Mostrar mensagens com a etiqueta PROBAS ORAIS. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta PROBAS ORAIS. Mostrar todas as mensagens

12/04/2013

OS TEXTOS ARGUMENTATIVOS

Que é a argumentación?
A argumentación utilízase normalmente para desenvolver temas que se prestan a certa controversia. A argumentación identifícase co enunciado dun problema ou situación que admite posicións a favor ou en contra dunha tese (opinión que se defende). Argumentar é, polo tanto, achegar razóns para defender unha opinión e transformar a do lector. De aquí dedúcese a necesidade de ter en conta o destinatario (identificalo, coñecer os seus gustos e valores, prever a súa opinión...) para seleccionar os argumentos ou premisas máis axeitados e eficaces, e para contraargumentar (expoñer razóns que contrarresten ou invaliden os razoamentos alleos).
Dende un punto de vista pragmático, a argumentación é un acto de fala complexo que ten como propósito contribuír á resolución dunha diferenza de opinión.Por outro lado, a argumentación, por importante que sexa nun texto, adoita combinarse con outros modos de organizar o discurso, como a explicación ou a descrición, para conseguir un texto máis eficaz e dinámico. Así acontece no ensaio, no que predomina o procedemento argumentativo en combinación coa exposición.

Ámbitos dos textos argumentativos.
As situacións máis comúns en que se emprega a argumentación son as seguintes:
a)Situacións de carácter interpersoal: vida cotiá (discusión entre dúas persoas con diferente punto de vista), entrevista laboral, etc. Caracterízanse pola utilización dun discurso pouco planificado.
b) Situacións de carácter social: cartas ao director, artigos de opinión, manifestos, anuncios publicitarios, debates, mesas redondas... Empregan un discurso máis planificado e estruturado, cunha gramática máis elaborada e precisa.
c) Situacións técnicas: ámbito científico, xurídico e administrativo... (artigos de investigación, tratados, instancias, alegacións, sentenzas, demandas...). Usan estruturas moi formalizadas, nun discurso técnico.
d) Situacións académicas: os exames, informes, traballos académicos
No ámbito académico (exames, informes, traballos académicos) saber argumentar ben é imprescindible para defender con éxito a posición que se sostén. Para iso, é importante examinar os posibles argumentos dos contrincantes e buscar argumentos sólidos que defendan as nosas conclusións.

Estrutura dos textos argumentativos
As estruturas máis usadas nas argumentacións escritas (textos científicos e técnicos, humanísticos, ensaios...), son:
a) Argumentación dedutiva. Presenta unha orientación demostrativa: pártese dunha ou varias ideas xerais (tese) para chegar a unha conclusión (que reafirma a tese de partida ou propón novas teses) mediante a presentación de feitos, probas e argumentos.                                                                             
b) Argumentación indutiva. Pártese da presentación dunha serie de argumentos e, tras análise e razoamentos variados, chégase, a xeito de conclusión, a unha tese que se infire dos devanditos argumentos.
c) Argumentación mixta. Contén á vez elementos do esquema dedutivo e do indutivo. Formúlase ao principio a tese, móstranse feitos, casos ou razoamentos que a confirmen e, ao final, repítese a tese, case sempre con algunha variante.

Partes do texto
1. Presentación ou introdución
Ten como finalidade presentar o tema sobre o que se argumenta, captar a atención do destinatario e espertar nel o interese e unha actitude favorable.

2. Exposición da tese
A tese é a postura que se mantén ante o tema. Pode aparecer ao principio ou ao final do texto e é o núcleo da argumentación. Unha tese que non se apoie en argumentos racionais non constitúe unha boa argumentación. Soamente os datos obxectivos ou as afirmacións demostrables cientificamente constitúen argumentos válidos nun texto científico-técnico.Ao defender unha opinión adoita adoptarse unha destas tres posturas argumentativas:
a) Postura positiva: o emisor-argumentador achega argumentos que apoian a súa tese (argumentación positiva ou de proba).
b) Postura negativa: ofrécense razóns que refutan ou rexeitan argumentos contrarios ao propio punto de vista (argumentación negativa ou de refutación).
c) Postura ecléctica: acéptanse algunhas razóns alleas (concesións) e achéganse argumentos propios.

3. Corpo argumentativo
Unha vez exposta a tese, empeza a argumentación propiamente dita. Trátase ben de xustificar a tese coa presentación de probas e argumentos variados (argumentación positiva), refutar a tese contraria, ou admitir algún argumento contrario (concesión) para contraargumentar
Algúns tipos de argumentos:
a)   De competencia.
O autor preséntase así mesmo ou a outra persoa ou grupo, como competente para realizar actividades  relacionadas coa tese que se defende.
Exemplo: "Levo traballando de mecánico vinte anos, sei perfectamente os problemas que che pode causar unha avaría na correa de distribución ”
b)De analoxía
Inclúese un exemplo que apoia a tese dalgún modo. En ocasións é unha analoxía entendida como unha idea ou situación que de modo paralelo reforzan a idea principal do autor. Poden ser relatos, lendas...
Exemplo: "Podo engadir como argumento a historia doutra empresa na que elixiron un empregado con características parecidas ás súas e todo funcionou magnificamente.”
c)De datos. Cando se recorre a datos estatísticos para apoiar a tese.
Exemplo:” Está demostrado que o 60 por cento dos accidentes de tráfico son producidos por exceso de velocidade.”
d) Argumentos baseados en leis ou regras de carácter xeral:
Exemplo:  “Máis vale malo coñecido que bo por coñecer, así que é mellor non cambiar este empregado”
e) Argumentos de autoridade:  Baseados no prestixio dunha persoa ou institución  que é recoñecida pola súa competencia no tema tratado.
Exemplo:”Segundo a OMS o tabaco prexudica ás persoas non fumadoras que viven con fumadores.”

4. Conclusión
Recórdase ao receptor/interlocutor a tese, as partes máis relevantes do exposto e insístese na posición argumentativa adoptada.


PASOS PARA ESCRIBIR UNHA ARGUMENTACIÓN

A. Explorar a cuestión
O primeiro paso é a indagación; antes de empezar a escribir un texto argumentativo hai que explorar a cuestión, é dicir, o problema ou situación que admite posicións a favor ou en contra dunha tese, e considerar as diversas posicións. Para iso requírese:
a) Explorar os argumentos sobre todos os aspectos da cuestión
A nosa tarefa consiste en dar unha opinión ben informada que poida ser defendida con argumentos sólidos. Informarémonos sobre a cuestión, leremos artigos e falaremos con persoas con diferentes puntos de vista. Así empezaremos tamén a formular argumentos propios.
b) Cuestionar e defender a tese
Teremos que examinar tamén os argumentos a favor e en contra da tese. Hai que convencer o receptor de que os argumentos son certos, e de que a tese deriva coherentemente deles.
c) Revisar e reconsiderar os argumentos
Despois de decidir a conclusión que queremos defender e de explorar os argumentos, temos que pensar na forma máis axeitada de organizalos: é eficaz discriminar os argumentos fortes fronte aos débiles.

B. Ordenar os puntos principais
Supoñamos que chegamos a unha tese que pensamos que podemos defender axeitadamente. Agora fai falta organizar o texto de maneira que trate todo o necesario; prepararemos o esquema.
a) Explicar o problema
b) Formular unha proposta ou tese definitiva
c) Desenvolver os argumentos dun modo completo
d) Examinar as obxeccións (contraargumentos) Hai que anticiparse a preguntas escépticas. Deste modo, podemos matizar a tese de partida.

C. Escribir o texto argumentativo


Para ir familiarizándonos cunha estrutura doada  podemos seguir estes tres pasos  na nosa redacción:
1)
 Formular unha introdución breve e enunciar a tese que imos defender.A introdución debe ser breve e precisa; non pode ser unha introdución demasiado xeral.
2) Expoñer os argumentos con claridade.
  • Como regra xeral, expoñeremos un argumento por parágrafo. Incluír moitos puntos diversos no mesmo parágrafo só confunde ao lector e fai perder aspectos importantes. Usaremos o argumento principal para formular os parágrafos con claridade. Ademais de desenvolver os nosos propios argumentos dun xeito coidadoso e completo, tamén desenvolveremos en detalle os posibles contraargumentos, se ben dun modo non tan completo como os argumentos a favor da postura defendida.
  •  Non afirmaremos máis do que probamos evitando as falacias.                         Unha falacia é un argumentación aparentemente lóxica e verdadeira que logo resulta ser falsa. As falacias lóxicas son utilizadas comunmente para xustificar argumentos ou posturas que non son xustificables utilizando a razón. Adoitan enmascarar enganos, falsidades, ou estafas.
Unha falacia ad hominem consiste en afirmar que un argumento de alguén é erróneo só por algo acerca da persoa, non por problemas no argumento en si.
Exemplo:"Vostede non pode afirmar que a miña acción é inmoral porque estivo no cárcere".
- Argumento ad ignorantiam. Esta falacia dáse especialmente cando un afirma que algo é verdade só porque non se probou como falso, ou que algo é falso só porque non se probou como verdadeiro.
 Por exemplo:“ Existen extraterrestres , ninguén puido demostrar que non sexa así”
- Un argumento ad baculum (en latín, significa "argumento que apela ao bastón"), é unha falacia que implica soster a validez dun argumento baseándose na forza ou na ameaza do uso da fuerza.
Exemplo:"Se cres que non debes pagar impostos entón o teu soldo e propiedades seranche embargados; polo tanto, se non queres verte convertido nun indixente debes crer que pagar os teus impostos é a túa obriga. "

  • Usaremos coidadosamente os conectores                                                                           A función básica dos textos argumentativos é presentar unha serie de informacións de xeito convincente para guiar o lector cara ás conclusións que nos interesan. É imprescindible por iso relacionar as secuencias textuais entre si.
De acordo coas funcións que realizan os conectores argumentativos, distinguiremos tres grupos distintos:
I. Conectores contraargumentativosa) Expresións conectivas como aínda que, a pesar de (que), malia (que) e se ben (das que aínda que é o conector prototípico).
b) Conectores como peronon obstante, non obstante, agora ben, con todo, aínda así ou de todos os xeitos (pero é o representante paradigmático deste grupo).
c) Grupo formado por conectores tales como mentres que, en cambio e polo contrario (basicamente modifican no segundo membro algún aspecto do formulado no primeiro)
II. Conectores consecutivos
a) Conectores integrados na oración (que presentan a conxunción que): así que, de modo que, de maneira que, polo que, de aí que, etc.
b) Conectores de tipo parentético: por iso, por ese/ tal/ dito motivo/ razón/ causa, por tanto, en consecuencia, por conseguinte, pois, así pois.
III. Conectores aditivos
a) Conectores que introducen un novo aspecto ou punto de vista do tema que se está a tratar sen valoralo dende o punto de vista argumentativo: así mesmo, igualmente, de igual/ mesmo modo, por outra parte, por outro lado, pola súa banda, á súa vez.
b) Conectores que introducen un novo aspecto informativo do tema, presentándoo como máis forte dende o punto de vista argumentativo que os aspectos anteriores: ademais, enriba, por engadido, por demais, mesmo, inclusive.


3)      Redactar un parágrafo de conclusión.
Nel podemos reafirmar  a tese exposta inicialmente rematando o noso texto .

PROPOSTAS PARA ELABORAR  TEXTOS ARGUMENTATIVOS:

  • Os programas chamados “do corazón” teñen algo positivo?
  • A televisión  é un medio de comunicación útil e educativo ?
  • O fútbol  e os equipos de 1ª división . Son máis negocio que deporte?
  • É importante o xeito de vestir e o aspecto das persoas?
  • Acordo ou desacordo coa  seguinte afirmación: os rapaces e rapazas menores de 18 anos non deberían chegar máis tarde das 10.30 ás súas casas. 
  • A educación sexual dirixida aos adolescentes é imprescindible na súa formación. Acordo ou desacordo.
  • A  maioría das materias que se estudan na ESO non son útiles para a formación das persoas. Acordo ou desacordo.
  • O espectáculo dos touros. A favor ou en contra.
  • O botellón. É comprensible e debe permitirse ou pola contra debe prohibirse?
  • A clonación humana. Debería estar permitida?
  • A eutanasia . Debe legalizarse?
  • O aborto nas primeiras semanas de xestación. Debe legalizarse ou  non?
  • O tabaco nos bares. Debe estar permitido ou non?

30/12/2012

PROBAS ORAIS . 3º e 4º ESO.

Nesta entrada achégovos un conxunto de textos para que poidades preparar a  proba oral . Todos eles son monólogos ou diálogos breves buscados en Internet e traducidos e adaptados para  usárdelos vós. 


3º / 4º DE ESO

Monólogo dun alpinista que explica como chegou ao cumio  dunha alta montaña.
( relacións humanas)

Monólogo para unha actriz que reproduce a última conversa que tivo  coa súa nai.
( Traxedia)
Monólogo dunha muller maltratada.
( Crítica social)
Un indixente diríxese a quen lle deu unha moeda de dous céntimos. ( Crítica social)
Monólogo sobre o maltrato no  que unha muller toma a xustiza pola man.
( Crítica social)
Monólogo sobre a avaricia.
(Humor)
( Por Begoña Muñoz Saa)
Obra en 6 escenas distribuída na seguinte estrutura:
1ª ) Diálogo entre tres amigas
2ª) Diálogo entre tres mozos na barra dun bar
3ª ) Dúas filla tratan de falar coa nai e co pai
4ª)Unha moza e  tres mozos nun parque
5ª) Escena nunha farmacia : dúas veciñas , unha moza, unha vella …
6ª) Diálogo entre unha nai e un fillo adolescente. ( 4 personaxes)
Adapatación de, Terror e miseria no Terceiro Reich de BERTOLT BRECHT , por  Begoña Muñoz Saa)

Diálogo entre un home e unha muller despois do xantar.
Adapatación de, Terror e miseria no Terceiro Reich de BERTOLT BRECHT , por  Begoña Muñoz Saa)

Unha locutora fala cunha obreira.
Adapatación de, Terror e miseria no Terceiro Reich de BERTOLT BRECHT , por  Begoña Muñoz Saa)

Unha muller fai a equipaxe e despídese en varias conversas telefónicas. Ao final aparece tamén o seu home.


01/12/2012

FILLA OBEDIENTE DE NAI AVARICIOSA


Monólogo
Non nai, non! Non me demorei porque invitase alguén a un café.

E moito menos a merendar.
E moito menos a comer.
Como se lle ocorre. Ben di vostede que:
" -Non é certo que o aforro rompa o saco". "Ao Saco que moito acumula Deus axuda. "
Tampouco me demorei, nai, auxiliando alguén na rúa.
E moito menos no traballo.
E moito menos no edificio.
Como se lle ocorre. Ben di vostede que:
" -O tempo dunha é ouro e diamante, prata e platino. E o tempo é para unha e para a súa nai." 
Non só non puiden regresar antes á casa, senón que, ademais, estou moi cansa porque estiven moito tempiño de pé.
Non poña esa cara, nai, ninguén me detivo polo camiño. Non o tería logrado. 
Nin me pediron no traballo que quede máis tempo. Non tería quedado sen que me pagasen. Nin a porteira logrou cazarme para que lle saque os cubos do lixo. Pola portaría paso como unha luminaria.
O que me aconteceu é que á veciña lle caeu unha moeda de ouro na rúa. Á veciña de en fronte, si. A esa, a que axudou no meu parto.
Non poña esa cara, nai, non me atrasei por axudar á veciña a buscar a moeda. Nin lle dei unha das nosas moitas moedas. Non,non tal, diso nada.
Demoreime, e estou moi cansa, por non me poder mover durante media hora. Porque o malo de todo foi non poder dar nin un paso ata que a veciña non deixou de buscar e marchou.
E é que me cravei no sitio, tal e como algunha vez o vin facer a vostede, nai.
Cravada no sitio pisando, baixo o meu zapato, a moeda da veciña.

Autor: Francisco Garzón Céspedes.
Tradución e adaptación: Belén I.G.

ATACAR O CUMIO



MONÓLOGO DUN ALPINISTA

Levabamos días esperando que mellorase o tempo. Por fin, o xoves 21 o vento afrouxou. Non era un bo día, pero polo menos deixara de azoutarnos aquel vento tempestuoso. E iso animounos. As previsións meteorolóxicas para o resto da semana non eran optimistas, así que se nos presentaba unha oportunidade única, tiñamos unha pequena ventá para intentalo, era "agora ou nunca". Había moito risco, si. Así que o falamos. Discutímolo os seis. Somos un equipo, eramos un equipo. Ata ese momento, estiveramos de acordo en todo, nunca estivera nunha expedición tan cohesionda como esta pero... naquel momento crucial tivemos opinións diferentes. Non criticarei a capacidade de ninguén. Todos eramos grandes alpinistas, con moita experiencia ás nosas costas, pero naquelas circunstancias quedou claro que tiñamos maneiras diferentes de entender a aventura. Cinco contra un. Quedei só. O lóxico tería sido acatar a decisión do grupo e manter o bloque pero... pero... os que coñezan a alta montaña saberán que, a sete mil metros de altura estaste a xogar a vida e o xusto é que cada un poida decidir por si mesmo sobre si mesmo, así que... optamos por separarnos. (Triste, nostálxico). Aínda recordo as súas caras cando nos separamos. Se estivesen aquí, poderiamos escoitar o seu relato pero... non están. (Detén a narración un instante, embargado polo recordo doloroso) Que pasou? Despedinme así, co brazo, e... emprendín o camiño do cumio en solitario. Foi unha ascensión dura. Cheguei ao cume á unha do mediodía -o primeiro europeo en alcanzar o cumio do Kananda sen osíxeno-. Eles fóronse para a casa. Non volvín saber deles... No me falan... Creo que se enfadaron comigo ...                                         

(Nota: Arranca como unha narración tráxica pero, en realidade, trátase dunha infantil cuestión de envexa. A graza está en que, por uns momentos, pareza que os compañeiros morreron ao intentar alcanzar o cumio)                                       

Autor: Marc Egea
Tradución e adaptación:B. I. G.

Perante o xuíz


PERANTE O XUÍZ                               Fragmento da obra A esmorga de Eduardo Blanco Amor

—Como, señor? Non me aparto do conto nin un instante... Estou a dicir as cousas polo seu comenzo,que unhas viñeron detrás das outras e se unhas non pasaran as outras tampouco.
— ...
—¡Que han ser desculpas! Eu non teño  de que me desculpar que eu nada fixen, pois ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer.
— ...
—Feitos? Feitos sonlle todos, tanto os que pasan fóra dun coma os que pasan dentro dun. O que pasou, pasou. E arestora xa ren queda do que pasou fóra dun, senón dentro dun. Agora todo está dentro de min, e se non me peta de me baleirar do que teño dentro, pois o que pasou queda coma se non tivera pasado.
— ...
—Deus lle me libre! Téñolle todo o respeto que vostede merezce. Pro tamén teño que dicir as cousas como sei decilas e non podo decilas doutro xeito, por máis voltas que lle dea. A máis diso, os feitos, coma vostede me ensina, por máis que faga non me veñen á memoría uns detrás dos outros, todos en ringleira, senón todos xuntos e mesturados, coma se o tempo se mesturase tamén e todas as horas se tivesen mesturado sen se querer  separar unhas das outras. Ao que foi de día, se me poño a matinar, aínda podo conquerirlle certa disposición. Pero ao que pasou á noite... A noite está ateigada de cousas, todas tan xuntas que mesmo me semella que non puido haber tempo para tanto, coma se fosen moitas noites xuntas,
unhas a cabo de outras, ou unha noite moi longa, sen día no medio; ou coma cousas desaxeitadas, sen antes nin despois, que nin eu mesmo me entendo... A máis diso, tiven moitas veces o «pensamento», que me veu moi seguido, e daquela é coma se me ceibasen do tempo e de todo, coma se estivese non estivese...

 A LIORTA NO MESÓN DO ROXO   Fragmento da obra A esmorga de Eduardo Blanco Amor

—Non señor, non; cando se armou a zarrazina no mesón do Roxo, nós xa sairamos. Quedámonos por alí cerca sen nos deixar ver, para albiscar o que pasaba.
— ...
—Si, señor; vimos que sacaban o Zamorano, ferido, que se lle vía a cara ensanguentada. Despois saíron outros, todos embrullados nunha grande liorta de paus e navallazos.
— ...
—Non señor, non; dígollo outra vez... Bastante temos co noso sen que teñamos que carregar con cousas que non fixemos...
Perdemos os cartos nunha partida de sete e media que tiñan armada uns xamoeiros masiados, que son xente moi caloteira e andan a la santa buena polos feirales, con barallas “amaestradas”. Díxenllo ao Bocas pero non me fixo caso...
— ...
—¿Que hei de saber o nome? Digo isto porque mo dixeron uns do Ribeiriño que atopei aló.
— ...
—Non, señor; tampouco sei como se chaman... Sei que son do Ribeiriño porque os teño ollado aló, na taberna do Sancristán.
— ...
—... pois voltamos para a cidade. Subimos pola estrada de Trives e metémonos pola Travesía sen atopar a ninguén... O Bocas seguía coa súa teima, e agora estaba aínda máis acirrado nela porque quedaramos sen cartos.
— ...
—Coido que non, agora que xurar non o podería xurar. Quen sabe o que pasa nos adentros de cada un! A teima semellaba ser, de comenzo, para vere de novo á belida señora. Quizais  despois xa  a ocasión...
— ...
—Señor, prégolle que me non faga dicire o que non dixen... Dixen que se tiña quedado sen cartos e máis nada, e que quizais por iso voltara á teima de irmos de novo á casa dos Andrada. Ao mellor se sairamos da timba con cartos dabondo, daríalle a vértola por facer outras cousas, digo eu... que eu non estaba dentro del pra sabelo...

VAMPIROS PASADOS DE MODA


OBRA PARA DOUS PERSONAXES.

Personaxes:
Zuguiña
Sanguiño

Narrador: Nunha vella fábrica abandonada das rúas escuras da nosa cidade, un grupo de vampiros xúntase todas as noites falar  sobre as novas noticias que lle acontecen ao seu xa esquecido clan...

(Sanguiño e  Zuguiña están de leria. Zuguiña está amoucada)

Zuguiña: Sangui…
Sanguiño: Zugui? Que tes?
Zuguiña: Non soubeches o que lle pasou ao pequeno Vampi?
Sanguiño: De que falas?
Zuguiña: Era a súa primeira vez rondando pola cidade, buscando humanos frescos, non sabía cales eran as rúas seguras... E agora ten sida! Oh o meu Vampi! É o quinto da súa xeración en enfermar.
Sanguiño: Ese maldito virus está a acabar  con todos os nosos nenos... O pobre só tiña 145 anos.Nestes tempos as tartarugas teñen mellor calidade de vida ca nós.
Zuguiña: Creo que é hora de reconsiderar cambiar a nosa dieta.
Sanguiño: E rematar como eses bichos raros que brillan co sol?,nós somos os últimos da nosa especie, non podemos rematar coa nosa liñaxe real.
Crense moita cousa por poder xuntarse con eses primates, danme tanto noxo, sinto que xogan coa miña comida. Escoitei que un deles casou cunha muller humana.
Zuguiña:Bo,todo son dixomedíxomes, chismes, non creo que ningún deles se atreva a comezar esa mestizaxe. Que serían os seus fillos para nós?
Sanguiño: Simples renegados.
Zuguiña: Non podemos ser tan intolerantes, sexamos realistas, grazas a eles a xente esqueceu o temor que nos tiña e iso axudounos nas cazarías.
Sanguiño : Humm, cazarías, tanta leria sobre a comida … entroume a fame.
Zuguiña: Ah! Iso recórdame...
(Sae Zuguiña de escena e regresa cun Humano atado das mans)( un moneco mesmo pode valer)
Zuguiña: Deixei a comida na porta.
Sanguiño: Non se ve moi apetecible.
(Zuguiña mórdelle o colo ao Humano, despois duns segundos sóltao e o Humano cae morto)
Zuguiña: Que noxo, ten o azucre moi alto. Os humanos xa non son o de antes, recordo, que nos meus tempos nacían máis sans.Polo Demo Maior! Saiamos en busca de algo bo.
Sanguiño: Imos, oín que hai un concerto a nun rueiro de alá abaixo , se cadra encontramos algo bo e de paso escoitemos boa música.

(Saen de escena)
Autor: Alan Rejón
Adaptación e tradución: Belén I.G.

O PESADELO DE DRÁCULA


OBRA PARA DOUS PERSONAXES.

PERSONAXES:
- CONDE DRÁCULA
- MISSIS ANDREWS

(O coqueto cuarto de Missis Andrews, unha refinada dama inglesa bastante entradiña en anos. Cara a un lateral, deberá estar a ventá por onde aparece o Conde Drácula. O vampiro do comezo pode facerse cun monicreque ou un morcego de plástico, atado cunha tanza, que se note ,para facer máis cómica a situación.)
MISSIS ANDREWS: 
(É de noite e dorme pesadamente na súa cama de costas ao público. Emite sonoros ronquidos. De súpeto, pola ventá entra voando un vampiro que voa sobre a cabeza da muller. Sen sequera abrir os ollos, do costado agarra un matamoscas e dun golpe sácao subitamente de escena.)
DRÁCULA: (Entra todo moreteado e sobando a cara) ¡ Anotaron a matrícula do camión!? (Ao ver a súa vítima durmindo, recomponse e mentres ri malevolamente, envólvese na súa capa e desaparece de escena para que o vampiro volva ingresar e voar sobre a cabeza da muller.)
MISSIS: (Outra vez, sen abrir os ollos, do costado agarra un aerosol.) Como enchen estes mosquitos! (fumígao e tusindo o vampiro sae de escena.)
DRÁCULA: (Entra tusindo.) Esta é a noite de burlarse do vampiro? Pero pagaraa cara... (Sixilosamente achégase á muller, mostra os seus dentes e vai mordela cando a muller lle mostra a cara, toda enzoufada nunha máscara cosmética.) O monstro do pantano!
MISSIS: (Espértase asustada.) Onde?
DRÁCULA: Aí, na cama...
MISSIS: E vostede por onde entrou?
DRÁCULA: Pola ventá. Por onde ingreso todas as noites aos cuartos das miñas vítimas...
MISSIS: Vostede debe ser Drácula...
DRÁCULA: (Subliña con orgullo.) O conde Drácula!
MISSIS: Eu sabía que tarde ou cedo ía vir visitarme (Levántase.) Por iso estaba a esperalo cuns canapés. É unha honra recibir alguén tan famoso. (Achégalle unha bandexa con petiscos.) Tome, probe...
(Drácula dubida, pero agarra un.)
MISSIS: Fíxenos eu mesma cunha pasta de allo que me sae   riquíiiiiisima.
DRÁCULA: ¡Allo! (Cuspindo)
MISSIS: Supoño que vén a trabarme no pescozo...
DRÁCULA: (Ameazante.) Supón ben... prepare a caluga.
MISSIS: (Prepárase.) Que emocionante! Ata me puxen unhas pingas de perfume do lado da xugular...
DRÁCULA: Non, non vou poder mordela. A colonia ten alcohol e eu non bebo en horas de traballo...
MISSIS: Non o sabía. E agora que facemos?
DRÁCULA: A vea do pulso, podo chuparlle sangue de aí.
MISSIS: É que me puxen esta máscara bronceadora en todo o corpo. É sobre a base defeita con cogombro, aceite de castor e merengue italiano.
DRÁCULA: Tampouco vai poder ser. Ten merengue e eu non son nada larpeiro.
MISSIS: Que mágoa! Pero debería usalo, nótoo pálido. Non quere untarse un pouco? O sol está cada día máis picante, pero con isto terá un bronceado envexable.
DRÁCULA: Non. Quero zugar o sangue e volver ao meu cadaleito ben ceado.
MISSIS: Non sei que outra parte do meu corpo ofrecerlle.
DRÁCULA: A perna esquerda (Agárralla.)
MISSIS: (Intenta zafar se.) Non, esa perna non! Mellor...
DRÁCULA: Non lle vai doer. Pero mire para outro lado, non me gusta que me vexan comer...
MISSIS: Espere, teño que avisalo  de que...
DRÁCULA: Silencio que me desconcentra! (Mórdea, pero os seus cairos chocan contra algo duro.)
MISSIS: Se será testán! Dicíalle que esa perna non, é de madeira.
DRÁCULA: (Dorido.) Os cairos! Os cairos! Vou ter que substituílos. Que dor!
MISSIS: Non sexa mixiricas. Veña ,que llos saco para que lle pase…
DRÁCULA: Non, mellor deixe.
MISSIS: Non me vai dicir que ten medo á dor? Un vampiro mangallón como vostede (Átalle un fío ao cairo e mentres vai facendo o que explica.) Vou atar este extremo da corda ao picaporte da porta aberta, cando a peche, adeus dor de cairo!
DRÁCULA: Mellor aguanto, o dentista da seguridade  social para vampiros atende toda a noite...
MISSIS: Quieto, que aí vai! (Séntese o ruído da porta que se pecha. O fío tira e arráncalle a dentadura por completo. Volve.) Viu que non era para tanto...
DRÁCULA: (Coa dentadura na man.) Pero vostede quéreme matar?! Busque unha estaca e remate comigo dun só tirón.
MISSIS: Foi un accidente...
DRÁCULA: E agora que fago? Deixoume sen cubertos. Voume ter que xubilar.
MISSIS: Ou empezar a beber sangue cunha palliña.
DRÁCULA: Ou esperar que se produza algún accidente para mollar o pan no sangue  dalgún ferido (Chora.)
MISSIS: Cálmese home! (Anota.) Aquí doulle o nome dun sobriño que traballa nun Banco de Sangue, estará encantado de darlle os litros que queira...
DRÁCULA: (Sen deixar de chorar.) Vou ser o bufón dos monstros!
MISSIS: Reláxese... déixeme abrir a ventá así o aire faille ben...
DRÁCULA: Non, a ventá non...
MISSIS: (Mentres sae ao lateral onde estaba a ventá.) Pero todo na súa vida é dicir que non!!!
(Descorre a cortina e comeza a entrar o sol.) Ai, xa está amencendo. Mire que sol máis bonito...
DRÁCULA: (Cóbrese como pode.) Sol! Sol! Sol! (Comeza a derreterse.) Dígalle á miña esposa que hoxe non me espere! (Morre.)
MISSIS: Viu, eu xa llo dixen, se se tivese posto a miña máscara bronceadora isto non lle tería pasado.


FIN

Autor: Fabián Sevilla 
Tradución e adaptación: Belén I.G.

UN FUTURO MÚSICO

OBRA HUMORÍSTICA PARA DOUS PERSONAXES

PERSONAXES:

VENDEDOR
LUCAS, UN RAPAZ

(A escena transcorre nunha tenda de música: hai instrumentos expostos e afiches de músicos famosos.)

VENDEDOR: (Ao ver que Lucas mira os instrumentos.) Boas tardes, neno, que buscás?
LUCAS: Quero dedicarme á música. E o meu pai deume diñeiro para comprar un instrumento, pero non sei cal elixir.
VENDEDOR: (Enérxico.) Viñeches ao sitio indicado: " SOAMOS! " é a mellor tenda de instrumentos musicais da cidade. Que che parece este piano?
LUCAS: Lindo, pero quería  que  no canto de teclas brancas, as tivese azuis, e que as grosas, fosen vermellas.
VENDEDOR: Pero todos os pianos teñen teclas brancas e negras.
LUCAS: Iso porque ninguén os ensinou a pintarse aínda.
VENDEDOR: Ese modelo de aí ten os pedais...
LUCAS: Aquí vende instrumentos ou triciclos?
VENDEDOR: Os pianistas pisan os pedais para...
LUCAS: Entón é ideal para un corredor de Fórmula 1. Non me convence.
VENDEDOR: E o órgano? Teño todo tipo de órganos...
LUCAS: Se non os tivese estaría morto.
VENDEDOR: Órganos eléctricos.
LUCAS: Non sabía que había corazóns ou pulmóns que se enchufasen.
VENDEDOR: (Trata manter a paciencia.) Mellor pasemos a outra cousa. Algún de vento...
LUCAS: Ventilador xa teño.
VENDEDOR: Eu referíame aos que se deben soprar.
LUCAS: Unha torta de aniversario con “velitas”?
VENDEDOR: Non, algo como... como... como esa frauta.
LUCAS: (Mira o instrumento.) Esta estragada ! Non vou comprar algo que ten semellante cantidade de buratiños . Parecen os calcetíns do meu avó!
VENDEDOR: Serve  para tocar a frauta doce.
LUCAS: Se é doce, entón non. A min encántanme as comidas salgadas. Ademais, imaxínese se esquezo gardala e a comen as formigas que son larpeiras a máis non poder!
VENDEDOR: Non che gustaría tocar a harmónica?
LUCAS: Nin tolo! Se chego a tocar a Mónica, a miña compañeira de banco, móeme a paus
VENDEDOR: Podería ser algún de corda.
LUCAS: Se quixese algo ao que hai que darlle corda, compraría un reloxo espertador.
VENDEDOR: Refírome a instrumentos que teñen as cordas tensadas e...
LUCAS: Amodiiiiiño! O único que me faltaba: rematar tendendo a roupa ao sol nesas cordas.
VENDEDOR: Por exemplo o violín, a viola ou o violoncelo.
LUCAS: Non quero saber nada con Chelo: a última vez que a vin tivemos unha discusión sobre se eu era bo músico
VENDEDOR: Talvez unha guitarra crioula.
LUCAS: Os únicos crioulos que me gustan son os chourizos que cociña a miña avoa.
VENDEDOR: Un baixo ou un contrabaixo.
LUCAS: Insinúa que son retaco?
VENDEDOR: E a batería?
LUCAS: Iso! Unha con pratos que soen como fontes, tambores que se oian como cazolas e un bombo que resoe como cando se golpea unha pota.
VENDEDOR: Entón convenche comprar unha batería de cociña.
LUCAS: E que poida golpear durante horas.
VENDEDOR: Deberá ser unha batería longa duración e recargable. Serías un gran batero...
VENDEDOR: É o que interpreta a batería. Pódoche ofrecer unha que ten unhas fermosas baquetas...
LUCAS: Outra que se vai! Onde vai Queta?
VENDEDOR: As baquetas úsanse para golpear a batería.
LUCAS: Eu non quero golpeala. A ver se a rompo, co cara que debe saír.
VENDEDOR: Aínda Que non tenés a menor idea, creo que con práctica e estudo, poderás tocar jazz.
LUCAS: Yas mesmo?
VENDEDOR: Facer pop.
LUCAS: Como unha burbulla que estoupa?
VENDEDOR: E rockear.
LUCAS: Eu non son de roncar.
VENDEDOR: (Ao público.) Este cre que para tocar en clave de Sol hai que usar anteollos escuros.
LUCAS: Se o penso, gustaríame comezar tocando unha bucina de bicicleta ou dun camión.
VENDEDOR: (Ao público.) Co pouco que sabe de música, conviríalle unha bucina de avión
LUCAS: Que dixo?
VENDEDOR: Creo que estás demasiado cru, moi verde aínda. Por agora recoméndoche que comences practicando con isto (Pasalle unha campá)
LUCAS: Bo! Con isto, se me aburro de practicar podo dedicarme a outra cousa.
VENDEDOR: A que?
LUCAS: Ao tilín tolea, vou tolear a todo o que pille por diante.
(Vaise tacando a campá e  dicíndo tolín tolea, tilín tolea )
AUTOR: Fabián Sevilla
TRADUCIÓN E ADAPTACIÓN: Belén I.G.