Mostrar mensagens com a etiqueta CONTOS. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta CONTOS. Mostrar todas as mensagens

08/11/2013

A TROPA DE TRAPO E O AMOR AOS CONTOS

          Onte , o alumnado de 1º de ESO asistiu ao espectáculo da Tropa de Trapo que leva por título A hora azul.
Trátase dunha sesión de contacontos con música, seguida despois dun obradoiro no que se traballan as técnicas de contar e a literatura de carácter oral.
Esta actividade é complementaria á programación de Lingua galega do primeiro trimeste , e ten como obxectivo ( ademais de asistir a un espectáculo ben bonito) que o alumnado aprenda a importancia da comunicación oral, os elementos que interveñen na mesma , os códigos xestuais, as diferentes recepcións que pode ter unha mesma mensaxe dependendo do emisor e do receptor... 
Todas estas aprendizaxes prácticas veñen reforzar o aprendido sobre a narración dentro das clases, ademais de servir como guía para a actividade que en breve deberá realizar o alumnado : a exposición dentro da súa aula dun conto  na que terá poñer en práctica o aprendido.
Os membros da TROPA DE TRAPO, Brais e Marta ,  souberon ademais transmitirnos con enorme sensibilidade historias doutras culturas e doutros pobos, que tan similares poden ser ás nosas en moitas ocasións . E todo iso nun clima tranquilo e agradable, que nos transmitiu moitísima paz . Estamos moi contentos de que estivesen connosco no instituto.

Aquí deixo uns vídeos nos que podemos ver algún fragmento dos contos que contaron :





E non podemos esquecer tampouco a lección que nos deu Brais sobre os instrumentos musicais que emprega no espectáculo . Aquí podedes velos para recordalos.

01/01/2013

PARA QUEN CUCOU O CUCO?

Unha vez ían dous compadres para Betanzos e,cando ían polas Capelas, sentiron cucar o cuco. Dixolle un ao outro:
- Ouh, compadre, ¿e non sente cucar o cuco?.
- Sinto, home. E non hei sentir, ... xa levo un pedazo oíndoo e ademáis hei de dicirlle que cuca para min.
- Non viva equivocado, compadre. O cuco está cucando para min, ¡ben se ve!.
- Diso nada. Teño a total certeza de que cuca para min.
Así foron porfiando ata chegaren a Betanzos coa mesma leria. Non chegaban a ningún acordo e a cada paso estaban máis enfadados. Un deles dixo:

- Mira, compadre, vai ser mellor que busquemos axuda nalguén que poida ver doutra maneira as cousas. Eu penso que podemos buscar axuda na xustiza, e un avogado pode ser quen nos diga en verdade para quen cuca o cuco.
Non o pensaron máis e foron ó avogado, entraron e contáronlle o que lles pasara. Cada un contou os feitos tal como os vía.

O avogado, dándose a valer, quedou cavilando un pouco e sen dúbida algunha, dixo:

- Ben, xa vexo máis claro o asunto. O primeiro que habedes facer e darme cada un mil pesos, e logo xa vos contarei.

Buscaron nos petos da chaqueta e cada un sacou as súas cinco mil pesetas requeridas para lle entregar ó avogado. Cando este as tiña ben gardadas, ergueu do seu asento e mirando para eles dous con cara comparacente, dixo:

- O cuco, en realidade, cucou ben.

Non cucou para ningún de volos dous, senón que cucou para min, que son quen máis saíu gañando deste curioso asunto. E para que vos sirva de escarmento, non
esquezades que "de testáns e porfiados, vivimos os avogados".

OS VELLOS E O RAPOSO


Nunha ocasión un vello  e mais unha vella ían buscar un carro de toxo ao monte. Polo medio do camiño perderon o adival que, moi habilmente, colleu o raposo que andaba por alí e gardouno.
Cando os vellos cargaron o toxo no carro, viron que non tiñan con que atalo. Faltaba o adival. Entón o raposo saíu de tras dun valo e dixo:
- ¿Que me dades se vos digo del?.
- Dámosche unhas galiñas que temos na casa. Son boas e están ben alimentadas.
- ¿E como mas habedes dar?.
- Tes que confiar en nós e agardar a que cheguemos de volta á casa.
- Si, si, pero de volta na casa, ¿Como sei que mas habedes dar?.
- Non temas. Mesmo ao chegarmos, metémolas nun saco, soltámoschas polo
pasadoiro da horta, alí píllalas e vaste.
- Está ben, ¡vale!.
Foi polo adival e os vellos poideron atar o toxo ao carro. Marcharon e atrás ían o raposo e tamén a raposa moi contentos de como acontecían as cousas.

Ao chegar, o vello foi polo saco pero no canto de de meter as  galiñas meteu dous cans grandes. Levounos ao pasadoiro da horta e soltoullelos. A raposa e o raposo corrían coma centellas. No medio do camiño díxolle o raposo á raposa:

- Maruxiña dá ás chancas que neste mundo todo é trampas.

OS TRES IRMÁNS


Eran tres irmáns que decidiran saír polo mundo a gañar a vida e ningún deles sa¬bía falar o castelán, cousa que os traía moi cavilosos, pois tíñalles dito un veciño, que correra moitas terras, que para non morrer de fame era preciso falar ben o castelán.  Cando estaban discorrendo o que habían de facer, chegaron uns casteláns e puxé¬ronse a latricar moi alto. Entón matinaron de se ir chegando a eles e escoitalos para aprender. Foi primeiro o máis vello e escoitou que dician: nosotros. 
O home coidouse sabido de abondo e, voltando moi contento onde os irmáns, díxolles:
-Xa seí falar o castelán; oínlles dícír  NOSOTROS.

En vista do pronto e ben que seu irmán aprendera, tamén foi alá o segundo, que che¬gou cando un dos casteláns dicía: ahora mismo. E correndiño voltou a onde os seus ga¬bándose de que el tamén aprendera o castelán.
- Xa sei dicir: AHORA MISMO —dixo todo fachendoso.

O máis cativo, para non ser menos, tamen foi pe dos forasteiros e ouiulles dicir ESTÁ BIEN, co que xa se coidou tan sabido como os seus irmáns.
Como xa sabían falar o castelán, decidiron saír a correr mundo dispostos a facérense ricos. Mais cando xa estaban en terras de Castela toparon un día no camiño cun ho¬me morto e, como tiñan bo natural, deulles pena del e collérono para arredalo da es¬trada. Neste intre chegaron os gardas civís e preguntáronlles:
- ¿Quién mató a ese hombre?
- Nosotros, responden o mais vello dos irmáns para lucir os seus coñecementos de castelán.
- ¿Cuándo lo han matado?, preguntaron os civís.
- Ahora mismo, dixo o segundo para non se quedar atrás.
- Entonces, dense ustedes por presos, dixeron os gardas.
- Está bien, replicou o máis cativo, tan satisfeito de ver o ben que se entendian con aquela xente.
Entón os civis prendéronos e leváronos á cadea onde pagaron coa vida a aldraxe de esqueceren a súa lingua pola allea.

(Conto popular)

OS LOBOS E A MÚSICA


Era unha vez un gaiteiro que viña xa de tarde pola fraga despois dunha troula, e como tiña moito sono deitouse nunha pila de folla. Durmiuse, e estando durmido veu o lobo, uliscouno, e tapouno un pouco coas follas pensando quizais en voltar algo máis tarde  cos compañeiros.
O noso homiño, que espertara ao sentir vir os lobos, subiu a un carballo.
Viñeron os lobos e empezaron a fozar na folla, pero como non o atoparon, empezaron a pelexar co lobo que os chamara. Nisto que o noso gaiteiriño vendo a pelexa que tiña os seus pés, empezou a encirrar para que lle seguiran zoupando ao lobo que o descubriu, pero velaí que cando se decataron os lobos que a súa cea estaba no carballo, deixaron a pelexa e empezaron a rillar no carballo. Mais cando o carballo xa ía caer, o gaiteiriño pasou polas gallas ata outro carballo.
Empezaron os lobos con máis fame aínda a roer tamén o outro carballo. Pero agora xa non había máis árbores facer o mesmo de antes. Ao darse conta, o homiño dixo.
- “Me cago no mundo, se hei de morrer... que sexa tocando”.
E empezou a tocar na gaita. Non se sabe como, pero en canto a gaita empezou a berrar, fuxiron os lobos coma se oísen as galochas do demo. O noso gaiteiro baixouse do carballo sen deixar de tocar a gaita, e tocando sen parar nin un momento chegou á aldea.
Dende entón os desta parroquia cando teñen que ir polo monte e non teñen armas levan a gaita.

Conto extraído de http://www.galiciaencantada.com

OS DOUS NAMORADOS E A CABRA

Era unha vez  un mozo e unha moza que, estando moi namorados e sendo veciños da mesma aldea, só se podían ver ás agachadas porque os seus pais non consentían con agrado aquela relación.
Daquela, un dia, a moza díxolle ao mozo:

- ¿Oíches?. Esta noite quero que me veñas ver. Quero que veñas á miña casa, pero ¡coidado! que meu pai ten un sono moi lixeiro e pode pillarnos. Cómpre que sexas lixeiro coma un gato e pillo coma un rato.

- Si, ti moi ben falas pero o que corre todos os riscos son eu. Convén que me digas como podo facer, a min gustaríame ir pero con todas as garantias -dixo o noivo. -

- Non teñas medo que meu pai non ten porque nos pillar. E si por calquera casual fixeras algún ruído, arremeda a cabra. Imita os ruídos que pode facer unha cabra coma a nosa, que dorme na entrada do corredor. Meu pai, de vez en cando, berra e pregunta a ver de quen son os ruídos, ata que queda conforme se son os propios do animal coas patas nas táboas ou buscando acougo.

Chegou a noite e tal como tiñan tratado, o mozo entrou con moito tino e como estaba escuro, tropezou nun caldeiro e o pai dela acordou e botou un berro:

- ¿Quen anda ai?.

E o mozo todo irritado pero, ao mesmo tempo, contendo a respiración e o agobio, nun arrebato de lucidez, e intentando calmar todo, dixo:

- ¡Son a cabra!, ¡son a cabra!.

OS CATRO MOZOS

Había unha vez catro mozos que vivían nunha aldea. Para pasar o tempo, andaban sempre a inventar historias e contos estraños.
Un día viron no camiño a un viaxeiro, un home ben vestido que viña de fóra, e entre os catro argallaron para roubarlle a roupa.
Os mozos achegáronse ó home e puxéronse a falar con el. De alí a un pouco, un dos mozos propuxo facer un concurso:
—Que cada un de nós conte a súa aventura máis marabillosa. Se alguén non a cre, convertirase en escravo de quen a contou.
Ó viaxeiro pareceulle ben a idea, e os catro mozos rían entre eles, pensando que aquel home era un parvo. Os mozos pensaban que non podían perder, porque eles nunca dirían que non crían as historias do viaxeiro. E ademais tiñan pensado contar historias imposibles de crer... Así, cando o home perdese o concurso, sería o seu escravo e tería que darlles a súa roupa.
Chamaron ao alcalde para que fixese de árbitro e quedaron en que o viaxeiro falaría de último. Comezou a falar o primeiro concursante:

—Antes de que eu nacese, miña nai pediulle a meu pai unhas cereixas da cerdeira que hai á beira da casa, pero meu pai díxolle que estaban moi altas. Entón fun eu, cando ninguén me vía, agatuñei pola cerdeira arriba, collín as cereixas e pouseillas na mesa á miña nai.
O viaxeiro non dixo nada, así que comezou a falar o segundo mozo:
—Cando eu tiña unha semana, fun ao monte a dar un paseo e subín a un eucalipto onde había unha colmea. Convencín ás abellas para que non me picasen e enchinme de mel. Despois doíame o bandullo e non podía baixar do eucalipto, así que fun á casa por unha escaleira e cando trouxen a escaleira xa puiden baixar.
O viaxeiro non abriu a boca, así que comezou a falar o terceiro concursante:
—Cando tiña un ano vin un coello liscando polo souto arriba e púxenme a seguilo. Cando o pillei polo rabo, descubrín que era un tigre. O tigre abriu a boca para me papar, pero eu díxenlle que iso non estaba ben. Como o tigre non me facía caso, sopreille e partino en dous.
Tampouco aquí dixo nada o home, así que tivo que falar o cuarto mozo:
—O ano pasado fun pescar, pero non collín troita ningunha. Pregunteilles aos outros pescadores se eles pillaran algo, pero eles estaban igual. Entón, para averiguar o que pasaba, boteime ao río. Tardei tres días en chegar ao fondo, e alí vin un peixe grande como unha montaña que estaba a comer todos os peixes pequenos. Matei o peixe grande dunha labazada e, como tiña algo de fame, decidín xantar alí mesmo. Fixen lume, aseino e papeino dunha sentada.
Os mozos esperaban que o viaxeiro dixese algo como "iso non pode ser" ou que rise polo menos. Pero o viaxeiro non dixo nada desta historia e comezou a contar a súa, porque xa lle tocaba:
—Hai algúns anos eu tiña unha granxa. No medio había unha árbore de froita, moi distinta ás demais, con catro pólas e ningunha folla. Co tempo, de cada unha das pólas saíu un mozo. Como a árbore era miña, os mozos eran os meus escravos, e púxenos a traballar na granxa. Pero eran moi preguiceiros, e sentaban a contar contos en vez de baixar o lombo. Hai dúas semanas que escaparon os catro da granxa e alégrome de que por fin os teña atopado. Os catro mozos sodes vós, así que, por favor, volvede á granxa.
Os mozos non sabían que dicir. Se dicían que a historia era falsa, perderían o concurso e convertiríanse en escravos do home. Pero se dicían que a historia era verdadeira, tamén se estaban facendo escravos do viaxeiro.
O alcalde preguntoulles se crían a historia ou non, e como os mozos non contestaron, decidiu que os mozos eran escravos daquel home.O home pediulles ós mozos as súas roupas e deixounos en coiros para vergonza deles e exemplo de todos os  mentireiros do mundo.
( Conto de Birmania)

OS ANIMAIS AMIGOS

Unha vez era un can ao que querían matar. Entón púxose a comer unha ovella. 
Chegou por alí un burro e díxolle:
-¿E ti que tas facendo, ho?
-Estoume enchendo ben, que mañá quérenme matar; así, polo menos, vou ben farto. Contestou o can
-Vente comigo, que tamén a min me pasa eso,  ímonos. Díxolle o burro
Máis adiante atoparon cun gato. O gato estaba no chan  rillando nun queixo.
-¿Que estás facendo, ho?Preguntáronlle
-Quérenme matar mañá e estoume enchendo ben.Contestou
-Vente con nós.
Máis adiante había tamén  un galo nunha eira, estaba comendo ben grans e tamén lle preguntaron:
-E logo, ¿que estás facendo?
-Tamén me queren matar.Dixo.
Así foi que marcharon todos xuntos, fuxindo do enimigo  e andaron e andaron quen sabe o que ata o solpor.
Entón o gato subiu a un carballo que había por ver se albiscaba algo  e dixo:
-Vexo unha luciña dunha casa,pero está algo  afastada .
E colleron todos naquela dirección. Ao chegar viron a fumeira arriba do tellado .E abaixo había unha cociña; eran uns ladróns que estaban comendo. Tiñan unha mesada de comida e moitos cartos. 
Os animais entón pensaron un plan :
-¡E como habemos facer!   A ver …pois…  o burro a ornear, o galo a cantar, o can a ladrar i o gato a miañar!
E empezaron con aquela faena. E os ladróns:
-¡Ai, que aí vén a tropa!  -¡Ai, que aí vén a tropa! 
E marcharon. Pero desde que chegaron aló lonxe, dixeron:
-E, ¿que sería aquelo, ho? ¿Que sería aquelo?E entón mandáronlle volver a un deles, para mirar.
Os animais, desde que cearan e se puxeran ben fartos decidiron onde durmir:
-Pois agora , o burro á corte, o can á porta, o gato ao carón  do lume i o galo ao poleiro.
Aquel que fora mirar, ao pasar pola corte recibiu dous couces do burro, despois pasou pola porta e o can trabouno nunha cacha. Logo foi  mirar tamén se había lume e o  gato,ao que lle alumaban os ollos de noite, tirouselle á cara e desfíxolla toda. E o galo cantaba : Quiquiriquí , quiquiriquí.
Cuando ladrón chegou xunta os outros, preguntáronlle:
-¿Que había alí, home? ¿Que había alí?
Que había de haber home! ¿ Que había de haber! ¡Pasei pola corte do burro e déronme dous sopramocos ;pasei pola porta e arrincáronme unha cacha; cando fun mirar se había lume rabuñáronme na cara! E aínda quedaba un deles berrando  : “ ¡traédemo pra aquí “ “Traédemo pra aquí!” Aquel se me chega pillar seguro que acaba comigo.

O ZAPATEIRO DE CANGAS

       Di a lenda que a noite de San Xoán todos os bruxos e bruxas do Morrazo debían achegarse á praia de Areas Gordas de Tirán, onde tiñan unha xuntanza coa xerarquía capital dos dedicados á ciencia dos aquelarres: o Demo.
Ás doce da noite púñanse en camiño, cada quen empregando os medios de locomoción característicos da clase bruxeril: a vasoira.
Había por aqueles tempos unha bruxa en Cangas moi sonada, que tiña un amigo zapateiro, tamén en Cangas, e nas vésperas da noite das fogueiras escomenzou a porfiarlle á nosa bruxa que, por forza, tiña que ir tamén el, para ser testemuña da ceremonia que alí tería de ser realizada.
Ela deulle para atrás na teima de querer acompañala, mais o zapateiro non afrouxaba nas súas intencións. E como a teima pode máis que as razóns, ao fin a bruxa non tivo outro remedio que levalo, non sen antes adoutrinalo sobre a conduta que había de mostrar diante de tales representantes da bruxería galaica, concretamente da do Morrazo.
Chegaron ao lugar prefixado pasada a media noite. Alí xa se encontraban a maioría dos que ían compoñer a xuntanza: meigas e bruxas.
Púxeronse en ringleria, segundo a xerarquía, dispostas a recibir ao Principe das tebras: Belcebú. 
Este non se fixo esperar. Apareceuse en forma de carneiro negro, ficando baixo a copa e ao pé dun carballo vello. Os da cabeza da ringleira foron os primeiros en saudalo. A fórmula litúrxica consistía en levantarlle o rabo ao carneiro, ao tempo que dicían, bicándoo no cu:
—Credor do noso benfeitor.
Cando lle chegou a quenda  á bruxa de Cangas (o zapateiro non saía da beira dela, apegándoselle á saia), bicou ao carneiro do modo sinalado. Ao zapateiro tamén lle levantou o rabo pero, namentras o facía, sacou a subela que levaba escondida, e cravoulla no sitio que xa sabedes.Virouse entón o carneiro, e dixo:
—¿Quen foi o que bicou agora?
A nosa bruxa sospeitou que o zapateiro tiña feita algunha falcatruada das del, e toda nerviosa respostou:
—Foi o zapateiro de Cangas.
—Pois dille que se afeite, que ten ás barbas muy agullentas—dixo o carneiro.

O TOLO E AS MOSCAS

Unha vez era un tolo que nunca se lavaba e no verán as moscas comiano a feito pois non lle saían da cara. O home desesperábase, pero non lle valía. Un día oíulle dicir a un veciño que ía dar parte doutro porque se metera con el e estivo pensando que ta¬mén podía dar parte das moscas posto que sempre se estaban metendo con el. Así é   que foi onde ao xuíz e díxolle:
- Eu veño aquí dar parte das moscas, que sempre se andan metendo comigo.
O xuíz, que o coñecía ben, respondeulle:
- ¡Non lles fagas caso, ho, non lles fagas caso!
- ¡Non, eu quéroas castigar!
- Pois mira -dixolle o xuíz-, o mellor é que collas a xustiza pola túa man; agarras un pao e, onde vexas unha mosca, ¡pumba!, zorrégaslle ata que non quede unha viva.
Naquel intre había dúas ou tres moscas pousadas na calva do xuiz. Viunas o tolo e foi e colleu unha cachapica que había colgada nunha trabe e empezou a pegar nas moscas que estaban na calva do outro e non parou ata que tirou con el no chan deixándoo por morto.

O REPARTO DAS TROITAS

Isto sucedeu haberá uns cincuenta anos na aldea de Vilar de Mato, en Cuntis (Pontevedra). Aló vivían dous curmáns, Heladio e Emilio, que a pesar de que eran moi distintos e de que sempre andaban a rifar, estaban sempre xuntos como se fosen uña e carne. O Heladio era o máis vello dos dous e, aínda que non era ben listo, tiña habilidades innatas para a arte da pesca. 
Foi o caso que un día Emilio propúxolle ao seu parente ir botar as canas ao río, e acordaron repartir a pesca a partes iguais ao final da xornada. Tal como era de esperar Heladio colleu moitas máis troitas. Pero un trato é un trato. Para facer o reparto apuntouse axiña Emilio, que fora un par de anos á escola e sabía algo de números. 
—Unha para min, outra para ti, outra para min... —contaba o máis novo en voz alta.
—Unha para min, outra para ti, outra para min; unha para min, outra para ti, outra para min; unha para min, outra para ti, outra para min...
E así ata repartir coa súa peculiar malicia un total de cincuenta e oito peixes. Ao rematar, mirando Heladio para un e outro monte de troitas, e quedando pampo ao ver que a parte do seu curmán era ao menos o dobre da súa, dixo abraiado:
—¡Manda truco, Milio!, se non chas vise contar pensaba que me enganabas.

O RAPOSO E A ÁGUIA

O raposo estaba a porta dun galiñeiro, sentado co seu caxato zarandeando, esperando a que saíran as galiñas para collelas. Entón veu a aguia e sentou ao lado do raposo e este díxolle:
-Ai señora aguia, que milagre andar vostede por aquí! Eu estou esperando a que saían esas da capoeira para enganchalas.
E a aguia díxolle :
-Eu ben che sei onde hai unhas vodas de galiñas, haiche  doce canastras de galiñas convidadas ao festín.
-Oe, pero onde son esas vodas?
-Esas vodas son no ceo.
-Quen che me dera ir alá....
-Pois sin dubida se queres lévote eu, eh?  Ti sabes montar ao carrelo?
-Monto aínda que sexa no cabalo do demo.
Montou, andaron e andaron unha chea de tempo.E a aguia díxolle:
-Que tal vas ho?
-Eu ben, pero o peor es ti.
- Pois eu cando canse xa te pouso.
-Ti, tira para diante e que non te tente o demo, non vaias dar unha volta e me tires ao chan.
Andaron máis un pouco e cando lle deu a gana a aguia deu un pinchacarneiro  e aí vén o raposo desde alá riba a rolos.Mirou unha cancela e dixo:
-Fuxe cancela que te fendo.
Nisto mirou un palleiro e dixo:
-Escapa palleiro que non quedas enteiro.
Grazas ao palleiro foi rodando polas pallas abaixo, ata o chan. Levantou un ollo para arriba e dixo falando en castelán moi amolado pola experiencia :
“Si desta salgo y no muero no quiero más bodas al cielo.”

O PASTOR E O RAPOSO

Unha vez era un pastor, e o raposo comíalle as ovellas todas. O pastor xa non sabía como había de facer, así que chamou polo raposo e díxolle:
—Mira, raposo, ti e mais eu non podemos seguir así. Propóñoche un trato.
—¿Que trato é? — preguntou o raposo.
—A ver logo. Eu sei que a ti che gustan máis as galiñas que as ovellas, ¿non sí?
—Home, para que o vou negar... Pero as galiñas telas gardadiñas na casa, e as ovellas téñoas máis á man no monte.
—Pois mira. Se ti non me comes máis ovellas, eu tráioche da casa un saco cheo de galiñas das máis gordas que teño.
O raposo lambía o fociño moi contento, pensando nas galiñas, e dixo:
—¡Trato feito! Pero mira ben que mas vaias traer, porque se non mas traes...
—Non te preocupes, ho, que mañá á primeira hora xa as tes aquí.
O pastor marchou para a casa. Á mañá seguinte encheu un saco de cans e volveu ao monte. O raposo xa o estaba agardando, e preguntoulle ó pastor:
—¿Que? ¿Traes aí o que me prometiches?
—¡Traio, ho! Aquí tes  as  galiñas que che prometín.
E puxo no chan o saco cheo de cans. O raposo achegou o fociño ó saco para ver se lle ulía ben. E dixo:
—Ai, galiñas serán, 
pero a min cheirar... 
¡chéiranme a can!
Pero o raposo tiña gana de ver as galiñas, e abriu o saco. Entón os cans botaron a correr atrás del... ¡e disque o raposo aínda está correndo hoxe!

O HOME PARVO

Hai moitos anos, nunha aldea á beira do río, vivía un home que se chamaba Mabale. Tiña unha filla moi fermosa, e non quería que ningún mozo se lle achegase.
Naquel tempo, as mozas non podían escoller con quen casaban. Se viña un mozo que quería a unha moza por muller, tiña que pedirlla ao seu pai, e era o pai quen daba ou negaba o permiso.
Mabale poñíalles unha proba a todos mozos que lle pedían permiso para casar coa súa filla. A proba era a seguinte: tiñan que traerlle desde o río un cesto cheo de auga.
Pero a auga escoaba por entre os vimbios do cesto, e era ben difícil que chegase unha pinga á casa de Mabale, para canto máis o cesto cheo. E os mozos marchaban tristes para a súa casa.
Un día de primavera apareceu un viaxeiro na aldea. Cando viu á filla de Mabale quedou namorado dela e foilla pedir ao seu pai. Mabale púxolle a mesma proba de sempre e el aceptou.
O forasteiro pediu o cesto máis grande que houbese na aldea para o encher no río, e máis dúas varas para podelo coller despois. O cesto que lle deron era alto como un home, dos que levan na miña parroquia cando van apañar as uvas. Tamén pediu que lle axudasen dous mozos da aldea a sacar o cesto do río.
A xente da aldea riuse moito vendo o que facía aquel home. Chamábanlle "o home parvo" porque todos sabían que ninguén podía levar a auga nun cesto.
Chegou o día de cumprir a proba e aló se meteron no río o forasteiro e mais os mozos que lle axudaban. Cando quixeron sacar o cesto, pesaba tanto que as varas romperon ao momento.
Entón o home díxolle a Mabale que aquelas varas non aguantaban do cesto, e pediulle unhas liñas de fume da súa lareira para poñer no sitio das varas.
Mabale foi á casa e quixo coller as liñas de fume, pero escapábanlle polo aire, así que volveu e explicoulle ao forasteiro o que lle pasara, e entón o forasteiro respondeu:
—Pois se non me traes unhas liñas de fume, non che podo levar un cesto con auga.
E Mabale tivo que darlle a razón e o permiso para casar coa súa filla. Porque non podemos pedirlle a ninguén que faga unha cousa imposible.
(Conto de Guinea Ecuatorial)

CONTO DO GALO QUIRICO QUE QUERÍA IR Á VODA DO TÍO PERICO

Este conto que vos vou contar vai do galo máis festeiro de todo o galiñeiro. Évos o conto do galo Quirico que ía para a voda do tío Perico.
Chegouche o día da voda e o noso galo ergueuse moi cedo. Lavouse, arranxou as plumas... ¡púxose como nunca se puxera! ¡Todo elegante! ¡Daba gusto velo! Pouco a pouco foise indo pola corredoira que levaba á casa do seu tío Perico.
Cando xa levaba un bo cacho andado viu de súpeto, xusto no medio da corredoira, unha gran bosta de vaca cun verme color rosa enriba. ¡Que delicia! ¡Que apetitoso! E entón chega a dúbida:
—¿Pico ou non pico? Se pico vou enlixar o pico, e non vou poder ir á voda do tío Perico. Pero se non pico, coa fame que teño non vou dar chegado á casa do tío Perico.
Despois de moitas dúbidas non puido resistir a tentación e picou. ¡Vaia se picou,que todo o peteiro emporcou! E claro, agora máis dúbidas:
—¿Que vou facer co peteiro como o teño? Así non podo chegar á casa do tío Perico.
Todo preocupado, cheo de pena e co peteiro cheo de bosta, foi indo ata que chegou a un prado e alí viu á herba. Ó vela, o galo ocorréuselle unha idea:
—¡Herba, herbiña, límpame o pico que vou para a voda do meu tío Perico!
—Limpo, limpo, pero antes tes que dicirme onde está vermiño.
—Non sei, eu non sei.
Nisto que a herba se pon a berrar:
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
Tanto berrou que o vermiño que tragara o galo Quirico oíuno.
—¡Estou aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai, si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro! —dixo, toda enfadada, a herba. 
O galo seguiu o seu camiño ata que topou cunha ovella.
—¡Ovella! ¡Ovelliña! Come a herba que non me quixo limpar o pico para ir á voda do tío Perico.
—Como, como, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
Despois de atravesa-lo prado onde estaba a ovella entrou nun bosque. Alí atopou un lobo.
—¡Lobo! ¡Lobiño! Come á ovella, que non quere come-la herba, que non me quixo limpa-lo pico para ir á voda do tío Perico.
—Como, como, pero antes tes que dicirme onde está vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
O galo seguiu o seu camiño, cada vez máis cabreado, ata que atopou cun gran pau.
—¡Pau! ¡Pauiño! Pégalle ó lobo, que non quere comer a ovella, que non quere comer a herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Pego, pego, pero antes tes que dicirme onde está vermiño.
—Non sei, eu non sei.
——¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
—¡Que pau máis retorcido! ¡Máis que pau es un garabullo! —díxolle o galo antes de seguir co seu camiño.
Seguiu andando ata que topou cunha gran fogueira.
—¡Lume! ¡Lumiño! Queima o pau, que non quere pegar ao lobo, que non quere comer a ovella, que non quere comer a herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Queimo, queimo, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda do seu tío Perico!
—¡Ai si! ¡Pois agora por mentireiro non che limpo o peteiro!
Seguiu andando ata que chegou á ponte da aldea. 
—¡Río! ¡Riíño! Apaga o lume que non quere queima-lo pau, que non quere pegar ó lobo, que non quere comer a ovella, que non quere comer a herba, que non quixo limparme o pico para ir á voda do tío Perico.
—Apago, apago, pero antes tes que dicirme onde está Vermiño.
—Non sei, eu non sei.
—¡Verme! ¡Vermiño! ¿Onde estás?
—¡Aquí, aquí! ¡Na barriguiña do galo Quirico que vai para a voda

CONTO DE BOTAR AS TRIPAS FÓRA

Era unha muller que tiña un fillo medio tolo, e o fillo xa era mozo. Un día, o mozo díxolle á nai que quería marchar polo mundo adiante.
A nai non o quería deixar ir, pero tanto el insistiu e tanto el porfiou, que ó final tivo que darlle permiso. Antes de marchar, mataron un año e comérono, pero como o mozo non estaba a gusto se non facía algunha toleada, colleu as tripas do año e atounas de arredor do seu bandullo como se fosen un cinto.
Despedíronse a nai e mais o fillo, e a nai deulle un consello:
—Fálalle a todo o mundo con educación. Tes que dar os  bos días, as boas tardes e as boas noites, e cando encontres a alguén traballando, dilles "Deus vos axude".
O tolo marchou por un camiño e encontrou a dous homes pelexando. Acordouse do consello da nai e díxolles:
—Boas tardes. Deus vos axude.
Os que pelexaban pensaron que estaba a burlarse deles e contestáronlle:
—¿Como que Deus nos axude? ¡Ímoste axudar nós a ti!
Pararon de pelexar entre eles e déronlle unha malleira ao tolo. Cando cansaron, o tolo díxolles:
—Eu se vos dixen "Deus vos axude" foi porque miña nai me mandou.
—Pois así non se di.
—¿E logo como hei dicir?
—Deus vos aparte.
O tolo seguiu polo camiño e chegou á porta dunha igrexa onde estaban a facer unha voda, e díxolles:
—Boas tardes. Deus vos aparte.
Os da voda, oíndo aquilo, fóronse a el e zoupáronlle ata quedar sen folgos.
—¿Por que me pegades?
—¿E aínda o preguntas? Por dicir "Deus vos aparte".
—¿E logo como hei dicir?
—Tes que dicir "Deus vos aumente".
Botou a andar outra vez o tolo. Viu un home que estaba a curar uns furunchos que lle saíran nunha perna, e díxolle:
—Boas tardes. Deus vos aumente.
O que lle aumentaron foron os paus ao tolo, pois aquel home deulle unha tunda que non é para contala. O toliño comprendeu que non falara como debía, e preguntou:
—¿Seica non falei ao xeito? ¿Como teño que dicir?
—Tes que dicir "nin nazan nin reverdezan".
De alí a un pouco viu a uns labregos que andaban a sementar o trigo e díxolles:
—Boas tardes. Nin nazan nin reverdezan.
Os labregos pegaron a correr atrás del. Pero o tolo, que xa viña escarmentado, escapou. Como lle estorbaban as tripas do año que traía na cintura, sacou a navalla e cortounas.
Unha muller que traía a comida para os labregos berrou:
—Non o colledes, que sacou a navalla e botou as tripas fóra, e agora corre moito máis.
Os labregos pensaron que para collelo habían de facer o mesmo, sacaron as navallas, e cada un abriu o seu bandullo. E, claro, alí quedaron no sitio.

NOS TEMPOS DE MARÍA CASTAÑA

Un día, estando na casa da aldea a familia toda, o avó e mais a netiña foron dar un paseo. Era xa a tardiña, pero aínda ía calor, polo que de alí a un pedazo, sentaron os dous á sombra dun gran castiñeiro. Era este un castiñeiro moi fermoso, verde, de follas grandes que só deixaba pasar unhas pequenas raiolas de sol.
O avó dixo que aquel castiñeiro levaba alí desde que a familia fora vivir para aquelas terras, por aló polos tempos de Maricastaña.
- Avó,… ¿por que dis que foi nos tempos de Maricastaña? ¿Que queres dicir? ¿Cando foi iso?
- Hai moito, moito tempo, Sabeliña.
Cando eu falo dos tempos de Maricastaña quero dicir que xa hai moito tempo que os pais dos meus pais viñeron vivir para estas terras; que xa pasou moito, moito tempo desde entón.
- Pero ¿Quen era esa señora? ¿Quen esa Maricastaña?¿Por que falas dela?.
- Mira, Sabeliña, Maricastaña foi unha muller que existiu de verdade, e que viviu hai máis de seiscentos anos nun sitio da Provincia de Lugo, alá por Terras de Lemos.
Foi unha señora moi coñecida porque, unha vez, protestou polos impostos que lle mandaban pagar os recadadores do Bispado de Lugo. A ela parecéronlle moitos cartos e sendo como era unha muller moi decidida, xuntouse con outras persoas que estaban na mesma situación e todos xuntos decidiron protestar, primeiro de palabra e despois pola forza.
As palabras non foron escoitadas e entón Maricastaña encheu o mandil de pedras na Praza Maior de Lugo e berrou: ¡A eles que son poucos!. As pedras caían coma un trebón nas cabezas dos recadadores de impostos. Os compañeiros de Maricastaña non o pensaron dúas veces e tamén agarraron pedras e coios contra os cobradores que non tiveron máis remedio que escapar ás carreiras cara á Catedral. Pero alí mesmo foron apedreados. Un deles quedou ferido de morte.
O suceso correuse entre as xentes como a pólvora. Todos falaban da revolta de Maricastaña e os seus compañeiros. Pero a cousa non quedou así, porque diante dun delicto coma aquel, no que tomaron a xustiza pola man, tivo que se presentar a Xustiza e detivéronos. Maricastaña chegou a ser condenada a morte, da que librou grazas ao favor do Rei e a pagar unha forte multa. Así puido seguir con vida e volver ás Terras de Lemos. O que ninguén puido evitar foi que, desde aquelas, a xente empregara esa expresión que eu che dixen: … foi nos tempos de Maricastaña… para indicar que aquilo foi xa hai moito tempo.

AMIGOS SI , PERO...

Amigos sí, pero...

            Criáranse xuntos, xuntos foran á escola e xuntos traballaron mercando e vendendo chatarra.Andaran todos os arredores e coñecían moita xente.Compartían os moitos esforzos e os escasos beneficios que aquel traballo lles daba.
Por iso chegou o día en que un, decidiu probar sorte e emigrar. Non lle gustaba moito a idea, pero quería probar en América.
Pasaron os anos e un día, como tantos outros, volveu pobre como as arañas e con moi pouca saúde. Preguntou polo seu amigo e dixéronlle que deixara o negocio ruinoso da chatarra, que agora vivía ben e traballaba na vila vendendo castañas asadas na temporada e que, só con iso, tiña para pasar folgadamente o resto do ano nunha casiña que fixera chegando á estación do tren. Dixéronlle tamén que, si quería velo, estaría diante da oficina bancaria que había na Paraza Maior, que alí estaba o posto, co seu asador de castañas que semellaba unha máquina do tren e vendéndoas por cornetes

Achegouse alí. Mirouno de lonxe e seguía coma sempre, aínda que  agora co seu trebello dándolle voltas ás castañas que asaba. Tiña moita xente agardando para lle mercar e o certo é que soltaban un arrecendo impresionante por toda a praza. Cando se viron déronse unha forte apreta e falaron, e riron, e comeron castañas e lembraron cousas e xuntos venderon castañas para ter tempo para eles e seguir falando. Ao final xa cando levaban un bo anaco de palique, un dixo:
- Pois xa ves, non me foi moi ben en América estes anos e mesmo veño algo enfermo e contando de me recuperar e seguir traballando mentres o corpo aguante.
- Ai home. Pois eu aquí che estou, diante do Banco e dedicado plenamente ao negocio das castañas. Xa ves que ben me vai. Hai días que non dou feito. Vivo folgadamente e sen luxos, pero este negocio, por desgraza, non dá para os dous e por riba eu teño unha boa familia. De todos os  xeitos se te ves necesitado...
- Xustamente a iso viña, a ver se me prestabas algo.

- Pois síntocho ben, home. Pero temos un trato feito que non podo romper coa oficina bancaria de aí de diante: "nin eu podo prestar cartos, nin eles poden asar castañas".

A PEGA E O RAPOSO

                  Hai moitos anos nunha carballeira moi preto de aquí houbo unha pega que fixo o niño nun carballo bastante torto e moi alto.Despois de chocar os ovos, nacéronlle cinco peguiños. A pega estaba moi contenta e orgullosa da súa niñada. Buscaba comida para as súas crías non moi lonxe do niño, para así telo controlado e que ninguén se aproximara a molestar os seus fillos.
Certo día que estaba dándolles a bicada ás súas crías apareceu un astuto e famento raposo. Ao pasar por debaixo do carballo sentiu un pouco de barullo e mirou para arriba.
—Mira onde teño comida— dixo para el—. Pero o carballo é bastante alto, ¿Como podo facer para matar a fame? ¡Xa sei!
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son. —dixo a pega, toda chea de razón.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! —dixo o raposo ameazando con cortar o carballo.
Diante de tal ameaza, a pega púxose a cavilar: se non lle dou un fillo é capaz de tronzar o carballo e... así vai comer a todos os  meus fillos. Así que chea de medo e dor botoulle un pego abaixo. O raposo coa fame que tiña a penas o remoeu, case que o tragou enteiro e coas plumas. Mentres a pega quedou chorando a súa perda, o raposo foise todo contento e coa barriga chea.
Para o día seguinte, case que á mesma hora o raposo achegouse á carballeira para volver a comer.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
Chea de medo a pega botoulle outro pego. O raposo que hoxe non traía tanta fame doulle tempo a saborear aquel exquisito bocado e foise todo contento pensando que ao día seguinte xa sabía a onde tiña que acudir para calmar a súa fame.
E así fixo. Chegada a hora de comer o raposo foi cara á carballeira. Chegou ao pé do carballo e...
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
A pega toda atemorizada botoulle outro peguiño. Así ata que certo día, cando xa só lle quedaban dous filliños, veu a conversa entre o raposo e a pega un carrizo que pasaba por alí.
—Oe, non é por nada, pero coido que estás facendo mal. 
—¿Como que estou facendo mal? Se non lle boto un fillo corta o carballo e vai comer todos. —Dixo a pega toda apesarada.
—¡Que va, muller! O que lle tes que dicir e que sen serras nin machado non se tronzan os carballos. Xa verás como non é capaz de facelo.
—¿Ti cres? ¿Non me enganarás? 
—Non muller, ¿como te vou  enganar? ¿Que gaño eu con enganarte?
—Ben, pois así farei. Agardo non arrepentirme.
Ao outro día a iso da hora de comer o raposo acudiu á cita todo confiado con apagar a fame con outro dos fillos da pega.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
—Sen serras nin machados non se tronzan os carballos.
O raposo diante de tal ousadía enroscou o rabo ao carballo e empezou a facer forza, pero claro, o carballo non caeu. Ameazou e berrou contra a pega, pero non lle serviu de nada e tivo que marchar de alí amolado e cheo de fame.
A pega quedou toda contenta cos poucos fillos que lle quedaban, pero aprendeu a lección para non deixarse enganar tan facilmente e quedou eternamente agradecida ao carrizo que tan ben a aconsellara.