Carlos Gende é un dos poucos galegos que domina o beatbox, unha disciplina derivada do hip-hop consistente en facer música sen usar instrumentos. Os que o practican son algo parecido aos chamados homes orquestra, pero todos os sons os conseguen controlando o aire que sae polo nariz e a boca. De feito, Carlos ten claro que aínda que sexa un fenómeno recente, a esencia do beatbox non é novidosa e pon como exemplo a capacidade de John Balan para simular o son dunha trompeta.
- «Non creo que ou beatbox consista só en imitar os instrumentos musicais» di Carlos, e por iso, adoita introducir todo tipo de efectos e sons nas súas improvisacións.
As súas primeiras actuacións fíxoas acompañando aos grupos Presenza Zero e Machina participando en obradoiros en varios institutos galegos para ensinar as bases do beatbox e do rap e xa conseguiu varios premios en recoñecemento ao seu bo facer. Aínda que Carlos Gende rematou hai pouco tempo os estudos de Telecomunicacións continúa a dar concertos e explicar as súas técnicas polos institutos e hoxe tivemos a fortuna de telo connosco . Deunos unha auténtica clase de música e de fonética, explicounos as orixes do xénero, sinalou as vinculacións que el establece entre o idioma galego e a súa música … foi un verdadeiro pracer telo connosco porque é un tipo estupendo, que conectou con alumnos e profesorado.
Para os que queiran buscalo na rede: gendebeat ou xenderal