Mostrar mensagens com a etiqueta A ENTREVISTA. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta A ENTREVISTA. Mostrar todas as mensagens

22/11/2016

A ENTREVISTA. OUTRO TIPO DE DIÁLOGO PLANIFICADO.

Neste trimestre estamos a  traballar os textos dialogados ,  unha das  variedades deste tipo de texto é a entrevista. Antes de nada convén que vexamos  as características das entrevistas desde un punto de vista teórico.

A ENTREVISTA
A Entrevista é un tipo de diálogo planificado que se
establece entre dous interlocutores:                                                                           
-   O ENTREVISTADOR  que é a persoa que propón unha serie de preguntas.
-    O ENTREVISTADO  , a persoa que responde.
                                                                                                          
TIPOS DE ENTREVISTA
PSICOLÓXICA
Ten como obxectivo dar a coñecer  a personalidade  (gustos, sentimentos, manías)  e  algúns aspectos da vida privada e do ambiente que rodea  o personaxe  entrevistado.
Exemplo:
- Por que non lle gusta a vostede a popularidade, é  vostede unha persoa tímida?
Unha variante deste tipo de entrevista é o chamado cuestionario Proust.
INFORMATIVA
Pretende  ofrecer información  , transmitindo as ideas e opinións do entrevistado ,sobre un tema ou asunto de interese.
Exemplo:
- Opina vostede que a música en galego ten futuro ?

ESTRUTURA  DA ENTREVISTA
TÍTULO
INTRODUCIÓN
Nesta parte normalmente faise unha presentación do entrevistado e indícase o  motivo da entrevista.
CONXUNTO DE PREGUNTAS coas que se obtén a información. Poden ser de diferente tipo.
Tipos de preguntas
Definición
Exemplo
Preguntas cerradas
Son aquelas das que esperamos unha resposta concreta
É vostede galego?
Gústanlle os deportes?
Preguntas abertas
Son as que teñen respostas longas, nas que o entrevistado pode expresarse libremente.
Cal é a súa opinión sobre a nova lei educativa?
Preguntas hipotéticas
Son aquelas nas que o entrevistador presenta situacións supostas
Que faría vostede se gañase as eleccións ?
Preguntas de sondaxe
Son as que permiten afondar na información que se deu na pregunta anterior
E por que ?
Que decidiu despois diso?
Preguntas comentario
Son preguntas expostas como frases inacabadas e que o entrevistado contesta como se fosen preguntas normais.
E… despois vostede ingresa no Deportivo da Coruña…
CONCLUSIÓN ou parágrafo final co que  normalmente se indica  que a entrevista está rematada.
 Nesta parte faise case sempre un breve resumo , unha frase de agradecemento e unha despedida.

A ORTOGRAFÍA DA ENTREVISTA

Cando poñemos unha entrevista por escrito, temos que gardar unha serie de normas. Cada vez que intervén un personaxe, hai que escribir diante das súas palabras un guión (-).

Exemplo:
-Que pensa vostede sobre  a vida extraterrestre ?
-Creo que non hai que negar a posibilidade de que haxa vida fóra do noso planeta.


Tamén se pode escribir as palabras "pregunta" ou "resposta" (ou ben as súas iniciais P ou R) diante destas. 
Exemplo:
P -Que pensa vostede sobre  a vida extraterrestre ?
R -Creo que non hai que negar a posibilidade de que haxa vida fóra do noso planeta.


Cómpre empregar os signos de interrogación ( Xa sabes que en galego poden poñerse só ao final de cada pregunta )
Recorda que os pronomes interrogativos, en galego, non levan acento gráfico:
Que?, Cando?, Como? Por que?

COMO PREPARAR UNHA ENTREVISTA
A realización dunha entrevista esixe unha serie de pasos, que podemos agrupar nestas tres fases:

a) Preparación
Sempre que sexa posible, débese facer un traballo de documentación sobre a persoa que se vai entrevistar: datos biográficos e profesionais, opinións ou ideas que expresou con anterioridade etc.
Do mesmo xeito, tamén se debe obter documentación previa sobre os temas que se vaian tratar no diálogo co personaxe.

b) Realización 
Aínda que se grave todo, é interesante facer anotacións escritas sobre as reaccións e respostas do entrevistado.
É conveniente ter un guión previo que nos sirva de axuda para conducir o diálogo, pero tendo en conta que pode ser necesario alterar a orde dalgunhas das preguntas ou modificalas debido ás respostas que non vaian dando.

c) Redacción
Debemos ter en conta que un texto escrito non é o mesmo que un texto oral. Así, ao escribir as respostas da persoa, debemos darlles nós a forma axeitada, aínda que respectando en todo momento o esencial. É importante respectar a estrutura indicada anteriormente facendo unha presentación e ao final unha conclusión a xeito de despedida.

14/02/2013

ACTIVIDADES SOBRE A ENTREVISTA.

PARA FACER AS SEGUINTES ACTIVIDADES LE DE NOVO AS CARACTERÍSTICAS DA ENTREVISTA  AQUÍ

1) ANALIZAR UNHA ENTREVISTA REAL 
O curso pasado tivemos no noso centro ao deportista Martín Varela , campeón de tenis en cadeira de rodas. Neste vídeo podedes ver unha entrevista que lle fixeron na TVG. Despois de velo contesta ás cuestións que seguen e analiza as súas características.



  • Que tipo de entrevista dirías que é , psicolóxica ou informativa? Xustifica a túa resposta.
  • Escribe un título para esta entrevista.
  • Na presentación do entrevistado, que datos relevantes se din? 
  • Hai algún motivo concreto para realizar esta entrevista?
  • Di se distingues distintos tipos de preguntas ( abertas, hipotéticas, preguntas comentario)

  • 2)  ELABORAR UNHA ENTREVISTA POR PARELLAS.
    • Entre  dous ides escribir  unha entrevista ( con preguntas e respostas) a un personaxe que pode ser real ou inventado. A entrevista constará só de dez preguntas.
    • Ides tratar o personaxe con respecto ( usando o tratamento “de vostede”)
    • Preparade unha breve presentación do personaxe e decidide un motivo ( real ou inventado) polo que lle ides facer a entrevista.
    • Se decidides escoller un personaxe real podedes buscar información en Internet (supoñede que entrevistades a un deportista e queredes preguntarlle cantos anos leva traballando, podedes averígualo en Internet, pero nunca copiando unha entrevista xa existente).
    • Non podedes facer preguntas pechadas , que se respondan de xeito   breve; facede preguntas coas que o entrevistado se poida explicar.
    • Preparade unha despedida e dádelle as grazas ao personaxe para rematar a entrevista.
    3)   ENTREVISTANDO OBXECTOS. 
    •   Supón que un obxecto da túa vida cotiá puidese cobrar vida e puideses falar con el ( o teu peite, o teu libro de mates, o balón de fútbol co que xogades, os teus zapatos …). Faille unha entrevista  inventado as respostas) 
    4)     O CUESTIONARIO DE PROUST
    •  Este cuestionario é unha  variante da entrevista psicolóxica , que popularizou o escritor Marcel Proust, xa que ao parecer ,cando llo fixeron , contestou dun xeito moi inxenioso e orixinal.  Trátase dun conxunto de preguntas fixas, previamente establecidas, que esixen unha resposta breve. Ás veces o cuestionario Proust é utilizado como  complemento dunha entrevista longa.
           Le AQUÍ  en que consiste este cuestionario e faillo ao teu compañeiro/a.

    18/01/2013

    CUESTIONARIO PROUST


               Este cuestionario é unha  variante da entrevista psicolóxica , que popularizou o escritor Marcel Proust, xa que ao parecer ,cando llo fixeron , contestou dun xeito moi inxenioso e orixinal.  Trátase dun conxunto de preguntas fixas, previamente establecidas, que esixen unha resposta breve. Ás veces o cuestionario Proust é utilizado como  complemento dunha entrevista longa.
     Exemplo:

    1. Con que adxectivo definiría o seu carácter?
    2. Que  calidade que prefire nas persoas?
    3. Diga cal é o feito histórico máis deplorable?
    4. Que aprecia máis nos seus amigos?
    5. Cal é o seu principal defecto?
    6. A súa ocupación favorita?
    7. A súa idea da felicidade completa?
    8. Cal é o seu maior temor?
    9. Se non fose vostede mesmo quen lle gustaría ser?
    10. Onde lle gustaría vivir?
    11. Unha comida:
    12. A súa cor preferida?
    13. Un canción que lle guste moito:
    14. Un título de libro:
    15. Un título de película:
    16. Os seus nomes favoritos?
    17. O que máis detesta é…?
    18. Que don da natureza querería  posuír?
    19. Cal é o defecto  que mellor perdoa?
    20. Cal é o  seu lema?
    ACTIVIDADE
    Failles un cuestionario deste tipo a dous  compañeiros /as que consideres totalmente diferentes. Compara  as súas respostas e comproba se estabas no certo ao valoralos deste xeito.