa voz?
A quen se dirixe o emisor? Que trato se lle dá ao receptor? Que función da linguaxe se utiliza predominantemente no poema?

  • Valora se se trata dun poema narrativo no que se perciba a evolución duns feitos ou acontecemen­tos ou é máis ben un poema estático no que predomina o descritivo? ( Cóntasenos unha historia cun principio unha trama e un fin? Predominan os verbos- indicadores da acción- ou outro tipo de palabras?)
  • Localiza algún exemplo dos seguintes recursos estilísticos no poema e explica    cal pode ser a súa función:
- Uso de diminutivos.
- Uso de modificadores (adxectivos, frases
   preposicionais con valor sensorial)
- Reduplicacións intensificadoras.
- Paralelismos.
- Uso de exclamacións.
- Enumeracións.
- Contraposicións.
- Paradoxo.
- Ironía.
- Cales cha parecen da lírica popular?


Na edición de 1861 de El Museo Universal, así como nas da revista Galicia ou na de el Álbum de la caridad de 1862, este poema levaba o título  “Adiós que eu voume” e incluía unha estrofa  que foi suprimida logo na edición do libro de 1863. A estrofa ía colocada  despois da que comezaba “mais son pobre…”, era a seguinte:

 Por xiadas, por calores ,
 desde qu´amañece ó día ,
 dou á terra os meus sudores
 mais canto a terra cría
 todo… todo é dos señores. 



  • Pode resultar de grande interese o comentario de Manuel Rodríguez Alonso , que   AQUÍ   nos ilustra sobre este poema .

  • Podemos escoitar tamén a  versión musicada deste poema por Amancio Prada.

30/01/2015

FORMAS DE VERSIFICACIÓN ORAL

Estes días, que en terceiro de ESO estamos a ver a literatura oral producida no período dos Séculos Escuros, non debemos pasar por alto a pervivencia de moitas destas manifestacións da cultura popular  na actualidade.
  No seguinte vídeo  póñense en relación as regueifas e o rap . Estade atentos/as:

08/11/2013

A TROPA DE TRAPO E O AMOR AOS CONTOS

          Onte , o alumnado de 1º de ESO asistiu ao espectáculo da Tropa de Trapo que leva por título A hora azul.
Trátase dunha sesión de contacontos con música, seguida despois dun obradoiro no que se traballan as técnicas de contar e a literatura de carácter oral.
Esta actividade é complementaria á programación de Lingua galega do primeiro trimeste , e ten como obxectivo ( ademais de asistir a un espectáculo ben bonito) que o alumnado aprenda a importancia da comunicación oral, os elementos que interveñen na mesma , os códigos xestuais, as diferentes recepcións que pode ter unha mesma mensaxe dependendo do emisor e do receptor... 
Todas estas aprendizaxes prácticas veñen reforzar o aprendido sobre a narración dentro das clases, ademais de servir como guía para a actividade que en breve deberá realizar o alumnado : a exposición dentro da súa aula dun conto  na que terá poñer en práctica o aprendido.
Os membros da TROPA DE TRAPO, Brais e Marta ,  souberon ademais transmitirnos con enorme sensibilidade historias doutras culturas e doutros pobos, que tan similares poden ser ás nosas en moitas ocasións . E todo iso nun clima tranquilo e agradable, que nos transmitiu moitísima paz . Estamos moi contentos de que estivesen connosco no instituto.

Aquí deixo uns vídeos nos que podemos ver algún fragmento dos contos que contaron :





E non podemos esquecer tampouco a lección que nos deu Brais sobre os instrumentos musicais que emprega no espectáculo . Aquí podedes velos para recordalos.

25/01/2013

COPLAS PARA TERCEIRO

    Nas clases de 3º de ESO estamos estudando as características da literatura de  carácter  oral producida  en Galicia no  período dos Séculos Escuros. Entre outros xéneros falouse das  versificacións populares , que serviron para acompañar moitas das actividades da vida cotiá das xentes (cantos de  labor, coplas , cantigas infantís, parrafeos, etc. ) e en moitas ocasións acompañaron celebracións como a do Entroido.
      Xa sabedes , rapaces e rapazas, que o luns imos analizar os recursos empregados nestas composicións populares e lanzarnos a crealas nós mesmos.

      Como anticipo hoxe van estas copliñas dirixidas ao alumnado de 3º de ESO B, que son só unha brincadeira , para que vaian preparándose  para as festas de Entroido que se achegan. 

Relatarvos vou a  historia
dun grupo de alumnos raro,
e xúrovos que é verdade,
tal e como  aquí declaro.

Cursan  terceiro da ESO,
como antes vos dicía
e creo que hai que amañalos
dunhas cantas avarías.

Por empezar por algún,
mencionarei  a maneira
de “tocar pelos” que ten
un  ao que lle chaman Neira .
Este Neira que vos digo
que contesta por Andrés,
fala máis nunha semana,
do que falo eu nun mes.

A continuación menciono,
a Claudia , vaia cativa!
non para de remexer
na cadeira cada día.
Tanto e tanto se abanea
a rapaza antes citada
que nalgunhas ocasións
acabou no chan deitada.

Hai outra nena  morena,
que de nome ten Yael
á que xa teño pillado
debuxando  nun papel.

Outro que senta detrás
Tati lle din como alcume,
non esperta do seu sono,
aínda que lle prendan lume.

E analizando tamén
o que me queda máis cerca,
hei de dicir que Daniel,
fai caso cando lle peta.

Unha cousa moi curiosa,
con Cristóbal me pasou,
acerteille co exercicio
que sen facer lle quedou .

A Carla por outra parte,
nunca lle dou  acertado,
caladiña no seu sitio,
sempre fai o que hai marcado.

Rebeca Carballo Mata
ten un nome que dá medo,
aínda que eu penso que Mata
é  unha planta, non é un verbo.

E non digamos de Iván,
que  di que non é “pra” tanto,
anda sempre a barullar,
e ponche cara de santo.

Évos Salorio outro caso
que imos considerar,
sempre venres lle parece
e non quere  traballar.

De Anxos andamos ben
nesta clase que vos digo
apelidados Rodríguez,
hai un Gómez e un Lapido.

Os exercicios corrixe
e na clase nunca  falta,
mais tampouco está calado
o noso amigo Peralta.

De Rita quero contarvos
que agora está mellorada,
ata que comprou as gafas,
parecía despistada.

Disque Pablo necesita
tomar un medicamento,
que lle calme un pouco riso
polo menos un momento.
De tanto que ri este neno,
vai sufrir de  incontinencia,
vai ter que saír ao baño
nalgunha clase de ciencias.

De Cataluña chegou
con cara de despistado,
Nicolás , Nicolasiño,
non andarás namorado?

Esquecíame de Carlos,
que é  un rapaz algo calado,
trátao ben se es compañeiro,
non o poñas enfadado.

E de Alberto, que contarvos?
se case non o distingo,
vén á clase poucas veces,
¿para el sempre  é domingo?

30/11/2012

CONTANDO CONTOS ( I )


 O alumnado de 1º de ESO está aprendendo relatos da nosa tradición oral , ben rica por certo, para facer varias sesións de conta-contos . Aquí temos a primeira entrega , de Omar Silva.
Escoitade ben atentos/as:


Pouco a pouco iremos achegando os traballos doutros  alumnos /as que queiran tamén ser gravados na actividade.

01/11/2012

RAP E REGUEIFA

               O rap e a regueifa son dúas formas de versificación improvisada con indubidables semellanzas. Neste curso trataremos de organizar para vós algúns obradoiros sobre estes dous xéneros da literatura oral . Será diversión segura, á par que aprendizaxe. Dígovolo por experiencia,porque noutros cursos quedamos todos encantados!
No seguinte capítulo do programa Ben falado, explícase algo de todo isto :




Abaixo podedes ver a Pinto de Herbón e O Caruncho que viñeron ao noso instituto polo Entroido,hai tres cursos, para explicar como se fan as regueifas. 
Pasámolo de medo!