Mostrar mensagens com a etiqueta HISTORIA DA LINGUA. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta HISTORIA DA LINGUA. Mostrar todas as mensagens

19/01/2014

A ESCOLA DAS AREAS.

Esta  curtametraxe de animación dirixida por Tomás Conde e Virgina Curiá, está baseada nun texto de Frei Martiño Sarmiento. Ten un indubidable valor para comprendermos ben o papel castelanizador que a escola tivo no período dos Séculos Escuros, que comezamos agora  a estudar en 3º de ESO. Estreouse en 2002, co gallo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas a Frei Martiño Sarmiento (1695-1772).
Sarmiento vén a Pontevedra para buscar un remedio para a variola. Alí discute cun mestre sobre a necesidade de lles ensinar aos nenos o galego. Para demostrar a súa tese en favor do noso idioma , Sarmiento aposta que pode ensinarlle a un rapaz , Alfonsiño, a ler e escribir en tres días  co seu propio método educativo.


04/06/2013

OS SÉCULOS ESCUROS. XVI-XVII-XVIII

        Debido a circunstancias sociopolíticas Galicia perdeu moito poder no conxunto dos reinos peninsulares e pasou a depender definitivamente de Castela. Pola súa banda Portugal independizouse como estado desde o século XII.Isto dará lugar co paso do tempo a evolucións distintas entre as falas do norte e do sur do Miño.
A nobreza galega é castigada e substituída por outra de fóra de Galicia . De xeito semellante, os cargos civís son ocupados por funcionarios non galegos. Isto significou a liquidación do galego para os usos formais, e marcou o comezo da situación de anormalidade lingüística.
     A partir de agora o galego non vai usarse para a escrita, a xente continúa falándoo, pero comeza a nacer nos galegofalantes a idea de que o seu idioma non servía para os usos importantes porque cada vez que teñen que dirixirse ás institucións teñen que facelo en castelán. Deixa tamén de escribirse literatura.         
        No século XVIII a figura dun ilustrado , frei Martín Sarmiento, ten grande importancia. Ademais de ocuparse do coñecemento científico do idioma galego, unha das súas preocupacións fundamentais   foi a situación de marxinación social do galego. En numerosos lugares denuncia que o galego non sexa a lingua da Escola, da Administración e da Igrexa.

SEGUIMOS CO ROMANCE DE DARÍO XOHÁN CABANA , COA PARTE NA QUE SE DÁ CONTA DESTES FEITOS:

 III Viñeron xentes de fóra

Mais despois tempos vińeron
que Galicia esmorecía
porque nobres e señores
cometeron felonía.

Viñeron xentes de fóra
xentes de dentro marcharon
e a lingua da nosa xente
dos escritos olvidaron.

Galicia foi sometida
polo xugo de Castela
e os que mandan en Galica
non falan a lingua dela.

Pero as xentes desta terra
columna do noso pobo
non deixan de ser galegos
nin falan o idioma novo.

Artesáns e mariñeiros,
e burgueses, e labregos,
levan no peito a Galicia
e nos labios o galego.

Aínda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra lingua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre mingua.

Así van pasando os anos,
anos a ducias e a centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.

Padre Sarmiento bieito,
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xustiza
que non fale un bo galego.

Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
aínda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.

Ao principio do oitocentos
toda Galica falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.

Pero enseguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.

Galica xa tiña fendas
xa o seu corpo se crebaba
por mor dos desleigados
que a súa lei  non lle gardaban.








Ilustracións de Pepe Carreiro


02/06/2013

O GALEGO NA IDADE MEDIA

     As condicións sociopolíticas dadas a partir do século XII permitiron  que o galego se desenvolvese como  lingua principal para a poesía  . O noso idioma soaba en boca de trobadores en todas as cortes da Península e eran moitos poetas de fóra de Galicia os que adoptaban o galego como lingua poética. Neste período compuxéronse as Cantigas de amigo, de amor, de escarnio e de Santa María .
   O galego é a lingua de todos os galegos, sexan de clase alta ou baixa ; emprégase oralmente e tamén para todo tipo de documentos escritos desprazando pouco a pouco ao latín(actos notariais, xudiciais e administrativos, públicos e privados) .

Darío Xohán Cabana contaba este período neste fragmento do seu Romance da Lingua:

II O cantar dos trobadores

Neste extremo de Occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia,
e en Romania, e en Provenza.

Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala
e chamámoslle galego
“pra” poder diferenciala.

Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.

Os clérigos aínda escriben
a antiga lingua romana,
pero o pobo non aprende
pois xa queda ben lonxana.

Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomeza a ser escrita
por poetas e notarios.

Falan en lingua galega
reis, labregos e señores
e os abades dos mosteiros,
e os soldados e os doutores.


Unha grande poesía
cántase ao son das violas
polas prazas de Santiago
por Toledo e por Lisboa.

Agres cantigas de escarnio,
doces cantigas de amores,
resplandían coma as xemas
no cantar dos trobadores.

Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.

Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa lingua cantaba
con extremos de dozura.

Martim Códax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendinho
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Mińo.

Pero Meogo trobaba
ao cervo que a auga volvía,
con tan belidos dicires
que o sentido suspendían.

A luz  máis bela de Europa
desprendía Compostela
como en terras de Occitania,
de onde viña tanta estrela.

Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban
e as fazańas dos troianos.

Ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados,
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados. 




Ilustración de Pepe Carreiro  en Historia da lingua galega

______________________________




Versión do romance musicada polo grupo A Quenlla





01/10/2012

HISTORIA DA LINGUA E SOCIOLINGÜÍSTICA


 PÁXINAS CON INFORMACIÓN SOBRE A HISTORIA DO GALEGO.

HISTORIA SOCIAL DA LINGUA. ( PROXECTO LOIA . CONSELLO DA CULTURA GALEGA)

HISTORIA DO GALEGO (GALEGO.ORG. Aquí atoparás un índice co que podes acceder a información sinxela sobre as diferentes etapas da histora do idioma)


PROGRAMA DA TVG HISTORIAS DE GALICIA. CAPÍTULO DEDICADO Á LINGUA:


ROMANCE DA LINGUA GALEGA


HISTORIA DA LINGUA EN CÓMIC, POLO DEBUXANTE PEPE CARREIRO: